Centos de mulleres marcharon nas vilas e cidades galegas este sábado no Día internacional da muller. Houbo múltiples mobilizacións, convocadas pola pluralidade de colectivos feministas do país. O temporal de vento e choiva que se mantivo activo durante a maior parte da tarde en toda Galicia non impediu que as manifestacións fosen de novo multitudinarias.
As da Coruña, Vigo e Santiago foron as marchas máis numerosas, pero houbo accións máis alá como a cadea de mulleres que se convocou este domingo na praia de Carnota ou a marea de bolboretas que percorreu o casco histórico de Lugo e o adarve da Muralla.
Ana Pontón asegurou que "se hoxe hai un movemento con forza para frear o neofascismo machista, ese movemento é o feminismo"
Na mobilización da Marcha Mundial das Mulleres en Compostela participou a líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que asegurou que "se hoxe hai un movemento con forza para frear o neofascismo machista, ese movemento é o feminismo". Este 8M Pontón fixo un recoñecemento ás mulleres que abriron camiño, destacando o exemplo das mulleres de Narón, que xa no ano 1918 celebraron o primeiro 8M galego e acadaron a primeira declaración de igualdade de dereitos entre homes e mulleres do Estado.
Dereitos, igualdade e empoderamento é o lema da ONU Mulleres, a organización das Nacións Unidas dedicada a promover a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, para este 8M. No seu informe Os dereitos das mulleres 30 anos despois de Beijing recolle cinco aspectos que priorizar para lograr "avances máis rápidos" e preprarse para un futuro incerto cando se fan tres décadas da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing que pasan por acabar coa fenda de xénero no económico e laboral, elevar a voz das mulleres ao centro das políticas públicas e coller todas as ferramentas tecnolóxicas e poñelas ao servizo das nenas e rapazas para evitar que se abra unha nova fenda neste eido.
- Pechar a brecha de rendición de contas: Fortalecer as institucións para liderar e coordinar a acción política sobre igualdade de xénero, poñer o xénero no centro de todas as políticas e programas e mellorar os datos para medir o cambio.
- Elevar as voces das mulleres: Lograr a participación e influencia igualitarias na toma de decisións en todos os niveis, incluídos os grupos marxinados de mulleres e nenas, e abrir e protexer espazos para que operen os grupos de mulleres.
- Pechar a brecha de financiamento: Realizar investimentos catalizadores a través de medidas nacionais, como orzamentos aliñados coa igualdade de xénero e a tributación progresiva, e realinear os sistemas financeiros globais baseados na equidade e a solidariedade.
- Aproveitar a tecnoloxía: Pechar as brechas de xénero en materia de acceso e beneficios dixitais, garantir que as mulleres e as nenas poidan liderar as revolucións dixitais e de intelixencia artificial e mitigar os riscos de violencia de xénero, violacións da privacidade e prexuízos facilitados pola tecnoloxía.
- Servizos e infraestrutura a proba de choque: Establecer prevención e resposta a crise que inclúan a perspectiva de xénero para evitar retrocesos repentinos nos dereitos das mulleres e as nenas e priorizar a igualdade de xénero na acción humanitaria.
Máis de tres mil persoas saíron á rúa este sábado na Coruña, segundo a información do Concello. A alcaldesa, Inés Rey, estivo presente na marcha a pesar de que esta fin de semana lle coincidiu coa celebración XV Congreso Nacional do PSdeG en Santiago. "Aínda queda moito por facer a prol da igualdade e é máis necesaria que nunca a mobilización de todas as persoas", salientou Rey.
"Aínda queda moito por facer a prol da igualdade e é máis necesaria que nunca a mobilización de todas as persoas", salientou Inés Rey
Unha das mobilizacións que houbo en Vigo foi a organizada pola central sindical CIG, baixo o lema "traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos". Ao remate da marcha tomaron a palabra traballadoras de sectores feminizados como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), residencias de maiores, sanidade privada e traballadoras das escolas infantís de 0 a 3 anos para explicar as súas problemáticas laborais.
Un ano máis, foron múltiples os actos que marcaron o 8 de marzo. Ata en dúas ocasións cantou Guadi Galego o seu tema icónico Matriarcas no concerto que ofreceu en Soutomaior na noite do venres ao sábado. Non hai mellor banda sonora para esta xornada de reivindicación.