O PSdeG sae do seu XV Congreso Nacional coa convicción de ser "a alternativa" pola esquerda en Galicia

Besteiro e Sánchez no XV Congreso Nacional do PSdeG en Santiago este domingo CC-BY-SA PSdeG

Besteiro revalida o seu liderado no PSdeG: "No noso ADN non está ser oposición porque nós somos a alternativa, somos útiles en Galicia porque sabemos gobernar"

“O cambio comeza hoxe”. A nova executiva do PSdeG, que revalida o liderado de José Ramón Gómez Besteiro, foi apoiada polo 93% dos votos no XV Congreso Nacional dos socialistas galegos celebrado esta fin de semana en Santiago de Compostela, no que a militancia apostou pola “unidade” fronte á crise interna do partido na capital galega e que contou co respaldo do presidente do Goberno de España e líder do PSOE, Pedro Sánchez. 

“Estamos preparados e preparadas para gobernar porque somos capaces de liderar o cambio en Galicia”, asegurou Besteiro ao comezo da súa intervención este domingo no congreso socialista. “Esta é a mensaxe”, incidiu. “Podemos ser a alternativa política neste país, somos a única esquerda que pode porque defendemos o que defendemos, sen caretas. No noso ADN non está ser oposición porque nós somos a alternativa, somos útiles en Galicia porque sabemos gobernar”.

Aperta entre Carmela Silva e Lara Méndez no escenario este domingo CC-BY-SA Praza.gal

O corredor central do Edificio Fontán da Cidade da Cultura foi o lugar de encontro para os socialistas na mañá deste domingo, coa falta do exsecretario xeral e expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño no ambiente, a pesar de que fontes do partido confirman que desculpou a súa ausencia, tras liderar un movemento de apoio aos catro edís de Santiago de Compostela expulsados do PSdeG nas últimas semanas. Tampouco asistiron Gonzalo Caballero e moitos dos socialistas que o apoiaron. 

No PSdeG debatemos sobre as ideas, e hai discrepancias; pero ten que ser así, para o outro xa está a dereita”, sinalou un socialista pontevedrés nunha conversa no corredor momentos antes da chegada do presidente do Goberno de España ao Gaiás. A palabra  “unidade” repetiuse en todos os corrillos dun congreso no que votaron un total de 319 delegados, dos que 297 respaldaron co seu voto á nova executiva e 22 votaron en branco.

"Querer a lingua é compartila, sen apropiacións indebidas", sinalou Besteiro 

“Hoxe máis que nunca estou orgulloso de militar no partido socialista, de ser socialista e galego. Non hai maior orgullo que poder representarvos a todas e todos vós sendo secretario xeral deste gran partido”, manifestou Besteiro, que agora conta coa exalcaldesa de Lugo e deputada Lara Méndez ao seu carón como secretaria de organización. 

Besteiro lembrou que o PSOE leva “146 anos defendendo sempre a liberdade e a diversidade” e “os intereses da maioría social, en especial da clase traballadora”. “Querer a lingua é compartila, sen apropiacións indebidas”, trasladou o líder socialista sobre o galego, tras poñer no centro o feminismo e o ecoloxismo. “Non queremos unha Galicia en dúas velocidades, as dúas Galicias, a rural e a urbana, teñen que ser o motor do cambio”, afirmou.

“Hai que rexenerar a natureza”, aseverou Besteiro, para argumentou que falar de sostibilidade en algunhas zonas “é chegar tarde”. En alusión velada ao proxecto de Altri e Greenalia en Palas de Rei, defendeu que os socialistas apoiarán “os proxectos industriais responsables”, para destacar que “non hai prezo” para defender a natureza do país. Por outra banda, o socialista non esqueceu a situación da CRTVG e dixo que “é urxente sanear os medios públicos de comunicación”, pois “os seus traballadores e traballadoras protagonizan a protesta máis longa dun medio público porque en Galicia non somos alleos á emerxencia democrática”. 

Galicia non necesita unha dereita nin un nacionalismo que só gobernan para os seus. Xa sabedes quen está cómodo coa resignación, sobre todo Rueda. Pero comodidade... non é o que necesita Galicia. A nós non nos vale porque non somos a oposición: somos alternativa. Somos útiles a Galicia porque temos proxecto e sabemos gobernar”, salientou José Ramón Gómez Besteiro entre os aplausos dos seus. 

Neste sentido, Besteiro criticou a actitude do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa condonación da débeda autonómica proposta desde Moncloa. “A alguén lle entra na cabeza que teñas unha débeda de máis de doce mil millóns de euros e chamen para dicirte que che condonan un terzo dela e digas que non? Pero que tipo de sentidiño do PP é ese?”, interpelou antes de cuestionar que Rueda terá que dar explicacións no Parlamento. 

"O importante non é o ruído da motoserra, é que consideran que as conquistas sociais son coma árbores que poden cortar coa motoserra"

Os resultados das votacións das distintas comisións do congreso, que se trasladaron no acto de peche coa presencia de Sánchez, mostran un apoio superior ao 90% dos congresistas. O propio líder socialista avanzou os congresos provinciais que están por vir e solicitou á militancia que escolla “candidatos e candidatas gañadores, que poidan formar gobernos” porque –insistiu– “a ameaza que temos enfronte é moi real”.

Pedro Sánchez referiuse á situación xeopolítica actual e ás guerras que afectan a Gaza e Ucraína, así como á “internacional reaccionaria” que ameaza a Europa. “O importante non é o ruído da motoserra [dixo en alusión ao agasallo de Milei a Musk], é que consideran que as conquistas sociais son coma árbores que poden cortar coa motoserra. Ante iso, nós imos responder co Boletín Oficial do Estado. Non queren feminismo, pois aprobamos un novo pacto de Estado”, advertiu o presidente, que avanzou a súa intención de sacar adiante a redución da xornada laboral “nesta lexislatura” e que o PSOE seguirá “subindo o salario mínimo interprofesional todos os anos” que goberne. 

Nova executiva do PSdeG tras o XV Congreso Nacional en Santiago CC-BY-SA Praza.gal

"Feijóo non só non é presidente do Goberno porque non quere, senón que tampouco é xefe da oposición porque non sabe"

“España debe defender a Europa para que Europa poida defenderse a si mesma, porque ademais, visto o visto, mellor non depender de outros”, asegurou Sánchez, que esta semana se reunirá coas formacións políticas representadas no Congreso, á excepción do partido de ultradereita Vox. “A mellor maneira de loitar contra a internacional reaccionaria é mostrar que as políticas progresistas son políticas de crecemento e redistribución”, indicou. 

No seu discurso, interrompido momentaneamente pola indisposición dunha militante que foi atendida polos servizos sanitarios, Pedro Sánchez tamén lamentou que a oposición ao goberno progresista de PSOE e Sumar está sendo guiada “sen ideas, sen dirección e sen escrúpulos” e afirmou que “Feijóo non só non é presidente do Goberno porque non quere, senón que tampouco é xefe da oposición porque non sabe”. 

Aínda que somos a esquerda que pode, temos que gañar as eleccións. Estou convencido, José Ramón, de que o vas conseguir”, resaltou o líder dos socialistas ao remate do congreso da formación en Galicia, “porque se queremos avanzar máis rápido nas transformacións, precisamos máis gobernos municipais e autonómicos e estar no Goberno de España”.

Executiva do PSdeG aprobada no seu XV Congreso

  • Presidencia: Carmela Silva Rego
  • Secretaría Xeral: José Ramón Gómez Besteiro
  • Secretaría de Organización: Lara Méndez López
  • Secretaría de Relacións Institucionais: Marta Álvarez-Santullano Fernández-Trigales
  • Secretaría de Igualdade: Silvia Fraga Santos
  • Secretaría de Administración, Acción Electoral e Réxime Interior: Luis Ángel Lago Lage
  • Secretaría de Política Municipal: Juan Manuel Rodríguez García
  • Secretaría de Economía e Facenda: Abel F. Losada Álvarez
  • Secretaría de Política Social, Maiores e Dependencia: Natalia González Beneitez
  • Secretaría de Ordenación Territorio e Rexeneración Urbana: Noemí Díaz Vázquez
  • Secretaría de Sanidade e voceiro: Julio Torrado Quintela
  • Secretaría de Educación e Formación Profesional: Fabián Canosa Pasantes
  • Secretaría de Acción Territorial e Formación: Aitor Bouza Manso
  • Secretaría de Promoción Económica e Emprego: Nereida María Canosa Domínguez
  • Secretaría de Dereito a Vivenda: Iria Sobrino Fagilde
  • Secretaría de Medio Ambiente e Emerxencia Climática: Rubén Prol Mariño
  • Secretaría de Transportes e Mobilidade Sustentable: Patricia Otero Rodríguez
  • Secretaría de Universidades e Ciencia: Julio Abalde Alonso
  • Secretaría de Movementos Sociais: Uxía Oviedo De Dios
  • Secretaría de Agricultura, Gandaría e Desenvolvemento Rural: Roberto Fernández Rico
  • Secretaría de Memoria Democrática e Laicidade: Iván Puentes Rivera
  • Secretaría de Política Europea: Nicolás González Casares
  • Secretaría de Cultura e Lingua: Silvia Longueira Castro
  • Secretaría de Estudos e Programas: Ángel Rivas González
  • Secretaría de Deportes e Políticas Saudables: Jorge Bustos Atanasio
  • Secretaría de Políticas Forestais e Montes: Teresa Fernández Pérez
  • Secretaría de Rexeneración Democrática e Transparencia: Lorena Tenreiro Blanco
  • Secretaría de Transición Enerxética e Planificación Industrial: Ángel Mato Escalona
  • Secretaría LGTBI: Aitor Rodríguez Casanova
  • Secretaría do Mar e Recursos Mariños: José Ramón Romero García
  • Secretaría de Innovación, IA e Transformación Dixital: Francisco Cardama Santiago
  • Secretaría de Análise e Prospectiva: Bárbara Domínguez González
  • Secretaría de Políticas de Seguridade e Emerxencias: Digna Rivas Gómez
  • Secretaría de Turismo: J. Ignacio Gómez Pérez
  • Secretaría de Comercio e Consumo: Gloria Prada Rodríguez
  • Secretaría de Emprendemento: Patricia Domínguez Barja
  • Secretaría de Función Pública e Xustiza: María Fernández Ojea
  • Secretaría de Despoboamento e Reto Demográfico: Ramón Alonso López
  • Secretaría de Galicia Exterior: Eladio Santos Martínez
  • Secretarías Executivas: Ana Alvite García, Marta Rouco Seoane, Estefanía Taín Surribas e Celso Fernández López

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.