Unha maioría do alumnado denuncia ter sufrido algunha agresión no seu centro de ensino e os rapaces heterosexuais aparecen sinalados como os agresores máis habituais. Lucía Rodríguez Peña salienta como principal conclusión a "polarización" que se produce entre o alumnado masculino heterosexual e o reto so alumnado
As aulas non son lugares seguros. Nos últimos tempos están a medrar as agresións e o clima de confrontación. A ONGD Agareso vén de publicar Estudo sobre o machismo e a misoxinia entre o alumnado e o profesorado de Secundaria de Galicia, realizado pola comunicadora e docente Lucía Rodríguez Peña coas respostas que ofreceron 396 estudantes e 199 docentes de centros educativos galegos. Este traballo revela que unha maioría do alumnado -tanto mozos coma mozas, tanto heterosexual como doutras orientacións- denuncian ter sufrido algunha agresión no seu centro de ensino e os rapaces heterosexuais aparecen sinalados como os agresores máis habituais.
Lucía Rodríguez Peña salienta como principal conclusión do informe a "polarización" que se produce entre o alumnado masculino heterosexual e o reto so alumnado, sinalando a autora que se observa "unha fenda entre o discurso a prol dos dereitos humanos, co que conectan en maior medida as mozas" e as "opinións disruptivas" coas que os estudantes heterosexuais "refliten o seu malestar co feminismo e coa propia idea de desigualdade".
O 62% dos alumnos heterosexuais que participaron no estudo consideran que a loita pola igualdade das mulleres é "excesiva" e que, actualmente, son os homes os discriminados
"As rapazas que participan nos comités de igualdade dos institutos e as docentes que avogan por aplicar a perspectiva de xénero no seu día a día son tachadas de feminazis", engade, alertando de que "algunhas familias manifestan un certo grao dacordo con este clima de confrontación, empregando expresións como 'non soporto este feminismo' ou 'o feminismo pasouse de voltas'".
“Outra vez a ‘turra’ feminista”. Deste xeito reaccionou un cativo de 10 anos no comezo dun obradoiro sobre igualdade de xénero. Para o equipo responsable do proxecto Xeración Contrainfo, esta intervención "é sintomática dun clima de confrontación do que nin sequera son alleas as aulas de Primaria". "Coincide cunha etapa de expansión do feminismo, que tamén vén de expresar nas rúas a súa fartura fronte a violencia, a discriminación e a desigualdade, e de irritación por parte de sectores da sociedade interesados en que nada cambie", destaca.
Esta fenda esténdese ás opinións sobre outros temas, de xeito que o 40% dos rapaces hetero identifican como algo negativo a migración, con porcentaxes moi inferiores no resto do alumnado
De feito, o 62% dos alumnos heterosexuais que participaron no estudo consideran que a loita pola igualdade das mulleres é "excesiva" e que, actualmente, son os homes os discriminados. De igual xeito, un 30% destes rapaces afirma que a violencia non ten xénero, un 27% cre que o feminismo é un movemento en contra dos homes e un 25% identifícao como a loita pola superioridade das mulleres respecto dos homes. Esta é unha mostra "de como teñen calado entre a xuventude os discursos antidereitos presentes en redes e azuzados polos grupos de ultradereita", destácase. En cambio, este tipo de respostas son practicamente residuais entre as mozas e entre os mozos non heterosexuais.
Esta fenda esténdese ás opinións sobre outros temas, de xeito que o 40% dos rapaces hetero identifican como algo negativo a migración, con porcentaxes moi inferiores no resto do alumnado.
Na súa investigación, Lucía R. Peña afonda tamén no poder dos estereotipos aplicados a mozos e mozas, os "mandatos de xénero" que se manteñen e se reactivan
Na súa investigación, Lucía R. Peña afonda tamén no poder dos estereotipos aplicados a mozos e mozas, os "mandatos de xénero" que se manteñen e se reactivan. Así, para a maior parte do alumnado consultado os mozos deben ser fortes, agresivos, violentos, competitivos e cun certo gusto polo risco. E, pola contra, as mozas deben ser caracterizadas pola fraxilidade, o afecto, o coidado, a responsabilidade ou a tenrura. Ambas caras son excluíntes nunha sociedade machista, porque só se pode estar dun lado da moeda", engade a autora do informe.
As mozas participan activamente nas aulas moito menos que os mozos. As docentes entrevistadas falan de "alumnas mudas" que entran nos IES falando en público e saen dos mesmos sen facelo
O estudo incide igualmente nas importantes diferenzas entre sexos á hora de participar na clase. O 58% do alumnado di participar "activamente", porcentaxe que é máis elevada entre os mozos heterosexuais (61%) e aínda máis entre os mozos e mozas LGBTI (71%). Pola contra, descende entre as mozas heterosexuais ata o 53%. Un 12% das rapazas afirma non ter confianza para falar en público en ningún sitio, fronte a un 2% dos rapaces. As docentes entrevistadas falan de "alumnas mudas" que entran nos IES falando en público e saen dos mesmos sen facelo.
Preocupa "como calla ese antifeminismo na poboación adolescente, inmersa no proceso de construír a súa identidade baixo a ollada escrutadora do seu grupo de iguais"
Para Agareso, no estudo hai razóns para o optimismo, pois unha ampla maioría do alumnado entrevistado considera que a igualdade de xénero é un piar fundamental da nosa convivencia e mesmo o consideran así un 82% dos mozos heterosexuais.
Porén, tamén sinala varios motivos de "preocupación", comezando pola "existencia do discurso misóxino en si mesmo, que eleva o antifeminismo a categoría política avalada por algúns líderes mundiais". Preocupa tamén "como calla ese antifeminismo na poboación adolescente, inmersa no proceso de construír a súa identidade baixo a ollada escrutadora do seu grupo de iguais, co desexo de satisfacer o que se espera dela e sen moita experiencia vital para evitar manipulacións mediáticas interesadas".
Que se pode facer? Anímase a traballar de forma diferenciada coas mozas e cos mozos e a atender de forma específica o sentir dos rapaces: "o malestar que manifestan é real, está nas aulas e na súa forma de comprender o xénero, así como as relacións que se tecen a partir del"
Que se pode facer, entón? Agareso recolle a recomendación das últimas investigacións publicadas polo Centro Reina Sofía, que animan a traballar de forma diferenciada coas mozas e cos mozos, como é a proposta de Xeración Contrainfo, e tamén a atender de forma específica o sentir dos rapaces. "O malestar que manifestan é real, está nas aulas e na súa forma de comprender o xénero, así como as relacións que se tecen a partir del. Senten que o feminismo chegou demasiado lonxe, que se lles pretende impoñer unha ideoloxía, están enfadados e frustrados, pero pode ser que llo estean a recriminar ao colectivo equivocado. Por iso é preciso ofrecer unha alternativa e que esta saia da propia comunidade escolar", destacan.
Agareso elaborou unha proposta didáctica para traballar o discurso de odio misóxino nas aulas de Secundaria. O 26 de abril celebrarase en Santiago unha actividade de formación gratuíta para docentes
Como resposta á situación descrita no informe, Agareso elaborou unha proposta didáctica para traballar o discurso de odio misóxino nas aulas de Secundaria, xunto coa alfabetización mediática e a elaboración de contradiscurso. Fíxoo a partir do traballo desenvolvido durante décadas por Pepe Cabido e Sonia Fernández Casal en varios centros galegos e en colaboración con varias Anpas, con alumnos e alumnas de equipos de igualdade e con Xornalistas Galegas. Froito dese traballo, publican, tamén, unha serie de materiais multimedia nas súas webs e redes sociais, co relato en primeira persoa de persoas destes colectivos.
Ademais, o 26 de abril celebrarase en Santiago de Compostela unha actividade de formación gratuíta que conta coa homologación da Consellería de Educación, para aquelas e aqueles docentes que desexen recibir máis información sobre o informe e as actividades didácticas propostas