O estudo sinala que só un 36% do alumnado afirma sentirse libre á hora de expresarse sobre temas relacionados a orientación sexual ou identidade de xénero nas aulas
Os centros de ensino galegos non son "espazos seguros" para o alumnado LGBT. Así o denuncia un informe elaborado pola investigadora Estrella Ramil, a partir das enquisas realizadas a 503 alumnos e alumnas e 74 docentes a través do proxecto Xeración Contrainfo da ONGD Agareso. Na iniciativa colaborou ademais a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, a Asociación de familias de menores e mocidade trans de Galicia (Arelas) e Avante LGBTI+ Galiza.
No estudo destácase que "aínda que a poboación LGBT cada vez está a ser máis visible e máis aceptada" nos centros educativos "grazas ao avance nas axendas de dereitos humanos e diversidade", a sociedade debe ser consciente de que o alumnado "segue enfrontándose a múltiples situacións de LGBTfobia ou bullying LGBT nos centros educativos de Galicia".
Así, o 81% do alumnado que declara pertencer ao colectivo LGBT sufriu algunha agresión e o 69% do profesorado presenciou algunha vez agresións contra poboación LGBT.
O estudo sinala que só un 36% do alumnado afirma sentirse libre á hora de expresarse sobre temas relacionados a orientación sexual ou identidade de xénero nas aulas. Isto é así, explica Estrella Ramil, "por medo ás ameazas, ao trato diferencial ou ao acoso, toda vez que os centros educativos non son espazos seguros para as persoas do colectivo LGBT".
Así, o 81% do alumnado que declara pertencer ao colectivo LGBT sufriu algunha agresión e o 69% do profesorado presenciou algunha vez agresións contra poboación LGBT. Estas agresións son, con frecuencia "bromas" ou "insultos". Ademais das bromas e insultos, que reciben con frecuencia todas as persoas do colectivo, tanto o alumnado como o profesorado recoñece ter presenciado situacións de illamento sufridas, principalmente, polo alumnado trans. Un 23% do profesorado e un 28% do alumnado participante declara formar parte do colectivo LGBTIQ+, segundo revela o propio informe.
O 56% do profesorado, a pesar de recoñecer a existencia destas situacións, considera que os institutos son espazos seguros, grazas á intervención das e dos docentes. Porén, só un 19% do alumnado participante está de acordo con esta observación
O 56% do profesorado, a pesar de recoñecer a existencia destas situacións, considera que os institutos son espazos seguros, grazas á intervención das e dos docentes. Porén, só un 19% do alumnado participante está de acordo con esta observación. "As cifras sobre as reaccións do alumnado fronte as agresións son moi preocupantes", destaca Estrella Ramil, que comenta que tan só un 46% defendería os compañeiros e compañeiras, mentres que un 30% non faría nada, un 19% non sabería que facer e un 5% recoñece que se uniría ás agresións. "Isto significa que unha persoa que está sendo acosada só estaría segura onde algúns dos seus pares a protexera e, polo tanto, habería moitos espazos ou momentos en que estaría moi vulnerable", di.
O informe destaca que "as ideas que reflite o alumnado galego parten dun imaxinario social compartido, tanto polas comunidades educativas dos centros como polas familias, os medios de comunicación e as redes sociais". Tanto o alumnado como o profesorado considera que a principal canle pola que o alumnado recibe información sobre estas temáticas son as redes sociais.
O informe destaca que "as ideas que reflite o alumnado galego parten dun imaxinario social compartido, tanto polas comunidades educativas dos centros como polas familias, os medios de comunicación e as redes sociais"
O estudo certifica a desaparición entre a mocidade de medios de comunicación tradicionais como a radio e da prensa escrita, tal e como xa viña advertindo Agareso en estudos previos. E evidencia que as redes que xa se viñan percibindo como máis feminizadas en estudos previos (TikTok e Instagram) son tamén as máis empregadas polo alumando LGBT. Mentres, Youtube a canle máis empregada polos rapaces e polas persoas que presentan dúbidas a respecto da súa identidade ou orientación, mentres entre no caso do colectivo LGBT cae ao 3º posto e no das rapazas, ao 4º.
O estudo recolle tamén a opinión do alumnado con respecto a tendencias sociais como os avances en materia LGBTIQ+, algo que o 16% considera negativo, ou o fortalecemento do movemento feminista, que o 18% considera negativo. Ademais, o 60% do alumnado afirma que se están a incrementar o machismo e os discursos e actos racistas, o que un 21% delas e deles pensa que é algo positivo. Ramil conclúe que é "urxente e imperativo, ante a crecente onda de forzas ultraconservadoras que ameazan os logros conseguidos ata aquí" que os centros educativos galegos rompan co modelo hexemónico, "tanto nos plans de estudos como na configuración dos espazos, na formación do corpo docente e na tolerancia cero ante bromas ou situacións de bullying lgbtfóbico".
Como resposta á situación descrita no informe, Agareso elaborou unha proposta didáctica para traballar o discurso de odio nas aulas de Secundaria, xunto coa alfabetización mediática e a elaboración de contradiscurso
Como resposta á situación descrita no informe, Agareso elaborou unha proposta didáctica para traballar o discurso de odio nas aulas de Secundaria, xunto coa alfabetización mediática e a elaboración de contradiscurso. Froito dese traballo, publicarán ao longo das próximas semanas unha serie de materiais multimedia nas súas webs e redes sociais, co relato en primeira persoa das consecuencias que ten o dicurso social lgbtfóbico nas vidas das persoas do colectivo.
Ademais, o 20 de abril celebrarán, en Santiago de Compostela, unha formación gratuíta que conta coa homologación da Consellería de Educación, para aquelas e aqueles docentes que desexen recibir máis información sobre o informe e as actividades didácticas propostas.