"Un elevado nivel de racismo e machismo entre o alumnado de secundaria". É a principal conclusión á que chega Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) a raíz dun estudo elaborado pola consultora Wayna coas respostas ofrecidas por máis de 300 rapaces e rapazas de tres institutos de distintas localidades galegas a un cuestionario no que definen diversos colectivos e onde se evidencia unha maioritaria presenza de estereotipos.
Un estudo impulsado por Agareso entre máis de 300 rapaces conclúe que hai un "elevado nivel de racismo e machismo" entre o alumnado de secundaria
Este estudo, incluído dentro do proxecto Xeración Contrainfo e realizado entre outono de 2022 e marzo deste ano, baséase nas preguntas á rapazada, ademais de consultas ao profesorado, e pretende obter "datos sólidos e rigorosos que debuxen a realidade da mocidade" sobre o que Agareso considera a "evidente radicalización dos discursos de odio" entre a xente nova, que provoca un "aumento notable dos niveis de intolerancia e agresividade cara a colectivos excluídos nos centros educativos". Ante esta situación, os docentes que colaboran na análise non dubidan en sinalar o auxe e a radicalización dos discursos dalgúns partidos de extrema dereita como un dos principais factores que a provocan.
O informe describe un imaxinario social racista existente entre a rapazada galega que "outorga, de xeito consciente ou non, ás persoas brancas certas características persoais e sociais positivas". Así, o 40% do alumnado define as persoas brancas como intelixentes e o 48% como boas estudantes fronte, por exemplo, ao 19% e 17% respectivamente das persoas de etnia xitana ou ao 26% (en ambos casos) das persoas árabes.
O 40% do alumnado define as persoas brancas como intelixentes e o 48% como boas estudantes, fronte ao 19% e 17% das xitanas ou ao 26% das árabes
Do mesmo xeito, o estudantado considera na súa maioría que existe un conxunto de valores como sociedade atribuíbles so ás persoas brancas: sociedades europeas, valores democráticos máis sólidos, un maior cumprimento e defensa dos dereitos humanos ou ausencia de pobreza. Só o 18% dos comentarios que a rapazada dedica ás persoas brancas ten matices negativos.
Na outra banda, a poboación de etnia xitana é a que recibe unha maior porcentaxe de comentarios que teñen como base un estereotipo (o 85%), destacando a presenza de estereotipos negativos como conflitivas, problemáticas, violentas, ladroas ou malas estudantes. Tamén son negativos máis da metade dos comentarios dedicados ás persoas árabes: o 51%. Relaciónanas, de xeito recorrente, coas palabras terrorismo (23%), machismo (19%), homofobia ou pobreza.
Precisamente, pobreza é a palabra máis utilizada para referirse ás persoas negras, xunto con fronteiras (en relación coa emigración), traballo e dereitos humanos (ausencia de respecto dos mesmos nos seus países de orixe).
O 31% do alumnado percibe que as mulleres latinas teñen maior probabilidade de exercer a prostitución, fronte ao 2% ou 4% de das mulleres doutras culturas
En canto ás persoas latinas, o alumnado emprega maioritariamente palabras como festa, música e baile, pero tamén “pandillas”, violencia e drogas. As palabras mudan cando describen as mulleres latinas, incorporando conceptos vencellados coa hipersexualización. De feito, o 31% do alumnado percibe que as mulleres latinas teñen maior probabilidade de exercer a prostitución (fronte ao 2% ou 4% de probabilidades que lles outorgan ás mulleres doutras culturas ou procedencias). "Esta idea evidencia a presenza dun claro estereotipo racista e machista que leva aparelladas algunhas das actitudes e conductas denunciadas con frecuencia por este colectivo: cousificación, acoso sexual e agresións á liberdade sexual sufridas polas mulleres do colectivo dende a infancia", lembra o informe.
Ademais, o 70% do alumnado afirma que as mulleres árabes teñen máis probabilidades de vestirse conforme aos preceptos establecidos pola súa cultura, "reflectindo de xeito acrítico a idea estendida na nosa sociedade que relaciona o uso dos distintos tipos de velo co machismo e coa falta de liberdade, mentres se consideran libremente elixidos todos aqueles aspectos da vestimenta que a nosa cultura reserva ás mulleres (tacóns, maquillaxe, pelo longo, depilación, saias, etc.)".
Alén disto, o estudo conclúe que sobre un 60% do alumnado afirma que se están a incrementar o machismo e os discursos e actos racistas. No segundo caso, hai un 21% que pensa que isto é algo bo e un 4% que é neutro. É dicir, "4 da cada 10 estudantes que afirman que se están incrementando os actos racistas e se están fortalecemento estes discursos non consideran que isto sexa de por si malo", apunta.
Finalmente, o estudo tamén recolle a opinión do alumnado con respecto a tendencias sociais como os avances en materia LGBTIQ+, algo que a metade do alumnado etiqueta como positivo, ou o fortalecemento do movemento feminista, que o 18% do alumnado consultado considera negativo.
O profesorado que participa no estudo percibe un aumento e radicalización dos discursos de odio e sinala o auxe das mensaxes de partidos de ultradereita como unha das causas
Consultado o profesorado, este ratifica os resultados e percibe un aumento e unha radicalización dos discursos de odio nas súas aulas. Afirman que escoitan comentarios e presencian comportamentos racistas de xeito frecuente entre o alumnado de secundaria e que o teñen "normalizado".
Os docentes consultados matizan que o problema pode ser moito maior do percibido por eles ou no estudo porque a rapazada sabe cal é o discurso politicamente correcto que deben dar no cuestionario ou ante eles.
Ademais, o profesorado tamén coincide en afirmar que un dos factores que está detrás deste fenómeno é o auxe e a radicalización dos discursos de certos partidos políticos de extrema dereita (chegando a mencionar varias persoas a Vox como orixe). Opinan, por exemplo, que “é un discurso fácil que lles chega moi ben as rapazas e rapaces” ou “chéganlle as mensaxes de partidos políticos de extrema dereita con moita facilidade”.
Desde Agareso tamén consideran "especialmente preocupante" comprobar que "o alumnado galego non ten a capacidade de identificar o contido discriminatorio que recibe diariamente a través das redes" e considera urxente e necesario intensificar a alfabetización mediática da rapazada.