Sen piso en Vigo por racismo: "Parecíalles moi boa inquilina ata que viron onde nacín"

Unha rúa de Vigo cun cartel de alugueiro CC-BY-NC-SA Praza Pública

Nour Al-Hussen Villa non quere ser cómplice da discriminación por racismo que experimentou á hora de alugar unha vivenda e decidiu contalo nas súas redes sociais, onde tamén recibiu comentarios cargados de odio

"Parecíalles moi boa inquilina ata que viron o meu lugar de nacemento". Nour Al-Hussen Villa atopara unha vivenda para alugar en Vigo despois de inscribirse en multitude de inmobiliarias, entregara a fianza e mudábase ao día seguinte cando recibiu unha chamada preguntándolle se nacera en Galicia e de onde viña o seu apelido. Preguntas que levaron a unha inmobiliaria da cidade a cancelar a súa relación comercial con ela e devolverlle a fianza porque a súa resposta foi que naceu en Siria, concretamente en Raqqa.

Nour Al-Hussen Villa ten 31 anos e un novo traballo en Vigo, polo que busca mudarse á cidade. É filla de pai sirio e nai galega, viviu en Siria ata os 13 anos, cando se trasladou a Santiago de Compostela. Estudou a carreira de Ciencias Políticas, ten un máster de relacións internacionais e está a piques de presentar a súa tese de doutoramento. Todo isto non debera importar á hora de alugar unha vivenda, que se debera centrar noutros aspectos como o feito de que conta cunha nómina para garantir o pago do alugueiro, que ademais ten a outra persoa sostible que a avala e que dispoñía da suma de cartos que se precisaban en concepto de fianza. Pero neste caso só houbo racismo.

Casa do Concello de Vigo Dominio Público zarateman

Eu sempre pensei que era (son) unha persoa privilexiada, pero todo isto pasoume a min e foi como un sopapo de realidade na cara. Nunca pensei que me puidera pasar isto na vida, non me sucedeu algo así na miña vida persoal nin profesional. Ata agora. Tampouco quero culpar a Vigo disto, pois agora estou en contacto con outro axente inmobiliario na cidade súper amable e ao que lle pareceu fatal o que me pasou. Este é un ámbito moi agresivo, as inmobiliarias saben que se non cho alugan a ti van ter trescentos máis agardando e ao final aplican moitos filtros. Eu podo entender que che poida gustar máis ou menos como inquilina, pero non polo meu apelido ou polo meu lugar de nacemento”, destaca Nour Al-Hussen.

Atopar un piso de alugueiro non está exento de dificultades, como contamos en Praza.gal en moitas ocasións non chega con presentar unha nómina e hai que recorrer a avais, sobre todo no caso das persoas novas. “En moitos pisos xa me dicían que o seguro de falta de pagamento era para os propietarios pero o tería que pagar eu, que parece ser que cada vez é máis habitual e, por exemplo, nun piso pedíanme entre a fianza, o mes por adiantado e o depósito da inmobiliaria uns 2.000 euros para conseguir as chaves”, conta.

"Ao parecer á propietaria non lle pareceu axeitado que o meu lugar de nacemento fora Raqqa (Siria), nin o meu primeiro apelido"

Mais neste caso Nour Al-Hussen cumpría todos os requisitos impostos desde a inmobiliaria e xa transferira os cartos da fianza. Tiña data para a mudanza a falta de asinar, como derradeiro paso, o contrato de alugueiro xunto ás persoas propietarias da vivenda. Cando o día anterior recibe esa chamada interrogándoa con “preguntas invasivas” sobre cuestións da súa vida privada, que remata noutra conversa na que a informan de que non lle van alugar o piso e lle devolven a fianza.

“Iamos asinar o contrato e ao parecer á propietaria non lle pareceu axeitado que o meu lugar de nacemento fora Raqqa (Siria), nin o meu primeiro apelido. Díxenlles que me parecía moi grave e dixeron que a eles tamén, que non ían traballar máis con esa propietaria, e que me chamaría alguén da inmobiliaria para pedirme desculpas pero ninguén o fixo. Nese momento estaba en shock, non era quen de articular unha palabra e ao pouco de colgar o teléfono xa me devolveron os cartos. Pero non me ofreceron tampouco ningunha alternativa doutras vivendas desde a inmobiliaria”, detalla. De feito, puido comprobar como ao día seguinte volveron publicar o mesmo anuncio do mesmo piso e cun prezo máis caro. 

"Pensan que tes un apelido árabe e que vés aquí só a ameazar a súa seguridade, a estabilidade e o benestar. O que ameaza a miña seguridade é que haxa xente que discrimina a outra"

Nour Al-Hussen está moi involucrada na causa siria e noutros momentos da súa vida puido escoitar experiencias de discriminación moi similares á que vén de vivir. “Eu crecín aquí, fun aquí ao colexio... Dicíalle á da inmobiliaria que son de aquí e dicíame ‘xa, vale...’, pero como que non lle valía. E sentíame ata un pouco idiota por ter que xustificar que son de aquí. Non está ben, aínda que non fora de aquí. No momento fixéronme sentir tan mal que pensei que tiña que xustificarme, e non é así. Parece que te tratan como se foras un número e que lles dá igual aplicar calquera filtro porque o teñen totalmente normalizado, non me creo que eu sexa a primeira persoa á que lle din algo así”, critica, pois non quería ser cómplice destas actitudes racistas. 

Para ela, que traballou en cuestións de asilo, era imposible non facer pública esta discriminación por racismo. Pero por moito que as súas conviccións estivesen claras, está a enfrontar agora máis racismo a través das redes sociais unha vez exposto en público o que lle sucedeu. “É moi difícil crer que vives nunha sociedade que normaliza este tipo de actos racistas”, afirma, para explicar como despois de empregar a súa conta de Twitter para contar o sucedido comezou a recibir mensaxes cargadas con máis odio: “Pensan que tes un apelido árabe e que vés aquí só a ameazar a súa seguridade, a estabilidade e o benestar. O que ameaza a miña seguridade é que haxa xente que discrimina a outra, xérame inseguridade vivir nunha sociedade homófoba e machista, non que aquí viva xente doutras culturas. Paréceme súper retrógrado”, defende.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.