Hai moitas formas de ser home, masculinidades distintas e disidentes que contradín un modelo hexemónico baseado na forza física e na ocultación dos sentimentos. Unha masculinidade dominante cuxos efectos sofren as mulleres, pero tamén os homes obrigados a asumila e encaixar nela. Os homes necesitan deconstruír o modelo de masculinidade que a sociedade lles foi inculcando dende nenos, pero este proceso non sempre é sinxelo, especialmente na adolescencia.
"Se abrazamos o feminismo isto vainos facer máis felices, máis seguros e máis libres, porque estaremos escollendo o tipo de home que queremos ser"
Dende o ano 2014 Xosé Cabido (Pepe Cabido), mestre de Filosofía no ensino secundario, imparte obradoiros de igualdade dirixidos a rapaces varóns, especialmente entre os 14 e os 16 anos. Este venres achegará este experiencia a outro tipo de público: educadoras, familias e profesionais da intervención socioeducativa a través dunha xornada de formación online organizada por Semente Compostela. O curso 'Masculinidades dissidentes. Construir homes para a igualdade', que se poderá seguir a través da web da escola compostelá, comezará ás cinco da tarde e terá unha duración de tres horas.
Pepe Cabido explicará o traballo que realiza cos rapaces nestes obradoiros, nos que dende hai anos opta por unha fórmula non-mixta, dirixidos exclusivamente a varóns. Nestes encontros os mozos adolescentes enfróntanse co imaxinario que conforma a súa identidade masculina: o audiovisual, a música, a publicidade ou a relación co pai e cos seus amigos varóns. E, así mesmo, búscase a deconstrución desta identidade hexemónica co obxectivo de seren homes "máis felices e implicados no feminismo".
As xornadas de formación online de Semente procuran a reflexión sobre o sexo e xa acolleron un obradoiro sobre a sexualidade nas adolescencias, a cargo de Ana Pérez Cardoso e Uxía Cordeiro; así mesmo, o vindeiro 30 de abril haberá un obradoiro sobre a sexualidade das crianzas menores de 6 anos que impartirá a psicóloga Hadriana Ordóñez.
Que temas vas tratar no curso de Semente?
"Quen controla a masculinidade? O grupo de colegas, que non deixan que nos desviemos desa maneira unidimensional de ser home: un home que ten demostrar sempre fortaleza, que é insensible, que non pode amosar emocións, que ten que ser deportista e, por suposto, heterosexual"
Imos explicar o traballo que facemos cos adolescentes, sobre todo como se abordan neses obradoiros as relacións afectivo-sexuais, como reflexionamos sobre o que significa ser home e en que sentido ser home está marcado por unha ideoloxía patriarcal, por un modelo unidimensional de masculinidade, o heteropatriarcal, que fai que os homes teñamos que cargar cunha mochila que nos fai a vida dura, fráxil e mesmo perigosa. Podemos dicir que ser home 'á antiga' mata.
Que idades teñen os rapaces cos que traballas nos obradoiros que impartes?
Comezou sendo entre 3º e 4º da ESO e a partir de aí estendeuse a todas as idades. Pero penso que a mellor idade para comezar estes obradoiro é entre os 14 e os 16 anos, aínda que estes temas se poden empezar a traballar antes.
É a mellor idade para traballar estes temas, a máis 'determinante, digamos?
"Na nosa socialización os homes recibimos milleiros de mensaxes sexuais diarias, centradas na necesidade de 'triunfo', ao que se chega a través dunha elevada cantidade de conquistas sexuais"
É unha idade na que se produce o espertar sexual. Na nosa socialización os homes recibimos milleiros de mensaxes sexuais diarias, centradas na necesidade de 'triunfo', ao que se chega a través dunha elevada cantidade de conquistas sexuais, nas que non importa a calidade. O neno chega a esa idade despois de ter sido bombardeado dende a infancia con este tipo de mensaxes, mesmo nas películas de Disney. A maiores, chegan cunha educación sexual baseada na pornografía, en moita maior medida que as xeracións anteriores. Os que temos algúns anos máis tivemos unha moi mala educación sexual, pero non tanto a través da pornografía.
E, finalmente, é unha idade na que a masculinidade é máis fráxil, pois é cando os nenos comezan a ser distintos: a uns gústalles o deporte e a outros non, uns son máis sensibles e outros menos, uns descobren que son homosexuais... E estes nenos comezan a ser mal aceptados no grupo, xa que outros senten a necesidade de amosar a súa masculinidade hexemónica e aí comezan as ridiculizacións, as burlas..., censurando calquera actitude que non se entenda como 'masculina'. Moitas veces isto adopta a forma de bromas, pero o que se busca e o que se consegue é o control dos comportamentos.
"Chegan cunha educación sexual baseada na pornografía, en moita maior medida que as xeracións anteriores. Os que temos algúns anos máis tivemos unha moi mala educación sexual, pero non tanto a través da pornografía"
Quen controla a masculinidade? O grupo de colegas, que non deixan que nos desviemos desa maneira unidimensional de ser home: un home que ten demostrar sempre fortaleza, que é insensible, que non pode amosar emocións, que ten que ser deportista e, por suposto, heterosexual. O grupo de amigos exerce o control e non permite a disidencia; tamén ensina que hai que render submisión a aqueles que son superiores a ti, que son os que teñen máis forza física, que é o que ensina o patriarcado. Así, os máis fortes someten os menos fortes e estes poderán someter aos que sexan aínda máis débiles e ás mulleres.
Nos obradoiro traballas só con rapaces varóns e defendes a idoneidade de facelo así, en espazos non mixtos. Por que?
"O patriarcado, ademais de que aos homes nos fai infelices, tamén resulta perigoso para nós"
É necesario traballar a igualdade en espazos separados, non mixtos, porque cómpre un discurso específico para os homes. Non é algo que comezáramos nós, senón que é unha forma de traballo que comezou en Islandia nos anos 70 e demostrouse máis efectiva. Hai dous grandes motivos: o primeiro é que nos espazos mixtos os rapaces tenden a adoptar máis o rol de masculinidade hexemónica. Eles mesmo recoñecen que hai temas dos que nunca falarían diante de mulleres e, igualmente, tenden a poñerse 'gallitos' diante delas. O segundo é que nun espazo non-mixto podo falarlles directamente na súa linguaxe.
Os homes tamén sofren os efectos negativos do patriarcado? Abandonar a masculinidade hexemónica e abrazar o feminismo pode conseguir homes máis felices?
Nos obradoiros eles recoñecen que esta situación os fai infelices moitas veces, que lles xera inseguridade co seu corpo e tamén nas relacións sexuais, que os fai ser inseguros tamén nas relacións que establecen coas mulleres e co seu pai, que é unha figura moi importante. O patriarcado, ademais de que aos homes nos fai infelices, tamén resulta perigoso para nós. Por exemplo, provoca que os homes suframos máis mortes violentas, a mans doutros homes nos máis dos casos, e igualmente morremos máis en accidentes de tráfico. Provoca que os homes teñamos menos esperanza de vida, e en boa medida isto é debido a que imos menos ao médico, porque non podemos amosar debilidade. Os homes caen máis na drogadicción e teñen tamén máis fracaso escolar. E todo isto non provén dunha cuestión biolóxica, senón cultural.
"Nos espazos mixtos os rapaces tenden a adoptar máis o rol de masculinidade hexemónica. Eles mesmo recoñecen que hai temas dos que nunca falarían diante de mulleres e, igualmente, tenden a poñerse 'gallitos' diante delas"
Nos obradoiros céntrome máis na dor que o patriarcado produce nos homes que na que produce nas mulleres, porque teño comprobado que se me centro no segundo, os rapaces tenden a pecharse sobre si mesmo, negando que eles provoquen esa dor, “eu non son culpable do que fan outros homes”.
Si, o que lles quero demostrar é que se abrazamos o feminismo isto vainos facer máis felices, máis seguros e máis libres, porque estaremos escollendo o tipo de home que queremos ser. E, ademais, tamén lles engado, falando na súa linguaxe, que se son homes feministas van 'follar' máis e mellor. Uso unha linguaxe directa porque é a mellor forma de conectar con eles.
Destacabas antes a figura o pai. Que papel xoga na educación do fillo varón e no modelo de masculinidade que asume?
"O máis importante na construción da masculinidade é a figura do pai, porque é o primeiro modelo de home que ten un neno"
Si, creo que o máis importante na construción da masculinidade é a figura do pai, porque é o primeiro modelo de home que ten un neno. É certo que está cambiando o modelo de paternidade: cada vez hai máis pais que se implican no coidado dos fillos e na corresponsabilidade das tarefas do fogar e dos coidados. Pero non é só iso, é tamén un problema afectivo: o problema é que moitos pais seguimos castrados no tema emocional, en dicirlles cousas bonitas aos fillos, en abrazalos... A maior parte de nenos coñecen un pai duro, un pai que non di que o quere e que é a persoa máis importante na súa vida, un pai que non di o que sente e non amosa os seus sentimentos. Isto segue existindo e marca moitísimo a vida, porque despois vaise reproducindo.
Os modelos masculinos son moi importantes, non si?
"É moi importante contar con modelos masculinos heterosexuais distintos para contrarrestar ese outro modelo hexemónico que durante toda a vida recibe o neno"
É moi importante contar con modelos masculinos heterosexuais distintos para contrarrestar ese outro modelo hexemónico que durante toda a vida recibe o neno. Nos obradoiros sempre lles amoso dous modelos moi diferentes: por un lado a Cristiano Ronaldo agarrando os collóns en actitude provocativa e polo outro aos tripulantes do OpenArms chorando e abrazando a un grupo de refuxiados que acaban de salvar de morrer afogados. O modelo do triunfo persoal, da forza, do machacar o contrario, fronte ao modelo do coidador.
Por iso nunca falo de "novas masculinidades", senón de "masculinidades disidentes", porque estas masculinidades xa están aquí dende hai tempo, pero non son hexemónicas, son disidentes, escapan da norma, daquilo que se fixo sempre. É necesario un novo relato da masculinidade: novos referentes masculinos, novos heroes que coidan, que dan vida, que amosan os seus sentimentos, que acariñan... Estes heroes teñen que saír nos debuxos animados, nas novelas, nas películas...
Deberían traballarse máis estes temas no ensino regrado?
"Loitar contra o franquismo é fácil porque ti non es franquista, pero loitar contra a desigualdade entre homes e mulleres supón un recoñecemento de que algo tiveches que ver nesa desigualdade"
Eu son consciente de que o que fago é unha pinga de auga nun océano; penso que axuda, pero sería necesario un programa máis estrutural no ensino regrado. Debería haber programas na escola dende os tres anos traballando estas cuestións e de momento non os hai, de momento no Estado Español só temos a experiencia de Skolae en Navarra. Dende que son moi pequenos hai que falarlles de sexualidade aos nenos e dicirlles que a sexualidade é algo que vai máis aló do físico, da xenitalidade e do falocentrismo, senón que ten que ver cos afectos, con medrar, con ter unha psicoloxía sa. E que é moi importante para acadar a felicidade. Porque comezar a falar estes temas aos 14 anos é chegar tarde, hai que chegar antes de que vexan a súa primeira película pornográfica.
A cuestión da masculinidade é un tema que aos homes nos costa tratar. Porque para conseguir a igualdade real temos que reflexionar sobre o mal que nós fixemos a nivel individual. E cando ao deconstruírnos imos atrás e analizamos os nosos comportamentos, as nosas relacións sexuais, atopamos que somos os causantes desa desigualdade. Loitar contra o franquismo é fácil porque ti non es franquista, pero loitar contra a desigualdade entre homes e mulleres supón un recoñecemento de que algo tiveches que ver nesa desigualdade.