Carlos Negro: "As revolucións poden comezar polos detalles máis pequenos"

Dominio Público Praza Pública

Carlos Negro continúa o camiño andado en Penúltimas tendencias no seu novo libro, Masculino singular. Unha revisión do concepto tradicional de masculinidade, mais desta volta máis centrada no persoal. Falamos con el sobre esta obra e sobre Tundra, o poemario aínda inédito co que gañou o premio Fiz Vergara.

O libro está dedicado ao teu tío Ramón. Por que?

As revolucións poden empezar polos detalles máis pequenos… Eu preguntábame cal fora o meu primeiro flash, o meu primeiro recordo relacionado co que despois sería o proceso de revisión da masculinidade tradicional no que estou. Nas festas familiares estaba naturalizado que os homes saísen tomar o vermú e as mulleres quedasen na casa cociñando e despois se levantasen para fregar. Unha vez, o meu tío Ramón colleu un mandilón de flores, apartou a miña nai e a outras mulleres e púxose a fregar os pratos. É unha imaxe que me quedou, e que dalgunha maneira deu orixe a este libro…

No teu libro anterior, Penúltimas tendencias, facías unha crítica dos roles de xénero impostos polo patriarcado… Cal é a relación entre Masculino singular e as túas obras anteriores, nese sentido?

En Penúltimas tendencias falaba dos roles, dos estereotipos, do amor romántico… Masculino singular é un libro máis persoal. A metáfora que o explica é o afeitado, como un momento de introspección no que, diante do espello, penso o que significa ser home, que tipo de home me educaron para ser, que tipo de home son e me gustaría ser, cales son as miñas contradicións sobre iso…

"Ademais da indagación autobiográfica, tamén hai algo de reflexión teórica a partir de lecturas"

O libro comeza así, e é como unha reflexión sobre as distintas etapas da miña masculinidade. É algo que non só trato de revisar en min mesmo: que tamén observo, e vexo que hai xente que evolucionou máis e menos… Despois, ademais da indagación autobiográfica, tamén hai algo de reflexión teórica a partir de lecturas, de cursos de igualdade, do meu labor docente… Mais si hai relación co libro anterior no sentido que dicías: a crítica das herdanzas culturais en relación cos roles de xénero e a esperanza na posibilidade de cambio, de que poidamos evolucionar cara un modelo de masculinidade non baseado nunha posición dominante.

Xa o di o primeiro poema, que queres ser “un heterosexual non agresivo para o seu contorno afectivo”.

Esa parte é como unha autopoética, un autorretrato, unha declaración de principios. A estrutura está tomada de Peter Handke, dun texto que trataba outro tema, pero que tiña unha estrutura moi sistemática que me pareceu axeitada para contar o que eu quería dicir.

Despois dese poema vén a “poética das técnicas de afeitado”, da que falabamos antes. Logo Just for men... Podes explicar o resto da estrutura?

Como dicía antes, é un libro no que falo de min mesmo, no que non poño tantas máscaras. Despois desa primeira parte das técnicas de afeitado, que actúa de autopoética exploratoria da identidadea, veñen as Pinturas rupestres, onde poño en cuestión a masculinidade tradicional a través da parodia, o humor, a crítica directa… A idea aquí é mostrar as trampas da linguaxe, esa semántica de lixo do machismo que está tan naturalizada.

"Quería mostrar as trampas da linguaxe, esa semántica de lixo do machismo que está tan naturalizada"

Un exemplo é o poema no que aparece un cartel que pon: “Clube A Raposeira”, “Aparcadoiro”, cunha frecha. Non o inventei: vino, e estaba así, en galego. Era semanticamente tan violento, tan agresivo, que que ía engadir eu… Só lle puxen un título, Normalización lingüística, “estrada Santiago-Padrón”. Cando o vin, preguntábame como se lle ocorrería ao dono ese nome…

Outro exemplo disto é Tratado de anatomía para mercados de carne, na que mesturo a linguaxe dos produtos dunha carnicería coa dos anuncios de prostitución, que tamén despezan os corpos das mulleres como se fosen carne. Traballo, así, con esa chatarra, esa semántica sucia e violenta, e tan naturalizada, do machismo. Dentro desta parte hai tamén poemas que tratan a violencia non só simbólica, senón física e de todos os tipos: a violencia de xénero. Son poemas máis de denuncia, nos que non cabe un recurso moi presente no libro e que a min paréceme moi importante na miña poesía, que é o humor. Outro aspecto moi presente neste libro é o diálogo intertextual e literario.

Con María Xosé Queizán, por exemplo.

Con María Xosé Queizán, Ana Romaní, Rosalía, con Ferrín… Como en “Sen pólvora e cun ramo de magnolias”, que di: “Algúns reclaman a liberdade pró meu pobo”./ “Eu, en troques, esixo a tenrura pró meu sexo”.

Ao ir avanzando, o libro vai camiñando no sentido de ofrecer interrogantes sobre a onde imos, que clase de homes queremos ser, de que maneira podemos ser homes feministas e superar as limitacións impostas polos mitos do dominio, o poder, o sangue, a violación… O mito pondaliano do home como sexo forte e a muller como sexo débil ao que dominar.

"O libro vai camiñando no sentido de ofrecer interrogantes sobre a onde imos, que clase de homes queremos ser"

Con ese tipo de estereotipos e a súa relación coa historia da nosa literatura tamén se relaciona, por exemplo, o poema Fráxil & Femíneo & Delicado, que di: The new fragance for men/ By Boss e Xenerosos. É un xogo humorístico, claro, que conecta con iso. Despois desa parte veñen os Puntos de fuga, no que as categorías dilúense, o sentido último da masculinidade faise máis plural e menos prepotente.... , e os poemas falan do que podemos chegar a ser, do que queremos ser, se incorporamos o feminismo á nosa vida, non só a nivel de discurso, senón nos nosos comportamentos do día a día, tentando superar as nosas contradicións.

Tamén sae o tema da paternidade...

Si, despois vén Materia estelar, que parte dunha experiencia tan brutal como é a paternidade, que tamén che fai preguntarte que modelo de home estás a ser, que tipo de roles de xénero estás a transmitir… E de aí á ultima parte, Saída de emerxencia, na que me pregunto se valeu de algo, se mudou a miña visión do mundo… Pregúntome se se moveu, polo menos un milímetro, a situación de partida, se cambiou algo… Deixo, así, preguntas abertas. En calquera caso, alterar a masculinidade supón alterar os marcos da linguaxe, camiñar cara un código liberado da gramática do machismo, dese sufixo masculino como marca universal…

Para min é, sobre todo, un libro de intervención, de poesía social, de poesía política. E entendo que, ao mergullarme nesa linguaxe de lixo do machismo, do puticlub, da pornografía… podo acabar contaminado por esa mesma linguaxe. Pode que non consiga transcender esa linguaxe, e que o libro quede aí, que non vaia máis alá no tempo… Pero eu asumo ese risco, esa batalla.

En Cadernos Rubio o pai non berra, nin pega, nin fere…

É un pouco a tradición cultural, a evolución da mesma, a través da memoria dos Cadernos Rubio. Lembrando esas frases que nos mandaban escribir. Nas que Pedro conducía un camión e María fregaba e cosía na casa.

Falabas antes de intertextualidade. É habitual que ás poetas novas lles pregunten polas súas influencias. Mais se cadra pasou ao revés: sempre hai un intercambio, e ademais aquí non habería poemarios coma o teu -ou coma parte das obras dos 90 e máis alá da chamada xeración dos 80-, sen a obra das tamén chamadas “poetas dos 90”. Entre outras.

Claro, se eu non me situase ante as miñas contradicións, e se non tivese lecturas sobre o feminismo, se non coñecese a obra de María Xosé Queizán, de Xohana Torres, de Rosalía, de Ana Romaní, de Xela Arias, de Lupe Gómez, de Olga Novo… non habería Masculino singular. Non son só as poetas dos 90. Claro que teño unha débeda aí. Hai un conglomerado de voces poéticas de mulleres moi forte, que cambiou a nosa forma de ver a linguaxe, a relación co corpo, coa identidade…

"Eu só poño o foco no que me parece que estaba pouco tratado na literatura galega contemporánea"

Se cadra agora xa estamos noutra etapa, con xente máis nova que tamén mudará a nosa maneira de escribir.  Como dicía antes, hai moito diálogo, con outros textos, con elementos da nosa cultura… Eu só poño o foco no que me parece que estaba pouco tratado na literatura galega contemporánea, que é como desaprender a masculinidade tradicional dominante.

Se pensamos en literatura feminista en Galicia, non saen moitos nomes -e menos de homes- se a identificamos con autores e autoras que se definen como feministas. Pero son moitas máis se analizamos os textos…

É que a situación ideal sería que non fosen necesarios os epítetos, que o feminismo estivese interiorizado, incorporado ao que escribimos, en todos os aspectos: a linguaxe, a estrutura, os roles dos personaxes… Despois tamén é certo que, cando te preguntas por autoras feministas moi conscientes e moi marcadas, tamén te cuestionas se son aceptadas fóra do ámbito intelectual no que o feminismo é asumido como algo imprescindible. É un risco, supoño, con toda literatura de intervención.

E despois hai outra cousa, e nisto falo como lector, que é que a min non me gusta que me vendan ideoloxía, quero dicir, non me gusta que me tenten convencer de algo a través da literatura de ficción. Penso que non se debe ser demasiado explícito, que se debe manter un pouco de distancia. Claro que tamén os textos que se pretenden inocuos son ideolóxicos…

Se cadra aí pasou algo, que é que, durante un tempo, facer literatura de reivindicación nacional foi case coma unha obriga. Mais pasado ese tempo, se cadra tamén hai un exceso no intento de desmarcarse diso. Como se a poesía non fose parte da sociedade e, por tanto, da política. Como se fose só unha sorte de técnica. Por iso se cadra lles din a algunhas autoras feministas que fan “ideoloxía”.

Sorpréndeme iso, mais o que eu quería dicir é que non pode deixar de estar a estética, non pode desaparecer o texto literario en favor da ideoloxía persoal de cada un. Non pode haber un desequilibrio entre o discurso, o razoamento, a parafernalia intelectual, e a calidade do poema, que non pode quedar afogado, no aspecto estético. O meu é un libro político, claro. E hai moitas maneiras de facer libros políticos. Tamén Cunqueiro facía literatura política, ou o que facía podía lerse como literatura política, facendo o que facía, en galego, naquel tempo. Pero ese é un debate que vai existir sempre.

"Non pode desaparecer o texto literario en favor da ideoloxía"

En canto á forma na que está escrito, hai poesía visual, caligramas… Non é unha novidade na literatura, pero reforza o que queres dicir…

Non me considero un innovador tampouco niso, pero aproveito o que mellor me parece para que a expresión gañe forza. A semántica patriarcal éntranos a través da publicidade, das pantallas… E eu quixen xogar coas mesmas armas, coa linguaxe da publicidade, dos medios… Aí tamén son debedor: neste caso, da Corporación Semiótica Galega, de Calros Solla, supoño que do espírito irreverente de Ronseltz…

"Eu sei que asumo o risco de non dar superado os tópicos que combato"

Utilizo os códigos da publicidade, do mundo da imaxe… non por afán vangardista, senón porque me acaían ben para o que quería facer. As retóricas máis tradicionais serían menos efectivas neste caso. Mais insisto no dito: eu sei que asumo o risco de non dar superado os tópicos que combato, que quizais non digo máis do que se pode esperar que ía dicir sobre a masculinidade… Pero xogo a ese xogo, e xogo ata o final. Ademais, xogar con ese tipo de linguaxe, igual que falar dos estereotipos dunha forma tan clara e, se cadra, previsible, como en Toy Story, funciona ben cando levo o libro aos institutos.

E dun xeito ben directo. Apelando ás masculinidades mal entendidas. Coma en Just for men.

O reto aí é como acosar o acosador, cunha batería de preguntas. Porque é un ser violento que pasa, socialmente, por normal, porque, igual que cando saen moitas noticias sobre asasinatos de mulleres, din dos maltratadores que son xente normal, porque claro, non están tolos, teñen familia, saudaban… A idea é ametrallar o home con preguntas para sacar o monstro que leva dentro.

Gañaches o Fiz Vergara con Tundra. Un poemario moi diferente a Masculino singular. O verso funciona, se cadra, mellor. Ten máis forza…

Son dous libros moi diferentes, escritos tamén en momentos distintos. Pasaron uns catro ou cinco anos entre un e outro. Cando escribín Tundra quedara canso da poesía de intervención, tras mergullarme, como explicaba antes, na linguaxe dos mass-media, da publicidade… para escribir Masculino singular. Así, despois da poesía social, veu Tundra, que é unha viaxe de indagación interna. E iso esixíame reformular toda a linguaxe do poema. Xa non me valía coa de Masculino singular, nin coa de Penúltimas tendencias nin coa de Makinaria.

"Despois da poesía social veu Tundra, que é unha viaxe de indagación interna"

É difícil recoñecerte en Tundra, de feito. Seguramente os membros do xurado nin sospeitaban que podías ser ti.

Si, e para min é un eloxio que non se me recoñecese. Custoume moito traballo, foi un proceso moi longo, de reescribir, atopar a linguaxe… É un libro no que tentei quedar só co esencial. Eu definiríao como un libro romántico, ademais. Busquei o límite da palabra, da expresión, nunha viaxe cara un lugar exótico, unha aventura que leva ao amor, en relación cos límites da linguaxe e coa supervivencia.

"Busquei o límite da palabra, da expresión, nunha viaxe cara un lugar exótico"

É como unha loita cos límites do que se pode dicir, ata quedar mudo. Unha viaxe a un territorio despoxado de signos humanos, onde o último que queda é unha faísca que se chama amor, entendido non nun sentido cursi, senón como unha mochila para a supervivencia. É, así, como unha ascensión á montaña, ao inexpresable, ao sublime, que tamén é un concepto romántico… Escribir este libro foi para min unha experiencia vital, lingüística, literaria, renovadora, un punto e aparte, algo diferente ao que levaba escrito ata agora. Penso que é o meu libro máis depurado, máis maduro.

Estou de acordo. Ten ademais algo de volta á orixe, ao prelingüístico.

Si, ao prelingüístico, no sentido do puro, do paraíso perdido.... O lugar do inexpresable, libre do paso do tempo, da corrupción da palabra. De todas maneiras, todo isto son reflexións que fago a posteriori. Cando empecei foi como unha exploración a cegas. Non sabía que ía escribir un libro romántico.

A tundra é Siberia, e é a serra do Candán…

A paisaxe da serra do Candán forma parte da memoria da miña infancia. Era o que viamos meu irmán Álvaro -que o reflectiu na pintura- e eu ao erguernos pola mañá. Era onde primeiro viamos a neve cando enfriaba o tempo… É parte da memoria íntima da miña infancia. E o libro é unha viaxe á montaña que, -non sei como soará isto-, ten algo de ascensión mística, cara ao polo norte, cara a ausencia de civilización, cara a orixe das cousas, o anterior á palabra. É un pouco, como diciamos, como as viaxes de exploración do XIX. Unha viaxe romántica sen mapa.

E o desexo? Que tamén está en Masculino singular.

É un libro, tamén, sobre o amor e os límites do amor. Un preguntarse sobre a esencia do amor nunha contorna hostil, desprovista do social. Un levar o amor, e o desexo, ao máis puro, ao límite, aceptando a parte instintiva do amor, máis alá das convencións. Un amor máis alá do desexo, relacionado, como diciamos antes, coa supervivencia nun lugar hostil. Unha forza telúrica, máis alá da racionalidade. Coma un refuxio de montaña no que pasar a noite. Un último recurso que che permite seguir vivo.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.