Aprendemos como funciona o machismo que non descansa con Iria Veiga, Uqui Permui, Paula Cons, Ana Ojea, Isabel Garrido, Susana Silva Alonso, Victoria Otero Espinar e Catara Rego
O privilexio de actuar e expresarse sen medo a ser cuestionado constantemente aínda é masculino. Este 8 de marzo de 2025 fanse cincuenta anos das primeiras celebracións do Día internacional da muller, instaurado como tal por Nacións Unidas dous anos despois, en 1977. Tamén van trinta anos da aprobación da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, aínda considerado o plan máis ambicioso para promover os dereitos das mulleres.
“As mulleres debemos colleitar os nosos relatos e á vez aprender a reler os relatos dos homes cos que a nosa mirada e a nosa voz foron alfabetizadas”, escribe Marta Sanz en Monstruas y centauras (Anagrama, 2018). Superar a concepción do ‘segundo sexo’ acuñada por Simone de Beauvoir é unha tarefa titánica cando o sistema segue identificando os homes coa razón e as mulleres coa emoción. Toda a xerarquía social construída en base a este criterio coloca o feminino nunha posición de subordinación perpetuada ata hoxe grazas ao machismo e ao patriarcado, amparados polo sistema capitalista.
Falamos de machismo estrutural porque é sistémico, diario, non descansa nin colle vacacións; aprende e evoluciona para manter a hexemonía instaurada na nosa sociedade. Este 8M quixemos aprender como funciona ese machismo que non descansa e facémolo da man de oito galegas de diferentes xeracións: Iria Veiga, Uqui Permui, Paula Cons, Ana Ojea, Isabel Garrido, Susana Silva Alonso, Victoria Otero Espinar e Catara Rego.
“Este ano estiven varias veces baixo a influencia do machismo. O que sentín foi unha sensación de pesadez e abafamento, coma se me cuestionasen en cada tarefa. Sucedeu nun ámbito profesional e o peor da situación foi comentalo con outras compañeiras e compañeiros e ver que non percibían o mesmo conflito. Ante a mesma exposición, atopei dúas posturas claras: quen o vía igual ca min e quen me consideraba unha ‘esaxerada”, conta Uqui Permui (Barallobre, 1964), directora de arte e deseñadora gráfica, creadora da campaña En negro contra as violencias, impulsada pola Concellería de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela para o 25N de 2015, que traspasou as fronteiras municipais e mesmo chegou á outra beira do Atlántico.
"Non esaxeramos. O que temos é unha maior sensibilidade feminista e detectamos o machismo de lonxe, aínda que veña disfrazado de 'ovella feminista", sinala Uqui Permui
“Isto levoume a cuestionarme, primeiro, se podería estar equivocada –continúa Uqui Permui–. Pero, ao analizar a situación do xeito máis obxectivo posible, decateime de que isto sucede socialmente a nivel global. Existen diferentes graos de sensibilización e, por suposto, distintos niveis de actitudes machistas. Pero parece que todo se mestura nun mesmo saco e quizais sexa isto o que explica os resultados dos últimos estudos sobre o tema, nos que a metade da mocidade menor de 24 anos cre que agora son eles os discriminados, identificándose e sendo manipulados polos argumentos das ideoloxías de extrema dereita”.
“Non esaxeramos. O que temos é unha maior sensibilidade feminista e detectamos o machismo de lonxe, aínda que veña disfrazado de 'ovella feminista'. Escoitei compañeiras e compañeiros xustificar comportamentos agresivos e prepotentes, dicindo que logo esa persoa é divertida e agarimosa, que defende causas xustas ou que é a primeira en defender o feminismo. E é que o machismo non é só unha práctica de monstros terribles que berran, agriden e asasinan; iso é o extremo. Certo é que é o máis visible e terrible. Pero, pódese loitar contra esa realidade se socialmente se coan por todos os poros situacións nas que seguimos sendo cidadás de segunda? Situacións nas que se nos cuestiona aínda que demostremos constantemente a nosa valía, nas que os compañeiros só se moven por cargos con máis visibilidade mentres aseguran estar ocupados para outras tarefas máis ingratas, nas que, moitas veces, só atopamos mulleres?”, cuestiona a deseñadora.
Uqui Permui celebra os avances, “hai moitos compañeiros dispostos a aprender, mellorar e a ser permeables aos comentarios sen velos como ataques, senón como unha oportunidade de mellora”; porén, percibe “un cambio de actitude: unha preocupación nalgúns homes por manter a chulería como identidade masculina e por reforzar un forte corporativismo masculino hexemónico contra o que as mulleres non sempre loitamos xuntas”.
"Puxéronse en dúbida as miñas decisións e ás da directora de fotografía, algo que nunha rodaxe habitual non se tería permitido", apunta a cineasta Paula Cons
“Penso que as mulleres temos un papel fundamental á hora de permitir ou perpetuar o machismo. E se non o percibimos –ou non nos sentimos agredidas por certas situacións– manteñámonos en alerta, en lugar de cuestionar a quen o sinala. Pensemos que, onte, agresións que hoxe son claramente inxustificables eran vistas como ‘normais”, asevera Permui.
A catedrática de Análise Matemática da Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española Victoria Otero Espinar (Lugo, 1962) considera “demasiado frecuente” a “invisibilidade” das mulleres nalgunhas reunións, nas que a súa opinión tense menos en conta. “Isto sucede cando unha muller fai unha achega nunha reunión e é ignorada, a reunión continúa coma se non dixese nada. Xusto despois, un home suxire o mesmo e a el non só se lle escoita, senón que tamén se lle outorga o recoñecemento da idea. Hai tempo eu non dicía nada se era esa a situación, pero ultimamente fago ver que iso xa o dicía algunha de nós anteriormente. Aínda que procuro dicilo con delicadeza, dáme a sensación de que isto se considera como un signo de prepotencia. Pero para nada é iso, é unha necesidade de reivindicación”, asegura.
"As mulleres temos un papel fundamental á hora de permitir ou perpetuar o machismo. E se non o percibimos –ou non nos sentimos agredidas por certas situacións– manteñámonos en alerta, en lugar de cuestionar a quen o sinala", di Permui
A directora de cine e guionista Paula Cons (A Coruña, 1976) relata como traballa o patriarcado expulsando as mulleres de determinadas profesións, unha tendencia que queda demostrada co traballo das cineastas, que nos últimos anos están a conquistar recoñecementos impensables hai ben pouco. “Eu o que vivo de machismo estrutural e de herdanza do patriarcado é que, dado que decidín dedicarme a unha profesión tan masculinizada, cheguei tarde, faltábanme referentes femininos cando era nova e ademais son de clase media. Atópome a piques de estrear a miña segunda película cunha idade coa que xa podería ter unha carreira máis avanzada”.
“Na miña segunda película percibín por unha parte do equipo masculino, nunca do feminino, que se puñan en dúbida decisións absolutamente típicas, estandarizadas e necesarias nunha rodaxe que eu tomaba. Estou segura de que iso só pasou porque era unha directora muller, sabendo ademais que tiven unha boa xestión do tempo de traballo e o material quedou ben. Porén, puxéronse en dúbida as miñas decisións e ás da directora de fotografía, algo que nunha rodaxe habitual non se tería permitido, a ninguén se lle ocorre facelo porque falamos de cuestións que son así e só así”, revela Paula Cons.
Cons explica que as directoras mulleres son aproximadamente un 18% e que as guionistas suman unha porcentaxe pouco maior. “Os orzamentos máis altos son para os homes”, critica, para engadir que é preciso poder dubidar no proceso de creación, como reivindica a cineasta Carla Simón. “Parece que os directores só podemos estar segurísimos das nosas decisións e ela reivindica a dúbida. Calquera se atreve con elementos que cuestionan xa cousas clarísimas que non teñen outra forma de facerse”, lamenta.
"Nas probas de selección ou cando facemos proxectos sempre son elas as que teñen o texto preparado e as coreografías sabidas, cun control e unha esixencia brutais; e eles aparecen alí co texto lido por enriba e cunha sensación de esixencia moito menor", relata a actriz Isabel Garrido
A actriz Isabel Garrido (A Coruña, 1998) conta con só cinco anos de percorrido profesional, pero antes fixo teatro amador e ve que moitos dos patróns se repiten porque o machismo e as desigualdades están presentes en todos os ámbitos sociais. “Nas probas de selección ou cando facemos proxectos sempre son elas as que teñen o texto preparado e as coreografías sabidas, cun control e unha esixencia brutais; e eles aparecen alí co texto lido por enriba e cunha sensación de esixencia moito menor. Non é culpa destes actores en concreto, senón do nivel que se nos esixe ás nenas, sempre competindo e competindo entre nós mesmas, co terrible que é iso, pois nós somos irmás que nos debemos inspirar unhas nas outras. Esta gran esixencia non existe para eles, non hai ese foco neles como profesionais. Vivir iso constantemente faite sentir responsable deles, que non poñen todo no traballo, o que supón un traballo de máis para nós”, argumenta.
“Por non falar de que hai moita máis esixencia física e estética sobre nós. Eu vivín comentarios de homes en contextos laborais –ben intencionados, o que definen como piropos– porque sempre se comentan os nosos corpos. En rodaxes non escoitei piropos cara a un home polo ben que lle queda o vestiario. Isto está mudando coas xeracións máis novas porque non toleramos certos comentarios e actitudes, pero eu vivino en cinco anos así que imaxina o que viviron as profesionais nos últimos corenta anos... Con todo, confío nun futuro no que exista unha igualdade real onde ambos sexos estean implicados totalmente nun proxecto, e que se nos quiten responsabilidades de crianza e de recoller no propio traballo ás mulleres, porque non estamos para criar a ninguén, salvo a nós mesmas”, incide Garrido.
"Como se polo mero feito de ser muller tivese que demostrar constantemente que as miñas ideas, os meus proxectos ou as miñas decisións teñen o mesmo valor que as dos meus compañeiros", conta Catara Rego
A artista visual Catara Rego (Meira, 1996) confesa que ten a sensación permanente de estar “probando”, “como se non fose suficiente só con facer ben o meu traballo”. “Non se trata só de mostrar competencia ou cumprir expectativas, se non de pelexar tamén con esa idea de que a miña presencia non só está xustificada polo meu traballo, de que teño que validala de forma continua. Como se polo mero feito de ser muller tivese que demostrar constantemente que as miñas ideas, os meus proxectos ou as miñas decisións teñen o mesmo valor que as dos meus compañeiros. Podería resumilo como a sensación de ter que estar sempre por encima das expectativas para non ser cuestionada”.
Ana Ojea, coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia e profesora no IES Politécnico de Vigo, observa con preocupación as condutas machistas do alumnado. “Insultos polos corredores (o de maricón é moi frecuente e profundamente machista), cosificación das compañeiras con miradas lascivas ou comentarios inapropiados”, detalla.
“Esas actitudes do alumnado dan un paso máis cara ás profesoras, sobre todo se es nova –xa que o edadismo téñeno asimiladísimo– ou cun corpo normativo. En ocasións, sexualizan as profesoras e desenvolven condutas cosificadoras máis sutís aínda que coas súas compañeiras. Nalgunhas ocasións, se están afoutos polo grupo, chegan a actitudes máis directas como facerche un pasillo intimidatorio cando pasas por un corredor estreito”, conta Ojea, quen tamén pon de manifesto a diferencia de trato dos alumnos homes cos profesores ou coas profesoras: “As profesoras somos con moita máis frecuencia desautorizadas, tratadas con desdén, desprezo e con actitudes cara a nós moito máis arrogantes e agresivas”.

"Están obrigándonos a depender de novo de alguén para vivir", asegura a mariscadora Susana Silva
No caso da mariscadora Susana Silva Alonso hai un exemplo de como funciona a violencia machista no económico e, tamén, administrativo. Adscrita á confraría de Cabo de Cruz (Boiro) e activa na asociación Mulleres Salgadas, transmite como a crise do marisqueo e a inacción da Xunta está facendo que as mulleres que traballan no mar retrocedan décadas en dereitos. “Están obrigándonos a depender de novo de alguén para vivir. Non hai axudas, desde os 550 euros que recibimos antes das eleccións galegas, e non sabemos que pasa na ría para que haxa tan pouco marisco. Temos que traballar porque non nos queda outra, en breve volveremos limpar as praias, sementar... e iso é o que quero facer, encántame o meu traballo. Pero quero traballar por un salario digno, non ter que depender de ningún home nin de ninguén”, afirma.
Silva critica que levan anos impedindo a creación do Observatorio de igualdade para o sector do mar e que acceder aos postos de representación é case imposible para elas. “Nós sempre temos que demostrar que valemos para facer o noso traballo. Eu quero que me xulguen polo meu traballo, non porque sexa muller ou home”, incide a mariscadora, que ve con profunda preocupación unha situación que, neste punto, pode non ter volta atrás e que o seu traballo desapareza.
Se os feminicidios son a punta do iceberg da violencia que sofren as mulleres polo feito de seren mulleres, todos os exemplos que relatan estas oito mulleres son o día a día nunha sociedade aínda machista e onde a igualdade real está máis preto que hai cincuenta anos, cando aínda acababa de morrer Franco, pero non é efectiva
Iria Veiga (Ferrol, 1981), médica psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, ve como o machismo se desenvolve en dous niveis no eido sanitario: “No nivel concreto e interpersoal, as mulleres sufrimos moitas máis agresións físicas por parte de pacientes e acompañantes no exercicio das nosas tarefas, e non somos percibidas como expertas ou técnicas, senón como coidadoras. Isto en si mesmo non é malo, porque o labor sanitario ten moito que ver co coidado, pero reflicte unha extensión do rol social das mulleres como coidadoras. Aínda pervive o reflexo de chamar ‘enfermeira’ a calquera muller vestida de branco e ‘doutor’ a calquera home, aínda que na actual distribución das profesións, o máis probable (con moito) é que a muller de branco sexa médica e o home de branco, celador”.
Por outra banda, como sucede coas cineastas e con tantas outras profesións, na sanidade as mulleres tamén atopan dificultades para chegar aos altos cargos: “O segundo nivel é o do laboral/institucional, no cal as profesións perden prestixio social e remuneración cando se feminizan. O empeoramento das condicións laborais cada vez máis acusado vai parello ao aumento das mulleres nas profesións sanitarias, non así nos postos de dirección”.
Nesta reportaxe non hai exemplos extremos de violencias machistas, que son os que habitualmente centran as informacións pola súa gravidade e consecuencias. Se os feminicidios son a punta do iceberg da violencia que sofren as mulleres polo feito de seren mulleres, todos os exemplos que relatan estas oito mulleres son o día a día nunha sociedade aínda machista e onde a igualdade real está máis preto que hai cincuenta anos, cando aínda acababa de morrer Franco, pero non é efectiva. Por todas as situacións que se contan aquí, dicimos que a violencia machista é un problema estrutural e de Estado, pois atinxe á sociedade no seu conxunto.
O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización.