“É moi importante que as mulleres pensen que poden chegar onde elas queiran”, salienta Victoria Otero Espinar, catedrática de Análise Matemática na Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española, a sociedade científica na que tamén preside desde hai anos unha comisión mixta que traballa nun convenio de terminoloxía coa Real Academia Española. Recentemente, foi elixida vicepresidenta do Comité Español de Matemáticas (CEMat), incorporándose á directiva desta organización que representa a España na Unión Matemática Internacional. Namorada da docencia, insiste en que a xente debe ter en conta que “saber matemáticas vai ser importante para a súa vida, independentemente de onde vaian, coñecelas vai sumar na súa actividade profesional”.
Cre que se ensinan igual as matemáticas hoxe que cando comezou dar aulas no ano 1986?
Penso que non, hai moitos contidos que xa non se dan e houbo unha reestruturación nos currículos; pero é certo que hai moitas cousas que se seguen dando porque son as necesarias: o básico que ten que aprender un graduado en Matemáticas para que despois poida especializarse. Agora traballamos moito as competencias, é dicir, que se explica para que serven os contidos e como se poderían aplicar. Trabállase máis en conxunto todo. É necesario coñecer a esencia do contido que estás traballando, pero tamén saber que vai haber máis alá. Hai que espertar a mente, tes que abrila para poder continuar.
"Cando vexo alguén na Facultade que me di ‘estou aquí porque un día ti viñeches ao meu instituto’, ese é o premio máis grande que me poden dar"
Na súa promoción había máis mulleres das que ve agora na Facultade de Matemáticas en Santiago?
Máis ou menos igual. As matemáticas sempre foron unha carreira bastante feminizada porque moitas de nós queriamos dedicarnos á docencia. Nas orlas que están penduradas pola facultade pode comprobarse como houbo moitas mulleres desde o inicio, agora é cando comezan escasear as mulleres.
A comezos deste século celebrábase o bo momento da muller nas carreiras STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, polas súas siglas en inglés) mais isto mudou en cuestión dunha década.
Si, hai un cambio importante e na nosa Facultade comeza no ‘boom’ das matemáticas, cando os profesionais entran máis noutros campos: na industria e nas empresas. As notas de corte aumentaron tamén moito, cando eu era decana a nota estaba nun 5, entraba todo o mundo que quería, pero agora despois de Medicina e Odontoloxía estamos nós como nota de corte máis elevada, están entrando persoas con notas por enriba do 12. E é agora cando a muller se retrae máis, e iso que as mulleres temos as notas tan boas ou mellores que os homes.
Pode ter relación coa ‘síndrome da impostora’?
Pode ser, si. Nós sempre nos cremos un pouco peores que os homes. Aos homes cando os escoitas falar sempre parecen como máis potentes que as mulleres, incluso nas aulas os que falan máis son os homes e hai mulleres que teñen unha mente mellor nesa mesma aula que se retraen un pouco máis. A ‘síndrome da impostora’ é algo a ter en conta, pero tamén as saídas que ten agora esta titulación, aínda que nestes anos vin mulleres no dobre grao de Enxeñería e Matemáticas ás que lles gusta tanto a tecnoloxía como a calquera home.
"O que temos que facer é ser máis transparentes con todo o que se fai porque parece que os algoritmos son algo escuro"
A priori, quizá, a saída cara á investigación é menos estable que antes a vía do ensino.
Iso tamén. Na carreira investigadora, de momento, aos 40 anos aínda estás inestable.
Son necesarias as referentes e vostede é unha delas, cando foi decana da Facultade de Matemáticas contou cun equipo con todo mulleres, sente que abriu camiño?
Eu son das que vou a todos os institutos que me chamen, incluso me convido eu mesma, porque creo que é moi importante que as rapazas –e incluso as nenas en Primaria– vexan que hai mulleres que son coma elas. Con moito traballo chegamos ao sitio onde estamos, pero partimos das mesmas condicións iniciais que moitos dos que están nas aulas. Eu cando era pequena estaba nun colexio dun pobo de Lugo, despois vin para Santiago. As oportunidades, evidentemente cambian dunha familia a outra, pero están aí. Entón, ver que hai xente que é normal –non todos temos que ter un premio Nobel– e que lle gusta o que está facendo pode contaxiar a rapazada.
Ao final, para que as rapazas escollan carreiras científicas ou tecnolóxicas tamén teñen que ver que iso lles pode gustar.
O profesorado aquí é moi importante. Ao final quen che transmite o gusto por unha materia é alguén a quen ves gozar con ela mentres explica e formula os problemas. Nas casas tamén inflúen bastante. E ver a alguén falando do seu traballo e dicir: ‘pois podo dedicarme a isto porque o que está contando esta persoa gústame’. Abrir a mente para ter no horizonte moitas posibilidades entre as que elixir é fundamental. Cando vexo alguén na facultade que me di ‘estou aquí porque un día ti viñeches ao meu instituto’, ese é o premio máis grande que me poden dar. O mellor que poden facer, tanto elas como eles, é elixir unha titulación que as leve a facer cousas que lle gusten porque así toda a vida vas estar traballando de algo que te motiva.
"É preciso coñecer as tripas das matemáticas para ensinalas ben e temos un reto por diante que é mellorar a formación dos pequenos"
As matemáticas son a base do eido dixital que é tan protagonista nas nosas vidas, pero seguen parecendo máis alleas. Parécelle a vostede así?
Eu creo que agora non tanto, cada vez vexo máis xente que fala de matemáticas desde outros ámbitos. O que si está claro é que a sociedade ve o papel das matemáticas, antes eramos como os ‘cocos’ que estabamos aí facendo cousas que non se sabía ben o que faciamos e agora a sociedade en xeral sabe que as matemáticas son importantes. Hai xente que me pregunta se agora coa Intelixencia Artificial o papel dos matemáticos vaise resentir, pero sempre digo que o cerebro da IA son as matemáticas. Os algoritmos e toda a aprendizaxe automáticas das máquinas son matemáticas.
Fálase moito de que os algoritmos inflúen cada vez máis na nosa toma de decisións, consciente ou inconscientemente, pero é que son matemáticas e hai persoas detrás deles.
Claro, un algoritmo é unha expresión matemática de algo que queremos facer. O que temos que facer é ser máis transparentes con todo o que se fai porque parece que os algoritmos son algo escuro, pero non son nada escuros: o que hai que controlar é como se están utilizando. Nós os matemáticos temos que estar máis presentes e detectar se se empregan para facilitar datos cun nesgo que produza discriminacións, por exemplo. Agora a vida baséase en datos e hai que estar aí, controlando o que queremos que aprendan as máquinas.
Xa hai tempo, ademais, a carreira de Matemáticas non ten paro.
Si, xa no ano 2012 fíxose algún estudo e case non había paro, pero agora creo que hai aínda menos. O noso alumnado sae con frecuencia con traballo da facultade, despois do mestrado de especialización. Agora o problema é que moito alumando opta pola empresa privada ou os centros de investigación e o que está quedando con falta de profesorado de Matemáticas é o ensino secundario. Isto é un problema porque está dando clase un profesorado con moi pouco coñecemento, hai carreiras das que saes cun coñecemento bastante bo como para dar despois clase de matemáticas, pero non sempre é así. É preciso coñecer as tripas das matemáticas para ensinalas ben e temos un reto por diante que é mellorar a formación dos pequenos. Hai profesorado moi bo agora pero hai que seguir traballando para que esta materia non se vexa como unha barreira. Hai que sabelas ensinar, non consiste en calcular e calcular. O máis importante é saber pensar. Non se poden ensinar como algo illado, hai que mostrar a súa utilidade.
"Nas aulas hai unha participación moi grande, establécese un diálogo e creo que hai máis facilidade para conectar entre profesorado e alumando"
Nos institutos galegos non se pode ensinar Matemáticas en galego. Considera que o idioma no que se ensinan pode ser unha barreira?
Non creo que haxa ningunha barreira, totalmente ao contrario, é moi enriquecedor que se poidan facer as matemáticas en galego. Hai anos fixemos un dicionario de terminoloxía matemática galego, inglés, castelán e portugués e non hai moito que estivemos traballando coa Academia desde a Facultade tamén sobre terminoloxía matemática. Os termos matemáticos teñen que estar en todos os idiomas, aí non hai barreiras e poñelas non me parece ben.
Vén de asumir unha nova responsabilidade como vicepresidenta do Comité Español de Matemáticas, que reto supón para vostede?
Participamos moito da Unión Matemática Internacional. E estamos traballando moi unidos todos os axentes para ter unha voz común no Estado, intentando converternos esa referencia para cando hai algo de matemáticas. Co coronavirus fixemos unha acción matemática e canalizamos todos os traballos que ían xurdindo ao Ministerio de Sanidade e ao Instituto Carlos III, cos que estivemos en contacto permanente. Agora estamos moi centrados en poder influír na formación matemática dos futuros mestres e mestras. É fundamental que os gobernos escoiten aos expertos antes de tomar decisións.
Combina estas responsabilidades coa docencia na Facultade en Santiago, sorpréndelle o alumnado que xa é nativo dixital?
Sorpréndeme que veñen con moitísima máis curiosidade. Nas aulas hai unha participación moi grande, establécese un diálogo e creo que hai máis facilidade para conectar entre profesorado e alumando. A participación enriquece as aulas e eu creo que se aprende máis cando un alumno pregunta e expresa as súas dúbidas porque dos erros é do que máis se aprende.