CIG-Ensino denuncia o borrado de 169 unidades didácticas de Matemáticas en galego da web da Consellaría

Unidade didáctica de matemáticas en galego © cartaxeometrica.blogspot.com

Nas últimas semanas o blog Retallos de matemáticas denunciou a eliminación por parte da Consellaría de Educación de 169 unidades didácticas de matemáticas en galego que se aloxaban na web deste departamento do Goberno galego

O Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo Partido Popular en 2010 impide expresamente (artigos 6.3 e 7.3) que tanto en Primaria coma en Secundaria as clases de matemáticas se impartan en galego. "Impartirase en galego a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas", di o primeiro artigo e "impartiranse en galego as materias de Ciencias sociais, xeografía e historia, Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía, e en castelán as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química", impón o segundo. Porén, son moitos e moitas as docentes que desenvolven materiais didácticos de matemáticas en lingua galega, que comparten na rede para o seu uso por parte doutros mestres e mestras. 

Nas últimas semanas o blog Retallos de matemáticas denunciou a eliminación por parte da Consellaría de Educación de 169 unidades didácticas de matemáticas en galego que se aloxaban na web deste departamento do Goberno galego. 

Denuncia do blog 'Retallos de Matemáticas' ©

Este martes o sindicato CIG-Ensino fíxose eco desta denuncia, sinalando que "con esta decisión de censura e persecución lingüística, o goberno galego confirma unha desapiadada e enfermiza xenreira contra o noso idioma e un afán de censura impropio dunha institución democrática"

"A Consellaría de Educación non debía estar moi contenta con esta mostra de resistencia, así que, aproveitando unha reestruturación do repositorio de materiais didácticos, dá un paso máis na súa aniquilación da lingua galega. Así, silandeiramente, eliminou do seu portal todas as unidades didácticas de ciencias en galego que se compartían no citado repositorio", explicaba o blog, que publica unha relación das unidades eliminadas.

Este martes o sindicato CIG-Ensino fíxose eco desta denuncia, sinalando que "con esta decisión de censura e persecución lingüística, o goberno galego confirma unha desapiadada e enfermiza xenreira contra o noso idioma e un afán de censura impropio dunha institución democrática". "Co borrado, a administración educativa limita a liberdade de ducias de docentes galegos que elaboraron e publicaron no repositorio de contidos da propia Consellaría de Educación e lanza unha nova mensaxe: o galego non vale para as matemáticas", destaca a central nacionalista.

CIG-Ensino critica que "teñamos que recorrer exclusivamente a iniciativas non dependentes da administración para poder acceder a unidades didácticas de matemáticas en galego", en referencia ás 60 unidades aloxadas no proxecto Descartes

CIG-Ensino critica o feito de que "teñamos que recorrer exclusivamente a iniciativas non dependentes da administración para poder acceder a unidades didácticas de matemáticas en galego", en referencia ás 60 unidades didácticas aloxadas no proxecto Descartes.

O sindicato exixe "unha rectificación" por parte da Consellaría de Educación e considera que "esta medida sería non só reparadora coa presenza da nosa lingua nun ámbito duramente castigados pola política lingüicida da Xunta, senón tamén co propio traballo realizado polo profesorado". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.