Hai cen anos, en 1922, David Fernández Diéguez, catedrático de Matemáticas do Instituto de ensino secundario da Coruña (Eusebio Da Guarda) difundía a nova de que o primeiro libro de Matemáticas publicado en América era obra dun galego
Hai cen anos, en 1922, David Fernández Diéguez, catedrático de Matemáticas do Instituto de ensino secundario da Coruña (Eusebio Da Guarda) difundía a nova de que o primeiro libro de Matemáticas publicado en América era obra dun galego. Nas páxinas do Boletín de la Real Academia Gallega deu conta da aparición en 1921 na revista The American Mathematical Monthly dun artigo do matemático e coleccionista norteamericano David Eugene Smith, profesor da Universidade de Columbia (New York). No volume 28 desa publicación (páxinas 10-15) Smith informaba sobre o singular papel histórico do libro, obra de Juan Díez, a quen situaba como de orixe galega e acompañante de Hernán Cortés na súa expedición de conquista americana (1518).
Un libro histórico
O libro, impreso en México no ano 1556, titúlase Sumario compendioso de las cuentas de plata y oro que en los reinos del Perú son necesarias a los mercaderes y todo género de tratantes. Con algunas reglas tocantes a la Arithmética. O artigo de Smith reescribía a historia, pois ata ese momento se consideraba que un libro atribuído a Isaac Greenwood, publicado en Boston en 1729, era o primeiro texto matemático impreso en América. O Sumario compendioso obrigaba a retroceder o punto de partida en nada menos que 173 anos. Unha certa cura de humildade para a soberbia anglosaxoa que adoita desprezar as contribucións hispanas no continente americano.
O libro, impreso en México no ano 1556, titúlase Sumario compendioso de las cuentas de plata y oro que en los reinos del Perú son necesarias a los mercaderes y todo género de tratantes. Con algunas reglas tocantes a la Arithmética. O artigo de Smith reescribía a historia, pois ata ese momento se consideraba que un libro atribuído a Isaac Greenwood, publicado en Boston en 1729, era o primeiro texto matemático impreso en América
Smith coidaba que o contido e nivel científico do Sumario compendioso era perfectamente homologable ao doutros libros similares publicados en Europa por esas mesmas datas. Falamos dunha obra que, como xa indica o seu título, tiña un carácter eminentemente práctico, dirixido aos comerciantes que negociaban co ouro e prata extraídas das minas de Perú. Por iso non nos parece descamiñado cualificalas como “Matemáticas coloniais”, pensadas para o proceso de extracción de recursos das terras colonizadas.
Díez tratou nas 108 follas que constitúen o libro diversos problemas aritméticos, como o cálculo das porcentaxes, operacións con fraccións, determinación da lei (riqueza dunha mestura) da prata e do ouro, a aplicación da regra de tres, a conversión de moedas, etc. Coñecementos básicos para o cálculo dos contables antes da entrega dos metais as autoridades. O valor científico do texto medra se consideramos que, ademais, incluía unha sección de Álxebra na que se expuxeron e resolveron problemas por medio de ecuacións de segundo grao. Asemade, o libro tamén salienta como material de ensino das Matemáticas, apostando polo coñecemento adquirido en base á resolución de problemas. Díez semellaba dirixirse a uns alumnos sentados fronte a el, a quen propuña exercicios, ofrecía solucións, daba consellos e orientacións.
O pioneiro libro foi obxecto de diversas edicións facsimilares. O propio Smith preparou unha publicada en Boston en 1921: The “Sumario Compendioso” of Brother Juan Díez (with an introduction). The earliest mathematical work of the New World. Cultura Hispánica deu a lume outra en Madrid en 1985. En México DF publicouse en 2008, pola Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), unha edición que inclúe un estudo histórico de Marco Arturo Moreno Corral e outro da parte matemática por César Guevara Bravo.
O difusor en Galicia, Fernández Diéguez
David Fernández Diéguez (1875-1936) explicou a novidade do libro de Díez no artigo “La obra más antigua de Matemáticas impresa en el Nuevo Mundo es debida a un gallego” que apareceu no Boletín de la Real Academia Gallega (volume XII, número 143-144, páxinas 369-370, número 145, páxinas 12-14). Alí indicou que non chegou a ler o orixinal de Smith e soubo del pola Revue des Questiones Scientifiques de Lovaina que di traduciu “casi literalmente” o artigo do norteamericano.
Fernández Diéguez estudara Ciencias Exactas en Madrid e accedera ao Instituto de ensino secundario herculino como catedrático de Matemáticas en 1914. Ingresaría na Real Academia Galega o 28 de marzo de 1925 nun acto celebrado no paraninfo do instituto, no que pronunciou un curioso discurso, “Las matemáticas en la apologética científica contemporánea”, ao que lle respondeu o académico Félix Estrada Catoyra. Digo curioso porque na súa intervención Diéguez intentou harmonizar “la excelsa y sobrenatural fe divina con la maravillosa ciencia matemática”. Ese enfoque resulta coherente coa paixón que sentía Diéguez polos Evanxeos e as Matemáticas e tamén –como veremos– co seu perfil ideolóxico.
Durante décadas Fernández Diéguez destacou nos círculos políticos e sociais do catolicismo e conservadorismo coruñés. Entre outros cargos, ocupou a presidencia provincial da Unión Monárquica Nacional, o partido creado polos antigos militantes da Unión Patriótica e polos ex-dirixentes da Ditadura de Primo de Rivera. En 1936, a raíz do golpe militar contra a II República, identificouse co franquismo, ocupou a presidencia da Real Academia Galega (da que xa era secretario) e formou parte dun corpo para-policial represivo, “Los Caballeros de La Coruña”. A principal misión desas autodenominadas “milicias armadas” era a de “coadyuvar con la tropa en la represión y pacificación de las zonas de la provincia atacadas por los elementos subversivos y ser la base de una organización militar de elementos civiles que, por su espíritu, han de tener la gloriosa misión de restaurar los valores nacionales”. Diéguez morreu ao pouco tempo, o 23 de decembro dese 1936.
As primeiras publicacións mexicanas
O libro que hoxe comentamos foi publicado polo primeiro obradoiro de impresión que se creou na capital mexicana, en 1539, promovido polo vicerrei Antonio de Mendoza e o primeiro bispo da cidade, Juan de Zumárraga. Estes contactaron con Juan Cromberger, impresor de Sevilla, quen mandou a América para encargarse do obradoiro a un colaborador seu, Juan Pablos Lombardo, que se estableceu nunha casa fornecida polo propio bispo e comezou o seu labor axiña.
O libro que hoxe comentamos foi publicado polo primeiro obradoiro de impresión que se creou na capital mexicana, en 1539, promovido polo vicerrei Antonio de Mendoza e o primeiro bispo da cidade, Juan de Zumárraga
A creación desa imprenta formou parte dun conxunto de iniciativas promovidas polas autoridades coloniais españolas aos poucos anos da conquista de México (parte de Nueva España) para xerar institucións culturais e científicas. Así, en 1536 fundouse o Colexio de Tlatelolco, para educar aos indíxenas; en 1540 iniciouse o ensino da Astronomía, Física e as Matemáticas en Tiripetío, Michoacán; en 1551 constituiuse a Real Universidade de México, que en xuño de 1553 comezou o seu labor docente.
O obradoiro de impresión de Pablos, e o resto dos creados nos primeiros tempos da conquista en México, tiñan como principal obxectivo publicar obras que axudaran ao labor de adoutrinamento no catolicismo emprendido polas comunidades relixiosas que acompañaron á colonización. A conquista militar e a utilización dos recursos naturais dos territorios ocupados estiveron acompañadas dunha poderosa campaña de “evangelizacion de los indígenas”.
Nese proceso de dominación cultural e espiritual os misioneiros católicos precisaban de textos –en moitos casos bilingües– que usaban como instrumentos para achegarse e transformar a mentalidade dos habitantes dos países conquistados. De feito, das trece obras que se publicaron nos dez primeiros anos na imprenta de Juan Pablos, oito foron Douctrinas cristianas, dúas delas en idioma nahuatl e unha en lingua huasteca. Nese contexto, dominado pola publicación de libros sobre temática relixiosa, salienta a aparición en 1556 do Sumario compendioso. E, ao ano seguinte, un libro de física, que incluíu como apéndice un texto de astronomía, o primeiro publicado en América.
Juan Díez, unha identidade confusa
Vaiamos co autor do libro. No seu momento Smith afirmou, e así o recolleu Fernández Diéguez, que o autor do Sumario compendioso, Juan Díez, era galego e identificouno como un “clérigo anciano y honrado” que acompañou, cando era novo, a Hernán Cortés na expedición a Yucatán coa que este iniciou a conquista de México (1518). Un elemento decisivo para esa opinión do matemático norteamericano foi que na portada do libro aparece: “Fecho por Juan Díez freyle”. Ese “freyle” foi interpretado como “fraile” por Carolina Marcial Dorado, a traductora que axudou a Smith a publicar a edición facsimilar do libro, no que denominou “Brother”, irmán, a Díez.
No seu momento Smith afirmou, e así o recolleu Fernández Diéguez, que o autor do Sumario compendioso, Juan Díez, era galego e identificouno como un “clérigo anciano y honrado” que acompañou, cando era novo, a Hernán Cortés na expedición a Yucatán coa que este iniciou a conquista de México (1518)
Na actualidade, existen dúbidas sobre a condición relixiosa do Díez autor do libro, de feito outros estudosos transformaron “freyle” nun apelido, o autor sería Juan Díez Freyle. Tampouco se entende como un misioneiro común, colectivo que non gozaba de gran formación científica, fose quen de posuír elevados coñecementos matemáticos. A cuestión complicase se temos en conta que naqueles tempos viviron en México varios escritores co nome de Juan Díez e mesmo Juan Díaz. Aínda máis, algúns investigadores sitúan a morte do misioneiro Juan Díez en 1549, sete anos antes da publicación do libro comentado, unha circunstancia que complica algo a adxudicación da autoría do libro. Si, estamos fronte unha biografía confusa, unha identidade que precisa de novas investigacións para saber se o misioneiro galego que acompañou a Hernán Cortés foi o autor do Sumario compendioso. Mentres, con esa lóxica precaución, celebramos a publicación do singular libro por unha persoa que se chamaba Juan Díez e a quen se lle atribuíu orixe galega.