María Wonenburger, talento e paixón polas matemáticas

María Wonenburger, na Coruña © Arquivo de Xosé Henrique Pujales

"Resulta inexplicable que se puidese estar tan preto dela sen o saber". O Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega fala nestes termos de María Wonenburger Planells, a eminente matemática galega falecida o pasado sábado na Coruña cuxa brillante traxectoria científica e cultural non se correspondeu, cando menos ata o derradeiro treito da súa vida, co recoñecemento público na súa contorna máis cercana: Galicia e o Estado español.

Nada en Oleiros nos últimos anos 20 con raíces alsacianas e valencianas a súa traxectoria intelectual sería cobizada por calquera persoa que ame as matemáticas e, en xeral, o coñecemento. A finais dos 50 logrou unha das primeiras bolsas Fullbright, axuda que se converteu no seu pasaporte académico á universidade estadounidense de Yale. Catro anos despois tiña xa rematada a tese de doutoramento, centrada na teoría de grupos, unha das súas especialidades. En contacto permanente con algúns dos mellores alxebristas, tivo un paso fugar polo CSIC español nos anos 60 antes de lograr outra bolsa, desta volta de posgrao, na universidade canadense de Queen.

Tras un ano na Universidade de Buffalo aos 40 anos de idade Wonenburger logro unha praza docente na Universidade de Indiana, onde traballou ata 1983, ano no que tivo que regresar á Coruña por mor do empeoramento da saúde da súa nai. Durante estes trinta anos, aínda que colaborou en diversos ámbitos culturais e instituticionais -en 2010, por exemplo, foi recoñecida como doutora honoris causa pola Universidade da Coruña- mantivo un perfil discretísimo e socialmente apenas se coñecía que nacera e vivía no país unha das referencias mundiais no mundo da álxebra, no que dirixiu as teses dalǵuns dos referentes na materia e ao que realizou importantes achegas tamén aplicadas no eido da física.

O recoñecemento público en Galicia chegoulle no derradeiro treito da súa vida

O seu, en verbas do Consello da Cultura "brillante currículo investigador e docente, reflectido nunha chea de publicacións" compuxo unha "vida profesional moderna, como a que agora desexa levar a cabo a mocidade investigadora" e que no seu tempo era verdadeiramente inusual. A súa figura, explica a institución, resultou descoñecida en boa medida para "o pobo galego e a comunidade científica española" ata a publicación da súa biografía, no ano 2006. "A magnitude do tesouro achado é tal que levou as sociedades científicas e as institucións, primeiro, a abraiarse de ter cerca unha figura mundial das matemáticas" e, despois, "a outorgarlle un recoñecemento máis que merecido".

Un destes recoñecementos foi, en 2007, o nomeamento do premio que leva o nome da matemática, outorgado pola Unidade de Muller e Ciencia da Xunta e que ela mesma recibira un ano antes . Nestes anos recibiron o recoñecemento a bióloga María Soengas, a catedrática de Física Inmaculada Paz Andrade, a historiadora Ofelia Rey ou a catedrática de Farmacia María José Alonso.

María Wonenburger, na Coruña © Arquivo de Xosé Henrique Pujales
Imaxe da súa orla na Universidade Central de Madrid Dominio Público Álbum Persoal de María Wonenburger

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.