Dende hai dez anos a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC organiza o certame Explícoche matemáticas 2.0, un concurso de vídeos didácticos que busca promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas. Este xoves remata o prazo para o envío dos vídeos, aos que se outorgarán dous premios de 200 euros: un para a categoría bacharelato-ESO-FP e outro para a categoría Universidade.
O concurso busca promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas
A iniciativa diríxese a alumnado das universidades públicas de todo o Estado e a como alumnado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora. Os vídeos, en galego, deben ter entre minuto e medio e dous minutos e medio e empregar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico.
O pasado ano a proposta gañadora foi un vídeo sobre Ada Lovelace, realizado por Sara Ramos López e Uxía Varela Castro do IES Afonso X O Sabio (Cambre)
O pasado ano a proposta gañadora foi un vídeo sobre Ada Lovelace, realizado por Sara Ramos López e Uxía Varela Castro do IES Afonso X O Sabio (Cambre). Ademais, outorgáronse dous accésit a vídeos sobre progresións xeométricas: ‘Explícoche matemáticas cociñando e xogando’ de Aroa Blanco Guerreiro do IES Castro da Uz (As Pontes) e ‘Pódese chegar á lúa dobrando un papel?’ de Alba Casás Fuentes IES Manuel Murguía (Arteixo).
O xurado tamén outorgou mencións aos vídeos ‘As inecuacións’ de Andrea Freire Valiño do IES Pontepedriña (Santiago)e ‘Miúdo traxecto as matemáticas orientais: Bashkara II’ de Alexandre Lago Pereira e Pablo Savino Real do IES Mendiño (Redondela).
O Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo Partido Popular en 2010 impide expresamente (artigos 6.3 e 7.3) que tanto en Primaria coma en Secundaria as clases de matemáticas se impartan en galego
A importancia desta iniciativa é maior se temos en conta que o Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo Partido Popular en 2010 impide expresamente (artigos 6.3 e 7.3) que tanto en Primaria coma en Secundaria as clases de matemáticas se impartan en galego. "Impartirase en galego a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas", di o primeiro artigo e "impartiranse en galego as materias de Ciencias sociais, xeografía e historia, Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía, e en castelán as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química", impón o segundo.
Este veto chegou despois duns anos nos que se fixeron populares bulos (nunca comprobados e mil veces desmentidos) coma que algúns mestres que optaban polo galego empregaban fórmulas coma ao caldeiro para referirse ao elevación ao cubo.
"O único que queren facer é transmitir con esa medida a idea de que o galego é unha lingua de labregos, obreiros e poetas, pero non burguesa, de xente acomodada", sinalaba o presidente de Igaciencia
Os colectivos en defensa da lingua teñen sinalado nos últimos anos a inxustiza e ilegalidade desta prohibición e reivindican a utilidade do idioma para estas áreas. Nesta entrevista Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia, sinalaba que "semella que consideran que hai unhas materias nobres -fálanse en A- e outras menos nobres, ou folclóricas -en B- (...) O único que queren facer é transmitir con esa medida a idea de que o galego é unha lingua de labregos, obreiros e poetas, pero non burguesa, de xente acomodada. Unha lingua da que hai que mudar se un quere prosperar, unha lingua B".