O certame Explícoche matemáticas 2.0 é un concurso de vídeos didácticos que busca promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas
O certame Explícoche matemáticas 2.0 é un concurso de vídeos didácticos que busca promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC. O concurso, que funciona dende hai unha década, vén de dar a coñecer os seus gañadores e gañadoras deste ano, que recibirán premios de 200, 100 e 50 euros.
Carmen Castelo Monteagudo, Inés Prado Justo e Noa Salinas González do IES Isaac Díaz Pardo de Sada proclamáronse vencedoras do certame co vídeo titulado ‘Cero e os infinitos’. Titorizadas pola profesora Beatriz Máquez Villamarín, as estudantes recibirán un premio de 200 euros
O segundo galardón, dotado con 100 euros, foi para Carla Dopazo Pavón e Santiago Vilas Subirán do IESP Eusebio da Guarda da Coruña polo vídeo ‘Teoría de grafos en 2 minutos’. A titora foi Beatriz Sixto Rodríguez.
O vídeo titulado ‘Cero e os infinitos’ de Carmen Castelo Monteagudo, Inés Prado Justo e Noa Salinas González, estudantes do IES Isaac Díaz Pardo, obtivo o primeiro premio
Finalmente, o xurado decidiu outorgar dous terceiros premios, dotados de 50 euros cada un, a Rocío Rodicio González do Colexio Santa Teresa de Jesús (Ourense) e a Lucía Yáñez Carrasco, Mónica Diz Rodríguez e Mª José Dosil Villavicencio do IES Otero Pedrayo. O vídeo de Rocío Rodicio, quen tivo como titor a Nuno Ferreira Doval, leva por título ‘Domingo Fontán’; mentres que ‘Teoría de grafos’, titorizado por Rosa Mª Álvarez Nogueiras, é o título do traballo de Lucía Yáñez Carrasco, Mónica Diz Rodríguez e Mª José Dosil Villavicencio.
A iniciativa diríxese a alumnado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia
A iniciativa diríxese a alumnado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora. Os vídeos, en galego, deben ter entre minuto e medio e dous minutos e medio e empregar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico.
A importancia desta iniciativa é maior se temos en conta que o Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo Partido Popular en 2010 impide expresamente (artigos 6.3 e 7.3) que tanto en Primaria coma en Secundaria as clases de matemáticas se impartan en galego. "Impartirase en galego a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas", di o primeiro artigo e "impartiranse en galego as materias de Ciencias sociais, xeografía e historia, Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía, e en castelán as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química", impón o segundo.
Este veto chegou despois duns anos nos que se fixeron populares bulos (nunca comprobados e mil veces desmentidos) coma que algúns mestres que optaban polo galego empregaban fórmulas coma ao caldeiro para referirse ao elevación ao cubo.
O xurado desta última edición estivo composto por Elena Vázquez Cendón (presidenta), Alberto Cabada Fernández, Rosa M. Crujeiras Casais, Miguel Domínguez Vázquez (secretario), Antonio García Rodicio, Francisco Morales Vidal, Tomás Otero Casal , Carmen Rodríguez Iglesias, Carmen Trillo Sendón, Artur Vázquez Rego, Manuel Bermúdez Blanco (representante do Servizo de Normalización Lingüística da USC), María Graciela Pérez Santalla (representante de profesorado de ensino medio), Brais Prieto Moure (con formación técnica en materiais audiovisuais) e Gemma López Sixto (gañadora de edicións anteriores).