"Todo o que está a pasar entre eles nos pode interpelar directamente nas nosas relacións persoais hoxe en día", di Paula Cons sobre o filme baseado na relación entre Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós
Paula Cons (A Coruña, 1976) está inmersa na rodaxe da película O meu Ilustrísimo Amigo, unha longametraxe de ficción baseada na relación entre Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós. A correspondencia entre estes destacados literatos permite saber da paixón que compartiron e nela se centra o filme, que se poderá ver na TVG e na Televisión Canaria no vindeiro ano. A cineasta atende a Praza.gal desde Gran Canaria, onde se está a levar a cabo a segunda parte da rodaxe, que antes decorreu en distintos escenarios de Madrid como o Ateneo e a Casa-Museo Pérez Galdós.
A coruñesa dirixe o filme e asina o guión xunto a Javier Pascual [que ten participado en series como El Ministerio del Tiempo e Veneno, entre outras]. Chedey Reyes (Jugoplastika) e Juan de Dios Serrano (Agallas Films) producen a película, protagonizada pola actriz galega Lucía Veiga, gañadora do premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina protagonista pola serie Rapa, e o actor canario Paco Déniz.
Para o ano que vén, Paula Cons agarda poder rodar tamén un proxecto do que non pode adiantar moito, pero que a ten moi ilusionada. Titúlase Vilamiseria e é unha idea orixinal de Victoria Teijeiro, que é a coprotagonista do filme de Cons A illa das mentiras. Un proxecto moi ambicioso que xa teñen escrito e que se centra na memoria histórica.
Levabas xa un tempo traballando sobre esta relación de Pardo Bazán e Galdós, como xorde O meu Ilustrísimo Amigo?
A historia xorde do guionista Javier Pascual, quen se decata de que aquí hai moitísimo que contar. A min ofrecéronme dirixila a finais de 2019, pre pandemia; o bo é que tiven moito tempo para pensala e preparala porque de repente a cousa activouse a quedaban menos de tres meses para a rodaxe. Pero claro, tíñaa moi pensada.
Que foi o primeiro que visualizaches que querías facer para contar esta historia?
Quería unha película que resultara completamente contemporánea, nada clasicona nin encorsetada. Quería poder rodar cunha cámara en man porque o guión ten unha narrativa moderna, non de vídeoclip, pero achegada aos nosos días, porque os dous personaxes se me facían tan actuais, tan interesantes e cunhas problemáticas e un xeito de atacalas e resolvelas tan moderno... A vestimenta, o atrezzo e os lugares, que o fan todo moi interesante, non nos poden afastar de que todo o que está a pasar entre eles nos pode interpelar directamente nas nosas relacións persoais hoxe en día. Ademais, creo que ambos son moi sexys. Estou intentando facer unha película sexy de dúas persoas non normativas que resultan absolutamente atractivas, interesantes e entre as que saltan chispas.
"Realmente, a correspondencia entre eles é unha película en si mesma"
Si que é un enfoque innovador destes dous piares culturais do século XIX. Cres que lle pode custar aprecialo a determinados sectores da cultura?
Non creo. Emilia é unha muller totalmente contraditoria, ten grandes defensores e grandes detractores e despois persoas que pensamos que é intersantísima e valiosísima. Por outro lado, e aínda que na película se presenten moi actuais, non podemos xulgar a dous personaxes do século XIX desde a nosa visión actual. Creo que todos son conscientes de como ela atacaba a sexualidade, o pracer, o papel da muller... Penso que é todo moi coherente con ela. E de Benito sempre se conta que era un home ao que lle encantaban as mulleres e que a súa vida amorosa é un piar na súa obra. Galdós non fuxía de falar do amor e das relacións. Creo que todo na película é coherente, ou é que só poden ser dous monumentos intocables? Ela foi unha muller de carne e óso que escribiu frases totalmente eróticas.
Que sentiches ao ler a correspondencia entre ambos?
Emocioneime moitísimo, é marabillosa. Realmente, a correspondencia entre eles é unha película en si mesma. Foi unha mágoa non ter coñecido antes esas cartas, incluso creo que me terían axudado moito nalgúns momentos da miña vida porque os conflitos aos que se enfrontaron eles como parella poden resoar absolutamente na actualidade; interésame moito como os resolveron, pero sobre todo como os atallou ela.
Es das que considera a Pardo Bazán unha pioneira no feminismo?
Como non, se é a primeira muller que fala de mujericidio! Se fala da sexualidade dunha maneira totalmente liberadora. Unha muller cun corpo non normativo que gozou moitísimo, separada do seu home porque el lle dixo que escollera entre a escritura e el. O que pasa é que non temos que construír ídolos perfectos, porque ademais é unha cárcere que lle fai dano a todo o mundo. Claro que é máis fácil ser feminista sendo condesa e tendo diñeiro, pero ningunha outra tendo cartos preocupouse pola problemática feminina e ela si. Deixou un legado apaixonante para as mulleres, o que pasa é que nada é branco o negro.
Nalgunhas cuestións políticas non coincido con ela, creo que tiña un enfrontamento con Benito politicamente, pero tamén ela era tan cara á fóra, todo o falaba e todo o dicía, que tiña máis posibilidades de equivocarse. Ou era mellor que non opinase e dixese o que lle viña á cabeza? A min iso tamén me resulta revolucionario neste caso.
"Claro que é máis fácil ser feminista sendo condesa e tendo diñeiro, pero ningunha outra tendo cartos preocupouse pola problemática feminina e ela si. Deixou un legado apaixonante para as mulleres, o que pasa é que nada é branco o negro"
Ás veces, quizá, desde a ollada actual, somos inxustos con figuras tan destacadas e non lles deixamos ser só persoas.
Eu estou contando unha historia entre dúas persoas, non dous personaxes. E tes que defender sempre a esas persoas que interpretan a película. Falamos dun home e unha muller vivindo algo absolutamente interesantísimo nunha época moi determinada que os encorsetaba, pero que eles trataban de saír de aí. A maiores, eran os dous maiores literatos do século XIX en España. Pero isto non é un documental sobre dous escritores, para nada.
A película, polo que contas, vai achegar a Emilia e Benito á xente nova.
Claro. Ademais agora, nun momento no que as mulleres estamos sendo tan conscientes de que os corpos non normativos tamén son fermosos, que poden gustar e gostan moitísimo, de que tes que estar cómoda no teu corpo... para iso Emilia é fantástica. E, ata onde eu sei, non dicía ‘se eu fora máis guapa ou máis delgada’. Non. Ela o que estaba era encantada, vivindo a pel, o sexo, o erotismo e celebrando a vida e o desexo. Un dos temas que máis se reivindica hoxe na escritura con perspectiva de xénero é o desexo feminino, e ela en 1877 reivindicaba o desexo feminino, ás mulleres dando un paso adiante e conquistando, tendo amantes, sendo infieis...
O que aínda nos debe facer reflexionar é como se tapou toda esta parte da súa historia.
Claro. O que non me gustaría é que parecese que a película fai un achegamento frívolo á figura de Pardo Bazán. Creo que se poden facer lecturas moi interesantes da situación que viven, porque el tamén ten un conflito importante coa súa masculinidade. Benito é un home ao que non lle importa fixarse nunha muller que é un torrente, brillante, preparadísima. Iso é marabilloso. O que pasa é que despois, como ela o pon ao límite, irrompe a infidelidade entre eles e cada un ten unha maneira moi diferente de enfrontar a situación. Aí é cando resoa o patriarcado, do que non son quen de liberarse. Isto non é un culebrón, son dúas mentes brillantes falando das relacións entre homes e mulleres en termos de igualdade, ou non, hai século e medio.
"Isto non é un culebrón, son dúas mentes brillantes falando das relacións entre homes e mulleres en termos de igualdade, ou non, hai século e medio"
E como está a ser o traballo cos actores?
Unha marabilla. É que se non chega a funcionar esa química que é necesaria entre eles non se podería facer porque a película está completamente construída entorno a eles. Lucía Veiga está facendo unha Emilia fantástica e Paco Déniz tamén está facendo un Benito fantástico, estamos fiando moi fino porque é un conquistador, unha persoa á que lle encantaba estar entre xente, pero ao mesmo tempo moi vulnerable, protexido do seu e cun sentido da intimidade moi pechado.
En que momentos se situará a película?
A acción escolle tres momentos porque abarcalo todo non tiña sentido. O momento cando se coñecen e está todo por xurdir, narrando a famosa charla que deu ela sobre literatura rusa no Ateneo de Madrid. Despois cando el ten un momento persoal moi forte e eles xa están totalmente inmersos na súa historia amorosa. E ao final, que é cando deciden emprender a última viaxe que fan.
Se pensas no primeiro recordo que tes de Emilia Pardo Bazán, comparado coa imaxe que tes agora dela...
Nada que ver, absolutamente nada que ver. A imaxe que tiven dela durante moitísimo tempo é esa escultura dela que está nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, era unha persoa completamente afastada de min que non sentía que me puidera propoñer nada que me afecte no meu día a día. Agora se me quero quedar coa súa relación co galego, tampouco conecto, pero a verdade é que é unha muller que me interesa moitísimo.