"Así, si". Na véspera do Día Internacional da Muller Traballadora, a asociación Xornalistas Galegas vén de recompilar o que o colectivo considera unha manchea de exemplos de boas prácticas á hora de informar con perspectiva de xénero.
Son, en total, algo máis de medio cento de noticias, reportaxes ou crónicas publicadas en medios de comunicación de ámbito galego e estatal durante o último ano. Contan, explican co "común denominador de promover a visibilización das mulleres" alén dos "roles sexistas", situándoas "como referentes sociais".
"Aplican principios coma o recoñecemento a mulleres pioneiras en ámbitos masculinizados, a loita contra os estereotipos", pero tamén "o afondamento na diversidade feminina" ou "a análise das desigualdades sociais por razón de sexo". Amosan, agregan, que é posible "empregar o xornalismo como ferramenta contra o machismo" e a súa divulgación pretende "recoñecer e agradecer o seu traballo".
Xornalistas Galegas xunta máis de medio cento de pezas xornalísticas publicadas no último ano que, din, amosan como é posible "empregar o xornalismo como ferramenta contra o machismo". No caso de Praza.gal, a recompilación inclúe catro traballos de Ana G. Liste
No caso galego, as xornalistas autoras destes traballos son en torno a unha ducia. É o caso de Elena Ocampo e Carolina Sertal (Faro de Vigo), Belén Teiga (El Correo Gallego), Nieves Neira (El Progreso), Tamara Montero e Patricia Calveiro (La Voz de Galicia), Patricia Casteleiro (La región), Susana Rois (Nós Diario), Cláudia Morán e Marga Tojo (El Salto) ou a xornalista de Praza.gal Ana G. Liste.
No caso de Praza.gal, a recompilación de Xornalistas Galegas inclúe catro traballos. No ámbito da "equidade na representación" destacan a entrevista coa guionista Isabel Peña, responsable do guión do exitoso filme As Bestas, realizadas ao fío do seu rol como titora da primeira residencia para cineastas do Festival Internacional de Cinema de Bueu. No que atinxe á "loita contra os estereotipos con base no xénero" salientan a conversa con Adela Lestón, presidenta da Asociación de mulleres do sector pesqueiro do Seo de Fisterra Ría Muros-Noia, tras seren recoñecidas cun dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais.
No ámbito da boa cobertura temática e contribución a axendas informativas que "eviten nesgos de xénero", Xornalistas Galegas inclúe na súa recompilación a reportaxe coa que retratamos as dificultades para a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán para as familias con nenas e nenos. Sobre a "a visibilización da implicación feminista" recomendan a reportaxe coa que, o 8M do 2023, lembramos a histórica folga feminista do 8 de marzo de 2018.
Todos os traballos recomendados por Xornalistas Galegas están accesibles nun documento publicado no seu sitio web. Ademais, están a divulgalas baixo a etiqueta #AsíSi nos seus perfís en X -antigo Twitter-, Facebook e Instagram.