O xurado valorou no seu traballo a denuncia que fai a xornalista da falta de recursos e os fallos no sistema establecido (Vioxén), con testemuños con moita forza
A xornalista de Praza Pública Ana González Liste (Vigo, 1990), é a galardoada este ano co III Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético, que promove o Concello de Redondela, pola súa reportaxe sobre a vida das mulleres galegas vítimas de violencia de xénero que contan con seguimento telemático por parte da policía, publicada en febreiro deste ano.
O xurado valorou no seu traballo, segundo informan desde a organizacion, a denuncia que fai a xornalista da falta de recursos e os fallos no sistema establecido (Vioxén), e faino con testemuños con moita forza.
A xornalista viguesa explica que a reportaxe “busca reflectir o día a día das mulleres vítimas de violencia machista que sobreviven e viven cunha pulseira que non lles permite esquecer que o perigo segue aí, pero que á vez fai posible que sigan con vida”
Ana González Liste manifestou que é “un orgullo recibir este premio que leva o nome de Sesé Mateo, á que non puiden esquecer desde o seu asasinato, que recibiu un tratamento informativo inicial infame que non sucedería se as e os profesionais do xornalismo tivésemos unha axeitada formación para abordar estes temas”.
A xornalista viguesa explica que a reportaxe premiada “busca reflectir o día a día das mulleres vítimas de violencia machista que sobreviven e viven cunha pulseira que non lles permite esquecer que o perigo segue aí, pero que á vez fai posible que sigan con vida”. Por iso agradece enormemente “a xenerosidade das mulleres que se abriron comigo e dedicáronme o seu tempo para que esta reportaxe fose posible”.
Licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid, Ana González ten un Máster pola Universitat de Barcelona e a Columbia Journalism School. Forma parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e pertence á asociación Xornalistas Galegas.
O Premio Sesé Mateo nace co obxectivo de recoñecer publicamente a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias
Traballou nos xornais Faro de Vigo, El País e Nós diario, na axencia Europa Press e na revista de cultura galega Inorantes. Colabora coas publicacións Luzes e La Marea e na actualidade traballa en Praza Pública e Vinte.
O Premio Sesé Mateo nace co obxectivo de recoñecer publicamente “a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias”, segundo indica a alcaldesa Digna Rivas.
A concelleria de Igualdade, Iria Vilaboa, salienta que este ano presentáronse 12 traballos en diferentes formatos, “o que pon en valor a calidade da reporataxe de Ana González Liste, que competía con outros traballos que poden resultar máis atractivos como pode ser un audiovisual”.
A gañadora recollerá o premio, dotado con 1.500 euros, na III Gala Premio Sesé Mateo que se celebra no auditorio da Xunqueira de Redondela este venres, 24 de novembro, ás 20 horas. A xornalista redondelá Laura Vaqueiro será a encargada de presentar o acto, que contará coas actuacións do grupo Faíscas e a Aula Municipal de Teatro.
As gañadoras das edicións anteiores, Patricia Costa (RNE) e Cristina García (CRTVG), participarán nunha charla aberta sobre o machismo nos medios de comunicación. A gala contará coa participación de Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo.