Campañas do 25N: as que deixan atrás o negro e as que "chaman as cousas polo seu nome"

Campaña do 25N en Ames © Concello de Ames

Achégase o 25 de novembro, Día Internacional da Erradicación das violencias contra as mulleres. Con motivo do 25N a maior parte das institucións lanzan cadansúa campaña de difusión para esta data

Achégase o 25 de novembro, Día Internacional da Erradicación das violencias contra as mulleres. Con motivo do 25N a maior parte das institucións, dende a Xunta ás deputacións provinciais e un gran número de concellos, lanzan cadansúa campaña de difusión para esta data, con diferentes mensaxes e estéticas que afondan na denuncia social a estas agresións e en distintos aspectos destas violencias machistas.

Nos últimos anos unha das campañas máis exitosas e que se estendeu por un gran número de localidades do país foi a de En negro contra as violencias machistas, que naceu no ano 2015 en Compostela, impulsada polo Goberno local, que buscou  implicar o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, "nunha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas". Tamén se apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais.

Campañas do 25N no Concello de Santiago © Concello de Santiago

O Concello de Santiago decidiu este ano darlle unha volta completa á súa campaña do 25N, que nesta ocasión se enche de cor, aínda que incide na mesma crítica frontal á violencia machista

O máis recoñecible desta campaña era a súa cor negra, empregada en carteis, camisetas e banners e que se converteu en todo un símbolo. Pois o Concello de Santiago decidiu este ano darlle unha volta completa á súa campaña do 25N, que nesta ocasión se enche de cor, aínda que incide na mesma crítica frontal á violencia machista. 

Baixo o título de “O teu machismo da noxo”, a campaña deseñada pola produtora Illa Bufarda desenvolverase desde dúas perspectivas, que se centrarán “por un lado, na violencia que as mulleres novas sofren nas redes sociais ao respecto do seu corpo, as súas vidas e as súas decisións” e, por outro, “no mundo de deporte”, como un dos espazos nos que o Concello pode promover “non só a condena de todo tipo de machismo, senón tamén “unha reflexión sobre a idea de vivirmos en igualdade”. A campaña inclúe imaxes de alimentos putrefactos, realizando un paralelismo entre "o noxo" que provocan e o da violencia machista.

O Concello de Pontevedra busca "chamar as cousas polo seu nome", con carteis nos que se incide en que unha vítima da violencia machista non morre, senón que é asasinada ou que a violencia que padecen as mulleres é violencia machista, non doméstica nin intrafamiliar

Outra das campañas que máis chamaron a atención nos últimos días foi a lanzada polo Concello de Pontevedra, que busca "chamar as cousas polo seu nome", con carteis nos que se incide en que unha vítima mortal pola violencia machista non morre, senón que é asasinada ou que a violencia que padecen as mulleres é violencia machista, non doméstica nin intrafamiliar

"Cando nos chaman feminazis non nos insultan por sermos feministas, senón que demostran o seu machismo", sinalou a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, na presentación, na que salientou que "no xornalismo é doado ver titulares como ‘Morre unha muller...’, mais as mulleres non morremos por xeración espontánea, e é que cando nos matan nos asasinan, polo feito de ser mulleres, non son liortas domésticas, non son crimes pasionais".

Cartel da campaña do 25N do Concello de Pontevedra © Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra buscou con esta campaña realizada por Ovo Comunicación "recuperar o contido político nas campañas do 25 de novembro", indicou. "Como institucións temos un papel fundamental neste  eido. Non podemos permitirnos eufemismos, non podemos permitirnos disimulos, non podemos endulzar as situacións que padecen as mulleres no mundo", dixo Gulías.

A Deputación da Coruña lanza a campaña #DeFronte, que pon o foco nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e no ocio nocturno

A Deputación da Coruña, pola súa banda, lanza a campaña #DeFronte, que pon o foco nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e no ocio nocturno, e recolle diferentes actividades para sensibilizar e concienciar sobre esta problemática entre a mocidade e a poboación con diversidade funcional, así como outras de carácter máis xenérico destinadas a toda a cidadanía en xeral. Á campaña están adheridos 90 concellos, 67 entidades sociais e 35 centros de ensino. 

Presentación da campaña da Delegación do Goberno polo 25N CC-BY-SA

Dende a Delegación do Goberno en Galicia, a campaña “Amigo, dáte conta” busca concienciar a xente moza da presenza da violencia machista no día a día

Dende a Delegación do Goberno en Galicia, a campaña “Amigo, dáte conta” busca concienciar a xente moza da presenza da violencia machista no día a día, xa que “hai situacións cotiás que as mozas sofren cada día e que non identifican como a violencia machista que é”, destacou a alcaldesa da Coruña Inés Rey na súa presentación, que tivo lugar hai uns días

Rey fixo fincapé na importancia de entender que as situacións que se dan na rede tamén son violencia a pesar de situarse nun espazo virtual. “Cando as mulleres recibimos insultos e comentarios lesivos por razón de sexo e non desde a discrepancia tamén estamos sendo vítimas de violencia”, dixo

En Ames, a campaña “Non contes comigo para...” pon o foco na resposta da sociedade aos machistas

Fóra das cidades, tamén son moitos os concellos que presentaron xa a súa campaña. En Ames, por exemplo, a campaña “Non contes comigo para...” pon o foco na resposta da sociedade aos machistas, con lemas como “Non contes comigo para mirar para outro lado se a maltratas”, "Non contes comigo para aproveitarme dalguén que bebeu alcol" ou "Non contes comigo para ser cómplice de como a humillas". A campaña acompáñase dunha ampla programación que comezará este xoves 16 e chegará ata o sábado 25 de novembro. 

O programa inclúe o espectáculo de teatro Golpes, unha andaina contra as violencias machistas, concertos a cargo do grupo The Tetas Van e do combo de voces da EMMA, e mailas XIII xornadas “Achégate á igualdade”.

Campaña do 25N no Concello de Sada © Concello de Sada

En Sada a mocidade é a protagonista da campaña, poñendo o foco na prevención e detección de accións sinalada como "bandeiras vermellas"

En Sada, pola súa banda, a mocidade é a protagonista da campaña, poñendo o foco na prevención e detección de accións sinalada como "bandeiras vermellas" ou red flags e que poden derivar en violencias expresas. Por exemplo, a difusión de imaxes sen consentimento, ameazas ou difamacións, exercer control mediante as redes sociais, que son "accións habituais exercidas na súa maioría contra as mulleres vulnerando así os seus dereitos a través da internet".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.