O presidente da federación galega está pendente de que o Supremo revise a súa condena por prevaricación cando presidía a Deputación de Pontevedra, e se a fai firme deberá deixar a dirección do fútbol galego
A mobilización xeral contra o machismo no fútbol tras a negativa a dimitir do presidente da federación española, Luis Rubiales, apartado esta fin de semana pola FIFA, centra en Galicia as súas críticas no presidente da federación galega, Rafael Louzán, por apoiar ao primeiro.
Varios partidos e colectivos piden a dimisión de Louzán dun cargo que xa tiña no aire por estar condenado por prevaricación cando era presidente da Deputación de Pontevedra. Esa sentenza aínda non é firme e está pendente de revisión por parte do Tribunal Supremo. Se ese tribunal a fai firme, Louzán terá que deixar a presidencia da federación galega, que nos seus estatutos establece como requisito "non estar inhabilitado para desempeñar cargos públicos".
O pasado xoves Louzán minimizou o comportamento de Rubiales como "erros que se cometen na vida", e non se situou do lado dos representantes do mundo do fútbol que se distanciaron do presidente estatal na polémica asemblea do venres. Desde aquela veñen medrando as voces que piden a súa dimisión ou cesamento.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou xa o venres que "tan grave é o machismo de Rubiales, como quen o xustifica" e reclamou botar o machismo das federacións de fútbol.
Desde o PSdeG tamén varios cargos lanzaron críticas a Louzán e Xuventudes Socialistas de Galicia pediu directamente a o seu cesamento. "Non podemos tolerar que se xustifiquen este tipo de actitudes", din as mocidades socialistas, que lembran a situación de "irregularidade" de Louzán, "condenado por corrupción".
O coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, tamén reclamou "limpar o deporte de machismo e corrupción, empezando polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán". E xa está en marcha unha recollida de sinaturas, impulsada pola Marcha Mundial das Mulleres, para esixir a dimisión de Louzán.
Un xulgado do Penal e a Audiencia de Pontevedra consideraron que Louzán prevaricou para que unha empresa cobrase 86.000 euros que non debía pola construción dun campo de fútbol, pero será o Supremo quen decida se a súa inhabilitación é firme
Pero á marxe do que suceda co escándalo do machismo no fútbol, Louzán xa tiña no aire o seu cargo de presidente do fútbol galego, no que está desde 2014. Antes de chegar a el foi presidente da Deputación de Pontevedra entre 2000 e 2015, cargo desde o que segundo un xulgado do Penal de Pontevedra e a Audiencia Provincial cometeu prevaricación ao permitir que unha empresa cobrase 86.000 euros que non debía pola construción dun campo de fútbol en Moraña.
Louzán foi condenado inicialmente en 2021 por eses feitos a dous anos de cadea e oito de inhabilitación como culpable tanto de prevaricación como de fraude. Esa sentenza inicial dun xulgado do penal foi revisada en 2022 pola Audiencia Provincial de Pontevedra, que o absolveu de fraude, o que o eximiu da pena de prisión, pero mantivo a condena por prevaricación, aínda que cun ano menos de inhabilitación, pasando de oito a sete.
O artigo 31 dos estatutos da federación galega establece como condición para os seus dirixentes "non estar inhabilitado para desempeñar cargos públicos"
Esa sentenza está recorrida ante o último chanzo xudicial, o Tribunal Supremo, responsable de matizala ou facela firme. E se o Supremo fai firme a inhabilitación, aínda que sexa ditando menos anos, Louzán deberá deixar a presidencia do fútbol galego. Porque no artigo 31 dos estatutos da Real Federación Galega de Fútbol, o que establece os requisitos para "ostentar a condición de membro dos órganos de goberno e representación" da entidade, indícase que un deles é "non estar inhabilitado para desempeñar cargos públicos".