O estatutos da FGF requiren "non estar inhabilitado para desempeñar cargos públicos" para poder ser membro dos órganos de goberno. Sucederalle a Louzán se a súa condena vira firme
No artigo 31 dos estatutos da Real Federación Galega de Fútbol (FGF), establécense os requisitos para "ostentar a condición de membro dos órganos de goberno e representación" da entidade. Entre eles, "non estar inhabilitado para desempeñar cargos públicos".
O seu presidente, Rafael Louzán, foi condenado a comezos do pasado ano por un xulgado do Penal de Pontevedra como autor dun delito de fraude e prevaricación cando era presidente da Deputación de Pontevedra. Este pasado luns, unha sentenza da Audiencia Provincial ratificaba a súa condena por prevaricación e a súa inhabilitación para emprego ou cargo público, que pasou, no entanto, de oito a sete anos. Eximiuno, ademais, de ter cometido fraude.
Nin daquela nin agora Louzán deixou a Federación Galega de Fútbol. O feito de que esta nova sentenza tampouco sexa firme, xa que contra ela cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, evita polo momento que afecte o seu cargo na presidencia do máximo organismo do fútbol galego, que ostenta desde 2014. A non ser que fose el quen o abandonase ou optase por non recorrer. Pero iso non vai suceder.
Nun comunicado, Louzán, ademais de anunciar o seu recurso, reivindica a presunción de inocencia e anuncia que, mentres se mantén aberta a vía xudicial, continuará como presidente da Federación con normalidade.
Ademais, a lexislación deportiva galega establece tamén á hora de regular os procesos electorais nas federacións deportivas galegas un requisito para poder ser candidato: non estar inhabilitado para desempeñar un cargo público ou de representación por sentenza xudicial firme. Tendo en conta que o recurso que presentará Louzán pode tardar anos en se resolver, o ex-presidente da Deputación de Pontevedra mesmo podería intentar volver ser elixido á fronte do fútbol galego.
Hai xa oito anos, venceu na votación para presidir o fútbol galego ao que ata daquela era presidente da FGF e alcalde socialista de Cerceda, José García Liñares. Catro anos máis tarde, recuncou no posto ao ser o único candidato. Rafael Louzán é, ademais, vogal da xunta directiva da Real Federación Española de Fútbol.
Louzán é presidente da Federación Galega de Fútbol desde 2014; foi reelixido en 2018 e o seu actual mandato remata a final de ano
Coñecida a sentenza, semella claro que Louzán seguirá ocupando o seu posto -tal e como fixo desde o ditame anterior- ao non ser firme. O pasado ano, cando un xulgado emitiu o primeiro dos ditames, a Xunta evitou actuar ao entender que carecía de competencias para cesalo ao non ter relación directa as faltas cometidas co ámbito deportivo.
Louzán, malia non ser funcionario público, si ten entre as súas atribucións o exercicio da función pública de maneira delegada, tal e como aclara a Lei Galega do Deporte. O presidente da FGF é o representante da comunidade autónoma "nas actividades e competicións deportivas da súa modalidae". Ademais, a súa figura é clave á hora de asignar subvencións e axudas púbicas concedidas a través da entidade.
Ademais, nos estatutos da FGF tamén se aclara que os membros dos órganos da entidade cesarán dos seus cargos no caso de "inhabilitación que supere o tempo do seu mandato", condición que cumpre tamén a última condena que inhabilita por sete anos a Louzán, que remata o seu vixente mandato a finais deste ano. Pero queda o que ditamine o Supremo.
Louzán foi condenado por colaborar nun “plan” para pagar 86.000 euros á construtora dun campo de fútbol subvencionado pola Deputación en Moraña, onde era alcaldesa Luisa Piñeiro -agora absolta dos dous delitos polos que fóra condenada- cando ocorreron os feitos, por obras fóra do proxecto facendo pasar traballos xa feitos como se fosen novos.
Piñeiro dimitiu como delegada da Xunta cando se coñeceu a primeira sentenza, mentres que Louzán deixara a Deputación uns anos antes pero continuou -e continúa- como presidente do fútbol galego.