A tamén ex-delegada da Xunta é eximida de todos os delitos mentres que o ex-presidente da Deputación só do de fraude, polo que queda liberado da pena de dous anos de cadea pero deberá cumprir sete de inhabilitación para cargo público
A comezos do pasado ano un xulgado do Penal de Pontevedra condenou como autores de delitos de fraude e prevaricación á daquela delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e ao ex-presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán, actual presidente da Federación Galega de Fútbol. A cada un deles impúxolles unha pena de dous anos de cadea e oito de inhabilitación por colaborar nun “plan” para pagar 86.000 euros á construtora dun campo de fútbol subvencionado pola Deputación en Moraña, onde era alcaldesa Piñeiro cando ocorreron os feitos, por obras fóra do proxecto facendo pasar traballos xa feitos como se fosen novos.
Este luns vén de facerse pública unha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra na que se atenden parte dos recursos presentados polos implicados. Piñeiro é absolta dos dous delitos polos que fóra condenada, mentres que Louzán é absolto do de fraude, o que o exime da pena de prisión, pero segue condenado por prevaricación, aínda que cun ano menos de inhabilitación, pasando de oito a sete. Piñeiro dimitiu como delegada da Xunta cando se coñeceu a primeira sentenza, mentres que Louzán deixara a Deputación uns anos antes e segue como presidente do fútbol galego. A nova sentenza, en todo caso, non é firme e contra ela cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
A daquela alcaldesa de Moraña é eximida de todos os delitos porque a declaración de complexidade da causa que permitiu estender no tempo a súa instrución foi adoptada fóra de prazo
A sentenza agora feita pública pola Audiencia de Pontevedra confirma que Louzán, o director de infraestruturas da Deputación e o administrador e un empregado da empresa Construcciones Eiriña SL son culpables do delito de prevaricación. Os xuíces explican que prevaricaron ao poñerse de acordo “en crear e desenvolver un procedemento administrativo ficticio para que a Deputación abonase á empresa unhas cantidades que reclamaba por obras realizadas á marxe do proxecto dunha obra subvencionada polo organismo”.
Porén, o tribunal absolve do delito de fraude a todos os condenados en primeira instancia por este caso e, a Luisa Piñeiro e ao arquitecto que asinou o proxecto, tamén do delito de prevaricación, pois entende que a declaración de complexidade da causa que permitiu estender no tempo a súa instrución foi adoptada fóra de prazo e, por tanto, o procedemento dirixiuse contra ambos cando xa expirara o prazo de instrución. Por tanto, estes dous últimos investigados foron absoltos de todos os delitos, do mesmo xeito que os donos das dúas construtoras que accederon a participar no procedemento negociado sen publicidade a pesar de que se trataba “dun mero trámite” para adxudicar a obra a unha determinada empresa, pois só foran condenados por un delito de fraude.
Segundo a sentenza, “ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba"
Do mesmo xeito que a xuíza de primeira instancia, a Audiencia considera probado que Eiriña, a construtora á que a Deputación adxudicara en 2011 a instalación de herba artificial no campo de fútbol de Moraña e outras obras en edificacións anexas, aumentou o seu custo en 86.816 euros. Ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía superar o importe subvencionado, polo que, para facer fronte a ese pago, “ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado”. Así, en 2013 adxudicouse de forma irregular outra obra á mesma construtora por ese importe, en concreto melloras no vestiario e as bancadas do campo de fútbol, a pesar de que parte delas xa foran realizadas.
“Prescindiuse absolutamente do procedemento legalmente establecido”, salienta o tribunal, quen indica que, con todo, non se acreditou o delito de fraude porque entende que “non existiu prexuízo nin risco de prexuízo para a Administración e tampouco se acreditou nos acusados o dolo ou intención de prexudicar o patrimonio da Administración”. Ademais, recalca que tampouco se probou que a actuación dos acusados “fose dirixida a defraudar ao patrimonio da Administración” e destaca que “non consta que se cobrara máis do efectivamente realizado, como tampouco a prezos superiores aos do mercado”.
Canto a Louzán, a Audiencia incide en que prevaricou ao votar a favor do acordo de conceder a subvención “a pesar de que era ilegal e arbitrario porque respondía a un artificio para, burlando as barreiras da normativa, satisfacer as reclamacións da contratista, infrinxindo o deber de transparencia e non protexendo os dereitos da Administración”.