O discurso contra "a lacra do falso feminismo" do presidente da federación española tras os seus comportamentos machistas no Mundial provoca críticas desde diversos sectores da sociedade galega
Cinco días despois de que a selección española de fútbol gañase o Mundial feminino, este venres o presidente da Federación estatal, Luis Rubiales, certificou que non vai ser o éxito deportivo o que se lembre deste campionato senón o seu propio comportamento. O debate xa non é sobre un fútbol máis ofensivo ou defensivo senón sobre o machismo no fútbol. Tamén en Galicia, onde o éxito da pontevedresa Tere Abelleira vén de quedar tapado polo discurso contra "a gran lacra do falso feminismo" que este venres pronunciou Rubiales e que está a recibir todo tipo de críticas desde diversos sectores da sociedade galega.
Despois de que o domingo pasado Rubiales bicase na boca a Jennifer Hermoso, agarrase os testículos coa man no palco de autoridades ou tocase de diversos xeitos a varias xogadoras, toda a atención estaba posta na súa intervención este venres na asemblea da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Lonxe de dimitir, como lle pediran en días previos desde diversos sectores, incluído o Goberno de España, Rubiales presentouse como unha vítima da "gran lacra do falso feminismo".
As futbolistas anuncian que non acudirán a ningunha convocatoria da selección "se continúan os actuais dirixentes"
Horas antes da asemblea estatal o presidente da federación galega de fútbol, Rafael Louzán, condenado por prevaricación cando era presidente da Deputación de Pontevedra, reduciu o comportamento de Rubiales a "erros que se cometen na vida". E na súa intervención o propio Rubiales só considerou incorrecto tocar os testículos no palco da final, proclamándose obxecto dunha "cacería", sen que a gran maioría dos representantes do fútbol estatal presentes amosasen ningunha crítica. Como tampouco se escoitaran moitas voces críticas na última semana por parte de futbolistas profesionais masculinos.
Porén, tras a intervención de Rubiales todas as integrantes da selección feminina absoluta que vén de gañar o Mundial e máis xogadoras como Vero Boquete emitiron un comunicado de "rotunda condena" polas condutas que atentan "contra a dignidade das mulleres". E a principal afectada, Jennifer Hermoso, desmentiu o consentimento que proclamou Rubiales: "Non tolero que se poña en dúbida a miña palabra e moito menos que se inventen palabras que non dixen", asegurou no texto feito público polo sindicato Futpro. As xogadoras piden cambios estruturais "reais" na RFEF e anuncian que non acudirán a ningunha convocatoria da selección "se continúan os actuais dirixentes".
Desde o Goberno de España o secretario de Estado para o Deporte, Víctor Francos, compareceu na tarde deste venres para asegurar que para o Goberno de España "o camiño de Rubiales na presidencia da Real Federación Española de Fútbol rematou". O Consello Superior de Deportes elevará ao Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) unha "denuncia fundamentada" sobre o comportamento de Luis Rubiales para que estude se cualifica o caso de "moi grave" e decide abrir un expediente para que o Goberno de España poida actuar e suspendelo das súas funcións.
"Estamos en disposición de que isto sexa o 'MeToo' do fútbol español", aseverou Francos, quen advertiu que o proceso "vai ser complicado" e lamentou o sucedido porque "as xogadoras non merecían isto esta semana". Ademais, tamén a Fiscalía investiga xa a posible existencia de delito no comportamento de Rubiales.
Teresa Abelleira, Vero Boquete, Borja Iglesias, Ana Pontón, Yolanda Díaz ou Besteiro son algunhas das voces galegas alzadas contra o machismo no fútbol
Na sociedade galega, como na española, son abondosas as voces que se están a erguer contra Rubiales en particular e o machismo no fútbol en xeral. Desde a propia selección feminina, e ademais de asinar o antedito comunicado, Teresa Abelleira emitiu un chío persoal no que considera "intolerable" o ocorrido e amosa o seu apoio a Jenni Hermoso.
O dianteiro santiagués Borja Iglesias, ex do Celta e agora no Betis, amosou a súa tristeza e decepción polo ocorrido na asemblea da federación e anuncioiu que non volverá xogar coa selección española "ata que as cousas cambien e este tipo de actos non queden impunes". E apelou a "un fútbol máis xusto, humano e decente".
"Estamos en disposición de que isto sexa o 'MeToo' do fútbol español", asevera o secretario de Estado para o Deporte
Os equipos galegos tamén manifestan que non respaldan a Rubiales. O Celta solicita que se actúe "sen dilación" para "depurar as responsabilidades" de Rubiales como presidente da RFEF. "O RC Celta considera que polo ben do fútbol español e pola defensa dos valores do noso deporte os organismos capacitados deben actuar o máis axiña posible", aseguran nun comunicado.
E o Deportivo amosa o seu "total rexeitamento" á actitude do actual presidente da RFEF "contraria aos valores de igualdade e respecto persoal e institucional que cremos debe representar, transmitir e impulsar o fútbol". O Dépor salienta o "extraordinario éxito" da selección española, que valora como un "enorme impulso para todo o fútbol feminino e os seus equipos, entre eles o Deportivo Abanca".
Desde a política a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que "tan grave é o machismo de Rubiales, como quen o xustifica", en relación ao presidente da federación galega, Rafael Louzán. "Fóra machismo das federacións de fútbol!", reclamou.
Yolanda Díaz, vicepresidenta en funcións do Goberno de España, considera "inaceptable" o discurso de Rubiales e di que "rematou a impunidade coas accións machistas". "Rubiales non pode seguir no cargo", asegura.
O ex-delegado do Goberno de España e agora deputado socialista José Ramón Gómez Besteiro asegura sobre Rubiales que "o verdugo disfrazouse de vítima" e cualificouno como "consentido". "A lacra chámase machismo, e non é falso, é real", di o socialista.
Tras os anteriores pronunciamentos tamén a Xunta amosou a súa postura. "Na procura dunha sociedade igualitaria, inclusiva e tolerante, quen non sexa quen de estar á altura do seu cargo, que dimita", trasladou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, Elena Rivo, quen incidiu en que "no deporte non caben actitudes machistas nin prepotentes". Pola contra, o ex-presidente da Xunta e actual líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, relativizou o machismo de Rubiales e dixo que hai que falar "tamén" das reducións de condena pola lei do 'só si é si'. [Feijóo relativiza o machismo de Rubiales e di que hai que falar "tamén" das reducións de condena pola lei do 'só si é si']
Tamén o Coordinador Nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, reclamou que Rubiales "non pode seguir un minuto máis, se non quere irse toca expulsalo".
Desde o movemento feminista a Marcha Mundial das Mulleres en Galicia criticou que "o sistema está corrupto e non vai haber igualdade mentres sigan os mesmos no poder. E Desde o xornalismo, hai días que a Asociación de Xornalistas Galegas vén denunciando o machismo na prensa especializada en deportes, con enfoques xustificativos de Rubiales e dispar tratamento entre mulleres e homes.