Feijóo relativiza o machismo de Rubiales e di que hai que falar "tamén" das reducións de condena pola lei do 'só si é si'

Feijóo nun acto institucional da Xunta polo 8M CC-BY-SA Xunta de Galicia

O líder do PP retomou o seu costume de condicionar reclamacións do feminismo a que "tamén" se teñan en conta cuestións que vén defendendo o seu partido


Desde a Xunta a principal reacción este venres ao discurso do presidente do fútbol español, Luis Rubiales, foi a da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, quen dixo que "no deporte non caben actitudes machistas nin prepotentes" e que "a procura dunha sociedade igualitaria, inclusiva e tolerante, quen non sexa quen de estar á altura do seu cargo, que dimita". O chío foi publicitado tamén polo presidente Alfonso Rueda, e tamén a secretaria xeral de Igualdade do Goberno galego se fixo eco. 

Pero o ex-presidente Feijóo, actual líder do PP, optou, como nel é habitual en casos similares, por relativizar o caso. Isto é, por dicir que acepta falar do mesmo, sen deixar clara a súa postura, só se "tamén" se fala doutras cuestións.

Feijóo publicou un chío enlazando unha publicación sevillana que titulou que un home beneficiado pola redución de condenas derivada da denominada lei do 'só si é si' tentara violar unha muller. A propia publicación indica que o beneficio para o home foi que saíu da cadea dous meses antes do previsto, e que o intento de violación produciuse catro meses máis tarde. No seu comentario o ex-presidente galego reclamou "asunción de responsabilidades no Goberno en funcións de Pedro Sánchez".

Só nun segundo chío enlazado Feijóo introducía a cuestión de Rubiales. "Falemos dos actos protagonizados por Luis Rubiales, por suposto, pero fagámolo tamén disto porque a gravidade dos feitos é innegable", di o comentario de Feijóo, relativizando así unha cuestión a respecto da outra. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.