Tere Abelleira: o fútbol galego xa ten o seu campionato do mundo

Tere Abelleira bica a Copa do Mundo © @SEFutbolFem

A pontevedresa convértese na primeira galega ou galego en levantar a Copa do Mundo tras gañar 1-0 a Inglaterra

Foi a xogadora que máis distancia recorreu dentro do campo durante a final, 11,24 quilómetros. Foi a integrante da selección española que máis centros realizou durante todo o campionato, 58. E é a primeira galega ou galego que gaña un Mundial de fútbol. É Teresa Abelleira Dueñas, Tere Abelleira, pontevedresa de 23 anos, quen este domingo, en Sydney, levantou a Copa do Mundo tras gañar a final 1-0 ante Iglaterra.

Tere Abelleira celebrando a vitoria cunha bandeira galega © @futgal

No primeiro mundial de fútbol disputado por homes, en 1930, a selección de Uruguai que o gañou contaba entre as súas filas con varios emigrantes ou fillos de emigrantes galegos. Pero é Abelleira quen vén de levar o fútbol galego ao máis alto, xa que galega foi a súa formación neste deporte. Comezando polo seu pai, o adestrador Milo Abelleira.

Sendo aínda cadete, proclamouse campioa de España da categoría en fútbol sala co Poio Pescamar, mentres compaxinaba co fútbol once. Naquel mesmo ano, 2016, deixou Pontevedra para unirse ao Deportivo da Coruña, que viña de refundar a súa sección feminina seguindo o ronsel do Karbo Deportivo, campión de España e de Copa nos anos 80 e base da selección galega que foi campioa estatal.

A selección española levantando a Copa do Mundo en Sydney tras gañar 1-0 a Inglaterra © @SEFutbolFem

En agosto daquel ano, con só 16 anos, Tere Abelleira portaría xa o brazalete de capitá que levaría moitas veces máis durante as catro temporadas que botou no conxunto galego, onde as súas boas actuacións chamaron a atención de múltiples equipos e se converteu, xunto á pontesa Raquel Béjar, na primeira xogadora profesional de fútbol feminino en Galicia. O Real Madrid, que viña de crear o seu equipo de mulleres, acabou finalmente contratándoa e alí segue ata o momento.

Tere Abelleira durante a final deste domingo gañada 1-0 ante Inglaterra © @SEFutbolFem

A nivel de selección Tere Abelleira foi campioa de Europa sub-19 en 2018 e en 2020 debutou co combinado absoluto. Con el vén de alzar agora a Copa do Mundo. Un trofeo que celebrou con lembranzas á Galicia na que naceu o fútbol que leva dentro.

Tere Abelleira celebrando a vitoria tras o asubío final © @FIFAWWC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.