Uruguai e Galicia: Un século de irmandade futbolística

Os 'galegos' Lorenzo Fernández, Álvaro Gestido, Héctor Castro e Pedro Cea, titulares na selección que gañou o primeiro Mundial Dominio Público Praza Pública

Álvaro Gestido, Lorenzo Fernández, Pedro Cea e Héctor Castro formaban parte do equipo titular da selección uruguaia que en 1930 gañou o primeiro Mundial de Fútbol. Tiñan en común a súa orixe galega, fillos de emigrantes ou directamente nacidos en Galicia, coma no caso de Lorenzo e Cea. Nada estraño nun país como Uruguai que entre 1880 e 1920 recibiu máis de 60 mil galegos e galegas, segundo datos recollidos por Carlos Zubillaga. A relación transatlántica entre os dous países é moi intensa en todos os ámbitos, tamén no futbolístico. Celta e Deportivo xogarán esta noite no estadio Gran Parque Central de Nacional (17:30 horas, hora local; 22:30 en Galicia), o primeiro derbi galego celebrado no exterior. Retransmitido en directo pola TVG, será, sobre todo, unha homenaxe ás varias xeracións de emigrantes no país charrúa.

Celta e Deportivo xogarán esta noite (22:30, TVG), o primeiro derbi galego celebrado no exterior

Finalmente o encontro non formará parte do torneo a catro proxectado con Peñarol e Nacional, dado que o clásico montevideano non se xogará ante a imposibilidade de organizar un dispositivo de seguridade para este partido. Con todo, o sábado Nacional e Celta enfrontaranse (16 horas no Gran Parque Central, 21 horas en Galicia) na denominada Copa Uruguay Unido por Fibra. E o domingo Peñarol e Deportivo xogarán a Copa Vera LTE (16 horas no Estadio Campeón del Siglo, 21 horas en Galicia). Representantes dos catro equipos, da Asociación Uruguaia de Fútbol, da Federación Galega, así coma membros de varios centros galegos da capital sudamericana participaron este mércores nun acto celebrado na embaixada española en Montevideo, presidido por Roberto Varela, ex-conselleiro de Cultura e dende hai uns anos embaixador no país.

 

Uruguaios de ascendencia galega

A proximidade entre Galicia e Uruguai expresada a través do fútbol quedaba clara na alineación citada ao comezo. Catro dos once titulares do equipo que o 30 de xullo de 1930 derrotou a Arxentina (4-2), facéndose co primeiro campionato mundial, tiñan unha directa procedencia galega. Entre eles destacaba Lorenzo Fernández, nacido en Redondela en 1900, coñecido como El Gallego e que xa obtivera a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Amsterdam de 1928. Tamén José Pedro Cea, nacido tamén en Redondela en 1900 (aínda que hai fontes que sitúan o seu nacemento xa en Uruguai); polas súas boas actuacións nos Xogos de París 1924 e Amsterdam 1928, citas nas que obtivo dúas medallas de ouro soa selección charrúa, foi alcumado El emperador olímpico. Ademais, no Mundial de 1930 marcou 5 goles, entre eles un tanto de vital importancia na final, que significaba o empate a 2.

Catro dos once titulares do equipo que o 30 de xullo de 1930 derrotou a Arxentina (4-2), facéndose co primeiro campionato mundial, tiñan unha directa procedencia galega

Naquela selección estaban tamén outros dous xogadores nacidos xa en Uruguai, pero cuxas familias chegaran dende Galicia nas décadas anteriores. Era o caso de Álvaro Gestido Pose (Treinta y Tres, 1907), tamén medalla de ouro en 1928 e xogador de Peñarol durante 16 ano e que foi ademais irmán de Óscar Diego Gestido, presidente do país en 1967. E, igualmente, o de Héctor Castro (Montevideo, 1904), dianteiro que marcou o primeiro gol de Uruguai nos mundiais e tamén o definitivo 4-2 na final ante Arxentina; Castro tiña unha particularidade: aos 13 anos quedou sen un brazo, o que non lle impediu destacar no fútbol, tanto na selección coma co seu club -Nacional-, sendo alcumado como El Divino Manco,

Esta relación entre Galicia e Uruguai, produto do intenso fluxo migratorio, tivo tamén como consecuencia que o primeiro partido xogado pola selección charrúa en Europa (de feito, o primeiro partido dunha selección americana no continente) se celebrase na nosa comunidade. Foi o 10 de maio de 1924, en Vigo e ante o Celta, no comezo dunha xira que o combinado celeste realizou para preparar as Olimpíadas de París, que acabaría gañando. Os uruguaios, entre os que estaba Pedro Cea, foron recibidos no peirao por unha multitude, e instaláronse no Hotel Universal. Os dous equipos xogaron dous partidos no campo de Coia, con vitorias charrúas por 0 a 3 e 1 a 4.

Nas décadas seguintes outros uruguaios de ascendencia galega continuaron destacando no fútbol, aínda que se nestes casos xa cunha relación máis distante súa orixe das súas familias. Por exemplo, Mario Regueiro (que hai anos pasou por Rácing de Santander e Valencia) e, de forma moi destacable, Nicolás Lodeiro, un dos xogadores con máis calidade da selección uruguaia, que nestes momentos pertence ao Botafogo brasileiro tralo seu paso polo Ajax. Lodeiro é neto de Florentino Lodeiro, un emigrante coruñés que cruzou o atlántico a comezos de século.

 

Uruguaios en Galicia

A relación galego-uruguaia esténdese tamén a través dos moitos xogadores charrúas que defenderon as cores de Celta e, sobre todo, do Deportivo

A relación galego-uruguaia esténdese tamén a través dos moitos xogadores charrúas que defenderon as cores de Celta e, sobre todo, do Deportivo. Ao longo da súa historia no club celeste participaron unha decena de uruguaios, entre os que destacan Fabian Cannobio (marcando 31 goles entre 2004 e 2007), Fernando Ariel Barboza (chegou cedido para xogar 8 partidos na tempada 1986-87, pero con catro goles foi decisivo no ascenso a Primeira do equipo), Juan Carlos Aparicio (cun gran rendemento entre 1973 e 1976), Pablo García (só disputou unha tempada, a 2006-07), Fernando Fajardo (2008-09) ou Dagoberto Moll (xogou 22 partidos na tempada 1957-58).

O club coruñés suma unha vintena de xogadores, algúns tan destacados coma o propio Moll, que formou parte do equipo subcampión de Liga na tempada 1949-50 e da mítica dianteira denominada Orquestra Canaro, xogando un total de cinco tempadas antes de marchar ao Barcelona; posteriormente adestrou durante uns meses o propio equipo herculino. Por suposto, hai que salientar nos últimos anos a Walter Pandiani, que sumou 32 goles en catro anos na Coruña, algúns tan importantes coma os da remontada ao Milan na Champions League. Tamén a Gustavo Munua, gardarredes branquiazul durante seis campañas. Ou a Martín Lasarte, capitán do Dépor que acadou en 1991 o ascenso a Primeira, e hoxe adestrador de Nacional. Outros xogadores non tiveron un peso tan destacado pero dende logo quedaron no imaxinario colectivo do deportivismo, como Sebastián Abreu ou Sergio Manteca Martínez. Ademais, nos últimos anos a presenza de charrúas no plantel deportivista foi aínda máis frecuente: Fabián Estoyanoff, Sebastián TabordaDiego Ifrán, Jonathan Rodríguez ou Jonathan Urreta, aínda que ningún deles callou unha actuación demasiado positiva.

 

A estrea da Irmandiña

O 29 de decembro de 2005 Galicia derrotou a Uruguai en San Lázaro, na estrea da selección galega

E, por suposto, para falar da relación futbolística ente Uruguai e Galicia, hai que referirse ao partido xogado polas dúas seleccións no Estadio de San Lázaro o 29 de decembro de 2005, e que significou o debut en partido internacional da Selección Galega, a Irmandiña, cunha vitoria por 3 goles a 2, con goles de Nano e Deus (2).

 

Representantes de Celta, Deportivo, Peñarol e Nacional, xunto a Louzán e o embaixador Roberto Varela © Federación Galega de Fútbol
Louzán, coa camisola da selección celeste, xunto a Roberto Varela © Federación Galega de Fútbol
Partido entre o Celta e a selección uruguaia en 1924, primeiro encontro dun combinado americano en Europa © http://www.historiadoceltadevigo.net
Entrada para o Galicia-Uruguai xogado en 2005 en San Lázaro © celtavisin.blogspot.com
Os 'galegos' Lorenzo Fernández, Álvaro Gestido, Héctor Castro e Pedro Cea, titulares na selección que gañou o primeiro Mundial Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.