A selección española feminina de fútbol fixo historia a pasada madrugada ao clasificarse para as semifinais do Mundial que se está a celebrar en Australia e Nova Zelandia. Un gol de Salma Paralluelo na segunda metade da prórroga puxo o 2-1 definitivo ante os Países Baixos nun encontro na que destacou outra vez a galega Teresa Abelleira, que volveu ser titular e disputou os 120 minutos.
Supón o cumio -polo momento- na carreira desta pontevedresa de familia futboleira. O seu pai é o adestrador Milo Abelleira, ex-técnico do Pontevedra, o Celta B ou o CD Ourense, e o seu cuñado Edu Sousa, porteiro do club granate esta tempada tras deixar o Deportivo.
Con só 23 anos, a galega Abelleira dirixe o xogo da selección española que vén de facer historia ao alcanzar as semifinais do Mundial
Con só 23 anos, a actual xogadora do Real Madrid foi titular nos cinco encontros da selección española no Mundial e anotou un dos mellores goles do torneo na goleada contra Zambia (5-0). Pivote e organizadora do xogo do equipo vermello, Abelleira ergueuse como fundamental no esquema e na dirección do equipo que dirixe o cuestionado Jorge Vilda.
"É un orgullo ver como unha das nosas, Tere Abelleira, ten un papel tan importante no equipo. O fútbol feminino galego, polo que apostamos ano tras ano con toda a nosa forza, ten un claro referente en Tere", dixo Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol sobre unha futbolista que segue a rachar barreiras, como fixo toda a súa carreira.
Con 16 anos, Teresa era campioa de España cadete de fútbol sala e fichaba polo Deportivo para levar o brazalete de capitá nun equipo onde conseguiría o ascenso á elite
Sendo aínda cadete, proclamouse campioa da España da categoría en fútbol sala co Poio Pescamar, mentres compaxinaba co fútbol once. Naquel mesmo ano, 2016, deixou Pontevedra para unirse ao Deportivo da Coruña, que viña de refundar a súa sección feminina seguindo o ronsel do Karbo Deportivo, campión de España e de Copa nos anos 80 e base da selección galega que foi campioa estatal.
En agosto, con só 16 anos, Tere Abelleira portaría xa o brazalete de capitá que levaría moitas veces máis durante as catro temporadas que botou no conxunto galego, onde as súas boas actuacións no chamaron a atención de múltiples equipos. O Real Madrid, que viña de crear o seu equipo de mulleres, acabou finalmente contratándoa.
Antes, Teresa Abelleira tornouse nun emblema para o Deportivo, onde en 2017 converteuse, xunto á pontesa Raquel Béjar, na primeira xogadora profesional de fútbol feminino en Galicia. Naquela primeira temporada como deportivista, a pontevedresa xa se erixiu como unha das futbolistas fundamentais dun equipo que, logo de tres temporadas en Segunda, conseguía o título na categoría de prata e o ansiado ascenso á máxima categoría.
Durante aquela etapa, a pontevedresa saltara ás portadas no só polo seu xogo. Nos partidos na casa, unha bandeira LGTBI lucía na bancada mentres Teresa facía pública a relación coa súa moza nun vídeo que colgou nas súas redes sociais pero deu a volta ao mundo.
"Por desgraza aínda segue sendo necesario publicar estas historias. Trátase como un tema tabú que non todo o mundo ve ben. Resulta absurdo, somos persoas que namoramos doutra persoa, nin do seu sexo nin do seu DNI. Gustoume que se coñecese porque aínda hai xente que non é capaz de saír do armario no seu traballo, coa súa familia… e sería estupendo se podo supoñer unha oportunidade para que máis nenas ou adultas se animen a facelo e que non lle teñan medo á súa sexualidade", dicía en Vinte, que se facía eco cunha reportaxe da excelente traxectoria do equipo deportivista e dos valores de diversidade, igualdade e dereitos profesionais que supoñía aquel conxunto.
Abelleira foi, xunto a Raquel Béjar, a primeira xogadora profesional de fútbol feminino en Galicia
Na elite, o Deportivo -da man dela e doutras futbolistas que agora comparten vestiario na selección española no Mundial como Athenea ou Misa- fixo unha excelente temporada que chamou tamén atención de numerosos clubs que acabaron pescando en Abegondo, como o Real Madrid, o Barcelona ou o Athletic Club.
Abelleira marchou a Madrid, onde se converteu nunha das futbolista máis destacadas nun equipo que disputa a Champions. As súas boas actuacións provocaron que acabase debutando coa selección española absoluta en 2020 e que fose convocada para un Mundial onde xa fixo historia. Alcanzou as semifinais e soña con erguer un título, como fixera en 2018 co combinado sub-19 cando se proclamou campioa de Europa.
Será un paso máis para o fútbol feminino, que en Galicia ten como referente a Teresa como antes tivo a unha estrela como Vero Boquete, pero que, aquí e en todo o mundo, segue necesitando de máis. Así o demandan as xogadoras con cada éxito. Con cada paso. O seguinte de Abelleira é intentar alzar a Copa do Mundo. Case nada. Antes, a rival nas semifinais será Suecia.