A Audiencia Provincial declara ao home culpable dun delitio de agresión sexual. A rapaza, de 15 anos, acudira a unhas clases particulares
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a dous anos de cárcere un profesor de matemáticas dunha academia, como autor dun delito continuado de agresión sexual, por bicar en varias ocasións na boca a unha alumna de 15 anos sen o seu consentimento. Ademais, inhabilitouno para o exercicio da profesión de profesor durante dous anos e impúxolle a prohibición de aproximarse á vítima, así como de comunicarse con ela por calquera medio, durante tres anos.
O tribunal tamén o inhabilitou para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, que conleve contacto regular e directo con persoas menores durante sete anos.
As maxistradas da sección cuarta consideran probado na sentenza que o acusado lle enviou á vítima mensaxes de WhatsApp, incluíndo stickers de contido sexual. En setembro de 2019, segundo o fallo, esperouna cunha gominola na boca, á saída do ascensor da academia, “dándolle un bico na boca, sen contar co seu consentimento”. As xuízas aseguran que, noutra ocasión, se presentou no domicilio da menor, ofreceulle un café e uns doces, agarrouna polos ombreiros e, sen contar co seu consentimento, bicouna na boca.
A Sala tamén relata que, en novembro de 2019, aproveitando que quedou a soas coa vítima na academia, lle suxeitou a cara e deulle, sen que ela o consentise, dous bicos na boca. E, noutra ocasión, cando o acusado baixaba no ascensor con ela, “suxeitouna contra a parede, e, en contra da súa vontade, bicouna na boca”. Outro día, dentro dese período, e próximo aos anteriores, segundo o tribunal, aproveitou de novo que estaba só con ela na academia para entrar na aula onde estaba a vítima e, sorpresivamente, bicala na boca, tamén sen o seu consentimento.
No seu fallo a sala salienta que estes feitos produciron na vítima “un trastorno de estrés post-traumático, con sintomatoloxía ansiosa, falta de concentración, cambios no ritmo do sono, irritabilidade, e falta de interese por actividades sociais”.
“Cóntase con abundante documental que proba unha conduta do acusado, en canto á vítima, que non encaixa na relación profesor-alumna, e que tampouco se presenta como igual, ou polo menos parecida, á que mantiña o acusado co resto de alumnos da academia que declararon como testemuñas”, explican as maxistradas na resolución, na que salientan que “non resulta dúbida algunha de que a verdadeira intención do acusado foi a de satisfacer os seus desexos sexuais, para o que utilizou e manexou unha menor que si llo tomou como un xogo, ata o momento en que se deu conta de cales estaban a ser as verdadeiras intencións do condenado”.
O tribunal incide en que “o carácter sexual da acción é evidente”. Así, recalca que “non foron bicos de afecto”, tal e como revelan as conversacións de WhatsApp e os audios que lle enviou á menor. As xuízas destacan que “os actos de contido sexual executados polo acusado atentaron contra a liberdade e indemnidade sexual da vítima”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.