"A miña meta é poñelo difícil para que nin haxa xente que se intente dedicar a isto, nin haxa mulleres que se vexan abocadas a este tipo de cousas porque teño visto as consecuencias de estar en prostitución moitos anos", salienta a avogada Ana María García Costas, que participa na XII Xornada da Rede galega contra a trata sexual
Ana María García Costas é avogada con despacho en Vigo e ten máis de vinte e cinco anos de experiencia representando a vítimas de trata de seres humanos. É asesora xurídica da ONG Faraxa, e antes foino tamén de Alecrim, e é socia da Asociación de Mujeres Juristas Themis. A través destas entidades participa da Rede galega contra a trata sexual e na Red Española contra la Trata.
García Costas participa na XII Xornada da Rede galega contra a trata sexual, que acolle a sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense da Universidade de Vigo este mércores, día 18, e que se retransmitirá en directo por streaming. Este encontro anual abordará os cambios e limitacións do actual marco lexislativo e as propostas de mellora na intervención directa coas vítimas. É preciso inscribirse a través do enderezo electrónico xornadaredegalegacontraatrata@gmail.com.
Cales son as deficiencias do sistema lexislativo que observa na súa práctica diaria?
O maior problema é que o procedemento xudicial se centra case exclusivamente na credibilidade da vítima. Sen a vítima non resulta crible ao resto das probas non se lle dá ningún tipo de relevancia procesal porque o delito contra a trata é un delito contra as persoas. Entón, se non hai persoa porque os maxistrados non se cren á vítima pois non hai delito. Dá igual que teñas cadernos onde anotan as cantidades que xera cada muller, froito dos rexistros dos pisos ou dos escasos clubs que quedan, porque se non tes vítima non hai caso; e manter a unha vítima desde o principio ata o final do procedemento é moi complexo porque a súa situación sempre é moi difícil e os procesos xudiciais son moi longos.
"É obvio que estas mulleres están en condición case de escravitude, por que non se perseguiu iso salvo en contadas ocasións?"
Por que?
O primeiro que se lles esixe, unha vez que prestan o seu consentimento para colaborar coas autoridades policiais e xudiciais, é que se aparten da rede onde estaban sendo tratadas e que saian do exercicio da prostitución. Pero se non lles das medios para soportar todas as cargas da súa familia é complicado, e non teñen tan doado acceder a axudas sociais.
Isto supón unha revitimización das mulleres?
Complícase moito que colaboren por moito que realmente queiran denunciar e seguir co procedemento, o resto de requisitos que se lles esixen fai que teñan que pensalo moito. Ademais do medo, que fundamentalmente é o que máis lles pesa. Normalmente teñen fillos nos seus países de orixe e ter que deixar de mandarlles cartos pésalles moito tamén.
"Chégannos moitas mulleres que nos contan como viñeron, quen as trouxo e o que lles está pasando pero cando lles explicas como é o procedemento para denuncialo non o aceptan"
Que habería que mudar no procedemento para evitar estas circunstancias?
O delito de trata inclúe captar, trasladar, acoller para explotar con determinadas finalidades; non é só para explotación sexual, tamén está a explotación laboral, a pornografía, matrimonios forzados... No caso da trata para explotación sexual, se veñen de países fóra da UE cométese tamén un delito de favorecemento da inmigración irregular. Para este delito é tamén necesario que haxa unha vítima, pero cométese contra a inviolabilidade das fronteiras, polo tanto, o ben xurídico protexido son as fronteiras, é Europa. Porén, na trata o ben xurídico protexido é a integridade moral da persoa. Colocando este delito noutro título do Código Penal non teríamos á persoa no punto de mira e xa non sería tan difícil de perseguir xuridicamente. Chégannos moitas mulleres que nos contan como viñeron, quen as trouxo e o que lles está pasando pero cando lles explicas como é o procedemento para denuncialo non o aceptan. Na operación Maracaibo había mulleres venezolanas que foron movidas por pisos turísticos por todo o Estado, pero o grupo tiña como centro de operacións Ferrol e o caso levouno a Audiencia da Coruña, e elas contaban como a vida en Venezuela “non vale nada”.
Como cre vostede que habería que actuar?
A miña idea é que habería que camiñar a que a trata sexa a punta de lanza, pero dar maior visibilidade a un delito que é común, a explotación sexual: o delito de prostitución coactiva e lucrativa. Este delito existe desde antes que o da trata pero quedou bastante esquecido. É obvio que estas mulleres están en condición case de escravitude, por que non se perseguiu iso salvo en contadas ocasións? En Galicia a operación Carioca foi dos primeiros procedementos que saltaron aos medios e aí había moita miga, pero son delitos que “non importaban a ninguén”. Eran mulleres estranxeiras en situación de explotación, pero non eran delitos perseguidos. Hoxe avanzamos niso, inténtase ir máis pola prostitución lucrativa porque acostuma ser máis doado acreditalo. Un dos exemplos claros é o club Vitiza, no Porriño, pechado hai dous anos por unha operación de persecución da prostitución coactiva e lucrativa. Houbo varios peches na zona tratando de cortar o traslado de mulleres despois do confinamento pola pandemia, xa antes da COVID o “negocio” se estaba trasladando principalmente a pisos, pero polos problemas coa veciñanza proliferaron os chalés máis apartados.
"Antes era practicamente imposible que unha vítima de explotación sexual accedera a unha renda activa de inserción porque non se consideraba que isto fose violencia de xénero"
Que hai que perseguir agora mesmo?
Hai que ir a sitios aínda máis difíciles: a prostitución en liña. O OnlyFans e todos os derivados. Aínda que non o pareza, son sitios web que levan as mulleres á prostitución. Ás veces saltan ao cara a cara e outras son explotadas online, e aí a situación é máis complicada porque non se necesita trasladar a muller, faino desde a súa propia casa cunha webcam. O sistema do 'sugar daddy' está proliferando a prostitución entre mulleres moi novas que non son conscientes de que están a ser explotadas. Rapazas de todo tipo reciben ofertas destes homes e acaban indo con eles por un bolso caro. Isto está a ser normalizado, cando es consciente do que che pasou é cando te rompe. Non é fácil asumir que chegaches ao punto de vender o teu corpo, ademais de todo o que vai con iso: desde enfermidades de transmisión sexual ata a túa propia cabeza, que ten que procesar todo iso. Non deixan de ser mulleres moi novas, moitas universitarias, que non se decatan do risco e do que as vai condicionar porque o estigma da prostitución é algo que non te quitas na vida. Teño traballado con mulleres que exerceron a prostitución moi novas e con setenta anos seguían sentíndose igual.
A propia saúde mental das vítimas pode dificultar que cheguen ao final do procedemento xudicial cando aceptan denunciar?
Si, claro, é moi difícil. Ademais, moitas veces se cuestiona o que din. Levei un caso con tres mulleres venezolanas que non se condenou por trata, só por favorecer a inmigración ilegal, porque un Garda Civil que acudiu a prestar declaración na sala dixo que cando lle contaban o que vivían no club non estaban para nada afectadas.
Da mesma maneira que Jennifer Hermoso non podía estar afectada polo que sucedeu tras a final do mundial de fútbol porque estaba nunha terraza?
Si, ese é o nivel de cuestionamento das vítimas neste tipo de delitos. Non deixa de ser un delito de violencia de xénero e de violencia sexual. A vítima sempre é cuestionada se ten un comportamento normal. Ou aprendes a sobrevivir e segues para adiante, ou non vas poder chegar a ningún lado, a outra opción é que te metas nun buraco e non saes. Para moitas mulleres esta é a realidade, e saen dela con moitísimas dificultades ou máis ben nunca.
A avogada, asesora da Asociación Faraxa, conta con que se recupere o anteproxecto de lei de trata porque "era o que iniciaba o camiño da abolición da prostitución"
No debate no que participa dentro da xornada da Rede galega contra a trata sexual van abordar outras saídas para estes casos, cales serían?
A famosa lei do só si é si. A lei integral da liberdade sexual crea centros de emerxencia para vítimas de violencia sexual, que na nosa Comunidade están en camiño, dá unha serie de dereitos e recoñecementos para vítimas de explotación sexual –tanto económicos como de acceso á vivenda– e inclúe que se regule para o recoñecemento administrativo deste tipo de vítimas. Antes era practicamente imposible que unha vítima de explotación sexual accedera a unha renda activa de inserción, porque non se consideraba que isto fose violencia de xénero. O mesmo coa trata, que estaba recoñecida na lei galega como violencia de xénero, pero non na lei estatal.
Coas eleccións anticipadas no Estado quedou sen aprobar o anteproxecto de lei integral de trata, melloraba o escenario actual?
Sempre é boa idea unha lei integral porque revisa e centra o punto na protección das vítimas. Tiña algunha cousa mellorable, si, pero polo menos estaba ben regulada. Agora temos un mísero artigo, é bo que no procedemento estea todo máis tratado para que haxa menos nulidades. O proceso non deixan de ser as regras do xogo, canto máis concretas sexan menos opcións de fracasar temos porque todos as coñecemos.
O anteproxecto parecía suscitar bastante consenso entre os partidos, cre que o recuperarán axiña se hai un Goberno do PSOE con Sumar?
Espero que si porque era o que iniciaba o camiño da abolición da prostitución. Eu penso que cada un fai coa súa vida o que quere e debe ter esa liberdade, pero está claro que canto máis difícil llo poñas a todos, menos mulleres van acabar aí. Remítome ás probas comparativas da Unión Europea: Francia ten unha lei abolicionista e se está demostrando que as redes evitan levar mulleres alí, porén, Alemaña ten unha lei regulacionista e cada vez hai máis mulleres prostituídas cun auxe dos chamados ‘megaburdeles’. O mundo ideal sería un no que non houbese persoas explotadas, pero xa sabemos que non existe. Polo menos, tratemos de aportar o noso gran de area, para que a situación das persoas sexa mellorable, cunha lei abolicionista. A miña meta é poñelo difícil para que nin haxa xente que se intente dedicar a isto, nin haxa mulleres que se vexan abocadas a este tipo de cousas porque teño visto as consecuencias de estar en prostitución moitos anos.