O sindicato agrario Xóvenes Agricultores, antiga potente póla agraria do PP galego, quedou definitivamente disolto por un xulgado de Lugo a mediados de 2016. Facíao afogado entre débedas co persoal, coa banca, con Facenda e coa Seguridade Social. E co seu presidente, o empresario Juan Pérez Miramontes, acusando a Xunta do PP de non lle pagar todo o que lle prometera. O ex-sindicalista agrario e empresario, que durante anos posou nos veráns en Sanxenxo na cuberta do seu propio iate xunto á plana maior do PP encabezada por Mariano Rajoy, vén de regresar á actualidade por un motivo ben diferente. Vén de ser detido no marco dunha operación internacional contra a trata de mulleres.
A Fiscalía paraguaia vincula a Pérez Miramontes co financiamento da presunta rede de prostitución forzosa desarticulada nos rexistros policiais simultáneos desenvolvidos en Santiago e no país sudamericano
Un espectacular dispositivo policial despregouse este martes en varias rúas do Ensanche compostelán co obxectivo de desartellar unha presunta trama de prostitución forzosa con ramificacións en Paraguai e España. Seis rexistros simultáneos en varios pisos da capital galega e outros tres no país suramericano, segundo confirma a Fiscalía paraguaia, foron o centro do golpe contra unha suposta rede que era investigada dende hai meses na denominada Operación Chipa. Nun deles caeu Pérez Miramontes, a quen o Ministerio Público paraguaio vincula co financiamento da rede, segundo revelaron responsables da Fiscalía dese país ao xornal La Nación.
As brigadsa de Estranxeiría de Santiago e Madrid e mais a Unidade Especializada na Loita contra a Trata de Persoas e Explotación Sexual do Paraguai coordináronse nunha operación coa participación de axentes de ambos Estados e mesmo da Policía Local de Santiago, que se saldou coa liberación de 12 mulleres. Sempre segundo a información divulgada pola Fiscalía paraguaia a respecto da operación, comandada por un xulgado compostelán e baixo segredo, o modus operandi da trama desarticulada consistía no "recrutamento" das vítimas en Paraguai a través dunha axencia de viaxes en Ciudad del Este.
O Ministerio Público de Paraguai sinala que as mulleres eran "enganadas" co ofrecemento de supostos postos de traballo; xunto a Pérez Miramontes foron detidas outras cinco persoas
Alí eran "enganadas" a respecto de supostos postos de traballo en España, "aproveitándose do estado de vulnerabilidade no que se atopaban". Eran enviadas a Santiago, Málaga ou Madrid, onde no canto dos postos de traballo ofertados -vinculados ao traballo doméstico ou de coidados- eran recluídas en clubs e pisos de prostitución, onde a rede investigada lles retiraba a documentación. Xunto ao antigo dirixente de Xóvenes Agricultores foron detidas outras cinco persoas, todas de orixe paraguaia. Nos operativos naquel país a Policía detivo tres persoas máis acusados de seren "encargados da captación da vítimas".
Tras estas detencións a operación continúa aberta baixo a instrución do xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que a dirixe dende decembro do pasado ano. Entre os delitos investigados, segundo confirman fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, figuran a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, favorecemento da prostitución e alteración do estado civil de menores.
De póla agraria do PPdeG a sindicato afogado polas débedas
Pérez Miramontes, agora sinalado por esta presunta trama delitiva, levaba un tempo fóra da primeira liña dos focos públicos. Non sucedeu así durante os anos en que estivo á fronte de Xóvenes Agricultores, cuxa potente estrutura comezou a resentirse co inicio da crise económica, cando a billa das subvencións da Xunta comezou a deixar de fluír con tanta intensidade. Esa escaseza de axudas non impediu, así e todo, que xa co Goberno de Feijóo o sindicato e o propio Pérez Miramontes seguisen sendo beneficiados pola Xunta, segundo o Consello de Contas.
Os impagamentos de nóminas e voluminosas débedas que marcaron o treito final do sindicato contrastaban, segundo o persoal, co elevado nivel de vida de Pérez Miramontes entre coches de alta gama e iates como o que noutrora compartía con Rajoy e outros destacados membros do PP
Neste panorama o persoal do sindicato, que chegou a empregar a máis de 150 persoas, comezou a protestar pola falta de pagamento de nóminas. Estes incumprimentos, denunciaban, contrastaban co alto nivel de vida de Miramontes entre vehículos de alta gama e iates como o que noutrora compartía con Rajoy.
"Se antes tivemos algo que ver con temas políticos, o novo deseño vai por outro camiño distinto, non terá ningunha connotación política baixo ningún punto de vista", reflexionaba Pérez Miramontes na revista oficial do desaparecido sindicato cando comezaban as estreiteces. Afirmaba así que remataran os tempos nos que, por exemplo, Xóvenes Agricultores organizaba actos conxuntos co PP como aquel no que, en vésperas das eleccións galegas de 2005, nas que Manuel Fraga acabaría perdendo a maioría absoluta, ambas organizacións xuntaran 25.000 persoas no recinto feiral de Silleda. Había que evitar que Galicia caese "nas mans de tolos", proclamara Fraga naquel mitin.
O derradeiro gran favor político de Xóvenes Agricultores ao PP galego foi, posiblemente, o do verán de 2006. Apenas un ano despois de perder o poder na Xunta o sindicato encabezado por Pérez Miramontes foi o soporte clave para crear e dar eco a unha plataforma denominada SÓS contra o Lume, o colectivo impulsado polo PP galego para protestar contra o Goberno de PSdeG e BNG pola vaga de incendios daquel ano no que pretendeu ser un arremedo pola dereita da plataforma Nunca Máis.