O Consello de Contas vén de certificar que a Xunta subvencionou a dedo o sindicato agrario afín ao PP, Xóvenes Agricultores, agora nunha fonda crise económica, con dous millóns de euros cos que mercou catro locais dos que era copropietario o seu daquela presidente, Juan Pérez Miramontes. A Xunta argumenta que segue sen saber que Pérez Miramontes estaba vinculado con eses inmobles, pero o órgano fiscalizador di que os seus propios auditores así llo indicaron con datos públicos do Rexistro Mercantil que certifican que el era socio da empresa propietaria dos locais. Cando as contas do sindicato comezaron a ir mal, os traballadores que resultaron despedidos criticaron o nivel de vida de Pérez Miramontes, en cuxo iate se ten fotografado en Sanxenxo o presidente do Goberno, Mariano Rajoy.
O Goberno galego entregou ao sindicato dous millóns de euros cos que mercou varios locais dos que era copropietario o seu dirixente
Nun dos informes de fiscalización entregados o pasado venres no Parlamento de Galicia polo Consello de Contas, este analiza e critica diversas axudas directas, sen concorrencia competitiva, entregadas pola Xunta a entidades de todo tipo, entre elas os sindicatos agrarios Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, aos que o Goberno galego subvencionou “a adquisición, construción, rehabilitación ou mellora de bens inmobles” con entregas totais duns dous millóns de euros a cada organización. Segundo Contas, os convenios que ampararon esas axudas establecían que os sindicatos tiñan que solicitar “ofertas a diferentes provedores”, pero engade que “no caso dos catro inmobles adquiridos polo sindicato Xóvenes Agricultores, o cumprimento destes principios, de xeral aplicación ao gasto público, queda cuestionado ao terse adquirido aqueles de empresas ou persoas físicas vinculadas ata o momento da convocatoria ao presidente e máximo representante da entidade beneficiaria”, Pérez Miramontes.
A Xunta di que descoñece que Pérez Miramontes tiña relación cos locais e Contas replícalle que os seus propios auditores así llo comunicaron
Nas súas alegacións, a Xunta replicou a Contas que a lei restrinxe a subcontratación de actividades pero non a compra de bens a dirixentes das entidades subvencionadas, “co que o beneficiario pode adquirir calquera inmoble que estime oportuno”. E engadiu que o Goberno galego descoñecía “que entre a empresa vendedora e o presidente [de Xóvenes Agricultores] existise vinculación e seguimos sen ter esa información”. Contas contestoulle que o seu propio equipo auditor comunicoulle ese feito, información que tirou do Rexistro Mercantil e que “polo tanto está dispoñible para as unidades xestoras [da Xunta] ao igual que para o equipo auditor de Contas”. Contas tamén desbota que a Xunta se ampare en que o vendedor dos inmobles fora unha persoa física distinta de Pérez Miramontes xa que “esta resultou propietaria dos mesmos logo da disolución e liquidación das tres empresas nas que figuraba como socio” o presidente do sindicato.
Contas sinala un posible sobrecusto na compra do local de Carballo, "significativamente superior ao valor de mercado"
Por outra banda, Contas apunta un posible sobrecusto na compra dun dos locais: “Se ben respecto de tres dos inmobles adquiridos por esta organización o prezo de adquisición coincide co valor de taxación que figura nun informe que se aporta no expediente, no caso dun dos inmobles (local en Carballo), adquirido á sociedade Publisocial SL, o valor de adquisición escriturado e subvencionado resulta significativamente superior ao valor de mercado que consta no correspondente certificado de taxación para este inmoble”.
Actualmente a Xunta ten iniciado os correspondentes expedientes de reintegro das axudas concedidas ao sindicato que, coa súa crise económica, perdeu os locais, embargados polos bancos e a Seguridade Social.