O Concello de Lugo aposta por Tik Tok para sensibilizar contra a trata e a explotación sexual de mulleres

Cartel do concurso en TikTok contra a trata e a explotación sexual de mulleres © Concello de Lugo

O certame promove a realización de vídeos curtos entre os que se elixirán os dous mellores, que recibirán cadanseu premio económico

O Concello de Lugo vén de poñer en marcha un concurso na plataforma de vídeos curtos Tik Tok que busca concienciar e sensibilizar sobre a trata de mulleres con fins de explotación sexual. O certame promove a realización de vídeos curtos entre os que se elixirán os dous mellores, que recibirán cadanseu premio económico, o primeiro dotado con 200 euros e un segundo con 100 euros.

A participación, que é gratuíta e online, estará aberta ata o 23 de setembro de 2022, coincidindo co Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, e as persoas gañadoras daranse a coñecer o 30 de setembro de 2022 tras o fallo do xurado, que estará formado por representantes do Concello de Lugo, a Casa da Muller de Lugo e personalidades do sector audiovisual, entre outros.

Cartel do concurso en TikTok contra a trata e a explotación sexual de mulleres © Concello de Lugo

Os vídeos deben abordar calquera tema relativo á loita pola igualdade e faga visible a explotación sexual e o tráfico de mulleres: proxenetismo, vulnerabilidade da muller prostituída, normalización aberrante do consumo da prostitución...

A concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, explicou que os vídeos que se presenten ao concurso deben abordar calquera tema que concirna á loita pola igualdade e faga visible a explotación sexual e o tráfico de mulleres (proxenetismo, vulnerabilidade da muller prostituída, normalización aberrante do consumo da prostitución, etc.). Para formar parte do certame só hai que subir un vídeo á rede TikTok, co cancelo do concurso (#Lugoporlaigualdad) e cubrir o formulario de inscrición que se atopa neste enlace, onde tamén se poden consultar as bases.

A duración máxima das obras será dun minuto e pódense empregar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social, sendo imprescindible que a conta sexa pública. Poderán participar todas aquelas persoas que residan, traballen, estuden ou naceran en Lugo maiores de 14 anos e non serán admitidas obras con linguaxe xenófoba, machista, homófoba, racista, violenta ou de incitación ao odio.

A duración máxima das obras será dun minuto e pódense empregar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social

Silvia Alonso subliñou que con esta iniciativa “queremos que a cidadanía nos ofreza a súa versión da trata, que é tamén violencia de xénero”. A concelleira lembrou que as mulleres son as principais vítimas da trata de persoas, neste caso especialmente con fins de explotación sexual para o exercicio da prostitución. Segundo un informe do 2020 elaborado pola UNODC (Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito), o 65% das vítimas de trata detectadas son mulleres, u 46% maiores de idade e un 19% nenas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.