O Concello de Pontevedra publicará este ano oito vídeos nesta rede social dentro do programa 'A memoria das mulleres', coa “teima de achegalo ás xeracións máis novas”
TikTok é dende hai un tempo a rede social máis empregada polos máis novos e novas e de feito a maior parte dos seus usuarios e usuarias sitúase por debaixo dos 24 anos de idade. Para achegarse á mocidade hai que estar en TikTok e por iso o Concello de Pontevedra decidiu poñer en marcha unha iniciativa de divulgación da memoria histórica (especialmente da vencellada ás mulleres) a través desta rede social, a través de tres tiktokers galegas, Laura Franco (@laurafranco111), Leti da Taberna (@letidataberna_) e María Rúa (@pradoura).
Elas tres publicarán ao longo deste ano un total de oito vídeos, ofrecendo a súa visión sobre a loita antifascista de diversas mulleres pontevedresas. O primeiro vídeo corresponde a Laura Franco, que fala de Virxina Pereira e da rúa que se lle vén de dedicar na cidade.
A iniciativa, que forma parte do programa 'A memoria das mulleres', foi presentada esta mañá polo concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, acompañado telematicamente por Laura Franco e Leti da Taberna. Moreda explicou que a filosofía desta idea é utilizar unha aplicación “que está triunfando entre a rapazada para fomentar a memoria con perspectiva de xénero, utilizando unha linguaxe que poida resultar atractiva para esa franxa de idade”.
O primeiro vídeo corresponde a Laura Franco, que fala de Virxina Pereira e da rúa que se lle vén de dedicar na cidade
O concelleiro destacou que no contexto actual, "co avance de posturas ideolóxicas incompatibles coa democracia", se fai necesario “formar á nosa mocidade en valores dignos dun estado de dereito e facela coñecedora da nosa historia máis recente, para garantir que non volva repetirse”. Tamén indicou que na escolla das tres tiktokers se tivo en conta “a súa aposta pola lingua galega e o feminismo, a retranca e a contundencia na defensa deses mesmos valores antifascistas que perseguimos desde A memoria das mulleres”.
"Co avance de posturas ideolóxicas incompatibles coa democracia", faise necesario “formar á nosa mocidade en valores dignos dun estado de dereito e facela coñecedora da nosa historia máis recente, para garantir que non volva repetirse”, destacou o concelleiro
Para a elaboración destas pezas, dende o programa 'A memoria das mulleres' proporcionóuselles información sobre o propio programa e a partires desa base foron as propias tiktokers as que escolleron as temáticas e biografías coas que decidiron traballar nas súas creacións.
Laura Franco destacou que “se eu que son una muller centrada nestes temas descoñecía parte da identidade de Virxinia, non me quero nin imaxinar o que saberá a rapazada de agora, non debe ter nin idea de quen era”. Asegurou que, tras coñecer toda a loita de Virxinia contra o fascismo “entendín por que hai que dedicarlle unha rúa e entendín que a xente que vén detrás de min tamén ten que sabelo, e non comprendo que non se comprenda”. A tiktoker sinalou que “tiven discusións persoais con xente que cre que lle puxeron unha rúa por se a muller de Castelao e a min é que me crispa, non o acabo de entender, unha muller non nace só para casarse cun home”.