A historia da mulleres está chea de silencios, de baleiros, de páxinas en branco. Durante moito, demasiado tempo, o patriarcado confinounas no espazo doméstico, no traballo sen dereitos e sen horarios, na exclusión da vida pública, na negación do propio ser e da transcendencia. A discriminación ten raíces profundas, que fan que persista nos marcos mentais, nas imposicións e nas imposturas do presente.
A historia da mulleres está chea de silencios, de baleiros, de páxinas en branco. Durante moito, demasiado tempo, o patriarcado confinounas no espazo doméstico, na negación do propio ser e da transcendencia
Os estudos históricos non son alleos a esta concepción e por iso seguen a ser declinados maioritariamente en masculino. Mais nos últimos tempos xurdiron en Galiza novos enfoques que desde o feminismo cuestionan o discurso dominante e abren fiestras ao estudo e divulgación da historia e da memoria das mulleres. Logo de experiencias pioneiras como a colección “Mulleres” de A Nosa Terra, na última década o Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega, o proxecto A memoria das mulleres do concello de Pontevedra, a iniciativa A Coruña das mulleres da Agrupación Alexandre Bóveda ou os traballos de autoras como Aurora Marco, Encarna Otero ou Montse Fajardo balizan un tempo novo de investigación e restauración das vidas tanto tempo silenciadas e minorizadas.
O recente libro de Montse Fajardo sobre Virxinia Pereira, titulado A Vida incerta, froito dunha investigación promovida polo concello de Pontevedra con motivo dos 50 anos do pasamento, pon o acento nestas dúas marxinacións que se superpoñen: por un lado a negación, a invisibilización, o silencio, a desaparición da Historia; por outra, a construción dun relato reducionista, deturpador, sulcado de clixés paternalistas e misóxinos.
O libro de Montse Fajardo sobre Virxinia Pereira, titulado A Vida incerta, pon o acento en dúas marxinacións que se superpoñen: por un lado a negación, a invisibilización; por outra, a construción dun relato reducionista, deturpador
Apoiada nun inxente traballo de investigación no que combina fontes orais e escritas e no que ten un peso determinante a obra escrita de Virxinia -un epistolario tan extraordinario como en grande parte descoñecido até a publicación do libro-, Fajardo tece un relato biográfico por veces épico, case sempre dramático, vibrante e conmovedor, no que Virxinia Pereira se desprende da imaxe construída por sectores do galeguismo que a reducen á condición de esposa, asistente e enfermeira de Castelao. A señora burguesa da Estrada que fala castelán. E emerxe, como no positivado dunha fotografía, unha muller enérxica, forte, decidida, intelixente, audaz, con fortes conviccións ideolóxicas e un compromiso inquebrantábel con Galiza e co legado do rianxeiro.
A vida incerta é un relato en pé de igualdade das vidas compartidas desde os albores até a metade do século XX, unha andaina marcada pola traxedia da enfermidade, polo abismo ao que se asomaron coa perda do fillo, pola fenda provocada pola guerra e a brutal represión que golpeou a familiares e amizades, pola experiencia dolorosa dos desterros en EEUU, Cuba, Arxentina e París, pola lealdade inquebrantábel con Galiza e coa República, por unha exemplaridade e unha altura ética que é unha intensa labarada de luz na Historia colectiva.
Se ben hai varias divisorias na vida de Virxinia Pereira, a súa biografía pártese en dous en 1950, cando a morte de Castelao a deixa nun estado de “silencio e orfandade”. Un abatemento do que se recupera grazas ás relacións afectivas e ao apoio de persoas fundamentais como Ramón Otero Pedrayo e Fita Bustamante, Rodolfo Prada e Manolita Fraga, Xosé Carlos Abraira e Mercedes Cela… Logo dun tempo de reclusión voluntaria na casa de Belgrano, inicia a última loita da súa vida, na que exerce de gardiá da memoria de Castelao, de defensora do seu legado intelectual, político e artístico, e de combativa militante dunha causa galeguista na que mesmo intenta enrolar a María Casares.
Emerxe, como no positivado dunha fotografía, unha muller enérxica, forte, decidida, intelixente, audaz, con fortes conviccións ideolóxicas e un compromiso inquebrantábel con Galiza e co legado do rianxeiro
O libro de Montse Fajardo debulla minuciosamente as intervencións públicas, as cartas, os documentos, as xestións con Otero, Paz Andrade, Filgueira Valverde ou Álvaro Gil para preservar o legado do seu home, a amarga controversia coas súas cuñadas pola herdanza, e a determinación de loitar “como unha leoa” e “por riba da mesma lei” para que “a súa obra sexa salvada e respectada”.
Para levar a cabo esta misión volta a Galiza en 1962 con 78 anos, e nos 7 que lle quedan de vida ainda cruzará en catro ocasións máis o Atlántico para estadías en Madrid, Salamanca, A Estrada ou Santiago, e visitas a Pontevedra, Vigo, Lugo, Coruña, Sada, Viveiro e Cervo. Unha das últimas viaxes será no verán de 1969, o ano do seu pasamento, á Planta Circular de Sargadelos invitada por Isaac e Minima, con quen a une unha amizade fraternal de máis de vinte anos.
Logo dun tempo de reclusión voluntaria na casa de Belgrano, inicia a última loita da súa vida, na que exerce de gardiá da memoria de Castelao, de defensora do seu legado intelectual, político e artístico, e de combativa militante dunha causa galeguista
O libro tamén descobre a súa complicidade con unha nova xeración representada pola mocidade da Asociación Cultural O Galo, polo dirixente político e escritor Xosé Luís Méndez Ferrín ou unha novísma Adela Figueroa. Neles ve a esperanza dunha Galiza dona de si, e eles foron voces determinantes para compor o verdadeiro retrato de Virxinia.
Logo de décadas de silencio e de deturpación, e despois dos traballos pioneiros de Olimpio Arca, de Alfonso Fidalgo Pereira, de Xesús Alonso Montero e de Ana Acuña, Montse Fajardo entrega unha extraordinaria biografía que é resultado do rigor dunha investigación feita con lentes feministas e no que están presentes o que xa son marcas de identidade da escritora vilagarciá: o compromiso, a sensibilidade, o respecto e a paixón que brillan tanto na investigación como na escrita. É así como fai posíbel que Virxinia Pereira retorne pola porta grande da Historia, poñendo de relevo as certezas que fican para sempre con nós: o valor da coherencia, a fortaleza das convicións, a subordinación do interese persoal ao ben colectivo, a lealdade como norma vital, e a dignidade coa que cumpriu unha misión histórica.