Axudas á conciliación esgotadas 5 días antes de rematar as peticións: "Risco de fraude e información privilexiada"

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nun campamento no que publicitou as axudas á conciliación que se esgotaron cinco días antes de rematar o prazo de solicitudes CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O Consello de Contas vén advertindo contra as subvencións repartidas ás solicitudes máis rápidas, por concorrencia non competitiva, como os 2,6 millóns do Bono Concilia Familia que Política Social informa agora que esgotou o 3 de outubro

O venres a Consellería de Política Social informou a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) de que as súas axudas á conciliación para situacións puntuais ou vacacións escolares, o denominado Bono Concilia Familia, dotadas con 2,6 millóns de euros, quedaron esgotadas cinco días antes de que rematase o prazo de solicitude o pasado 8 de outubro. Foi así porque convocou as axudas polo procedemento de concorrencia non competitiva, no que as subvencións son concedidas ás solicitudes máis rápidas ata que se esgoten os cartos. 

O Consello de Contas, ente independente encargado da fiscalización das administracións galegas, vén advertindo do risco de "fraude" e "información privilexiada" que supón este xeito de convocar axudas por parte da Xunta.

CC-BY-SA Xunta de Galicia

As axudas do Bono Concilia Familia foron convocadas por Política Social no DOG do 4 de setembro, sinalando que "o prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará ás 9.00 horas do día 8 de setembro de 2025 e finalizará o día 8 de outubro de 2025 ás 23.59 horas". Porén, o pasado venres a mesma consellería informaba no DOG de que "a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi [...] presentada na sede electrónica, nos termos recollidos nos artigos 7 e 11.2 da convocatoria, o día 3 de outubro de 2025, ás 9:41:24 horas". Isto é, cinco días antes de que rematase o prazo de de presentación de solicitudes. 

O ente fiscalizador vén pedindo á Xunta "incrementar o emprego das axudas en concorrencia competitiva fronte aos procedementos de concesión directa"

Este tipo de convocatorias de subvencións nas que os cartos se entregan por orde de recepción das solicitudes que cumpran uns requisitos básicos, sen priorizar nin puntuar todas as que se pidan en prazo, denomínase por concorrencia non competitiva. Sobre elas vén pronunciándose de xeito crítico o Consello de Contas, a última vez nun informe específico sobre "riscos na área de subvencións" da Xunta feito público en outubro dentro da súa área de traballo de prevención da corrupción.

Entre as súas recomendacións Contas pide á Xunta "incrementar o emprego das axudas en concorrencia competitiva fronte aos procedementos de concesión directa" polo "risco de limitación da concorrencia" que supón. O ente fiscalizador tamén pide "manter e estender a todas as bases das axudas en concorrencia non competitiva a fixación dun intervalo de tempo entre a convocatoria das axudas e a apertura do prazo de presentación de solicitudes" polo "risco de fraude" que supón un prazo demasiado curto. 

Sede do Consello de Contas de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

No caso do Bono Concilia Familia, logo de anos anteriores en que o prazo se abriu no mesmo momento de publicación no DOG, desta volta Política Social deixou pasar catro días entre a convocatoria no DOG un xoves e o inicio de solicitudes o luns seguinte. Noutros casos, outras consellerías chegaron a abrir o prazo de petición doutras axudas "ao día seguinte" da publicación no DOG, o que levou a presentar solicitudes na medianoite esgotándose os cartos nuns poucos minutos.

Contas sinalou no seu informe que "ligada ao risco de subministración de información privilexiada está a selección dos beneficiarios por orde de presentación das solicitudes ata o esgotamento de créditos cando as axudas se convocan en réxime de concorrencia non competitiva". "Sendo o réxime de concorrencia competitiva o procedemento ordinario de concesión das subvencións, o risco está en que a maior parte das subvencións se concedan á marxe deste réxime, ou que a Administración leve a cabo unha interpretación laxa daqueles supostos nos que a normativa vixente non permita outorgar subvencións directas sen concorrencia competitiva", salienta o ente fiscalizador.

Informe do Consello de Contas sobre riscos por concesión de subvencións sen competencia ou de xeito directo © Consello de Contas

O 42% das subvencións da Xunta en 2023 analizadas polo Consello de Contas outorgáronse sen competencia entre as solicitudes recibidas

Segundo o informe de Contas, en 2023 o 35,7% das subvencións que analizou na Xunta outórganse polo sistema de concorrencia non competitiva que debera ser unha excepción. Ademais, outro 6,5% das axudas foron outorgadas de xeito directo, polo que ata o 42% das subvencións recibíronse sen competencia entre as solicitudes. Un problema que o ente fiscalizador sitúa especialmente na Consellería de Emprego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.