"Transfuguismo non, democracia si": sociedade civil lucense mobilízase este venres contra a moción de censura

Presentación este mércores da concentración 'Transfuguismo non, democracia si' © Plataforma 'Transfuguismo non, democracia si'

PSdeG e BNG advirten o PP da "ilegalidade" de que a edil tránsfuga que lles vai dar a alcaldía de Lugo sexa recompensada cun cargo na Xunta

Baixo o lema "Transfuguismo non, democracia si" está convocada para este venres, ás 19 horas, unha concentración fronte ao Concello de Lugo en protesta pola moción de censura do PP cunha tránsfuga socialista contra o goberno local de PSdeG e BNG. A convocatoria, que está a recibir o apoio dun amplo espectro da sociedade civil lucense, foi presentada na tarde deste mércores por un cento de persoas tamén ante o Concello con Lois Pérez, Isidoro Rodríguez, Luz Darriba e Bernardino Pardo como voceiros.

Os convocantes presentáronse como "voceiros dunha maioría social" que nas últimas eleccións decidiu que a esquerda fose maioritaria no Concello de Lugo, "o que outorga lexitimidade para expresar o noso rexeitamento a este atropelo democrático". "O transfuguismo non pode ser a chave para acceder ao goberno dunha institución democrática", din, e apelan a que sexan as urnas nas municipais do vindeiro ano as que determinen se Lugo debe mudar de goberno.

O aínda alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, co tenente de alcalde, Rubén Arroxo CC-BY-SA Imaxes: TVG e BNG

A moción de censura foi xustificada este mércores pola futura alcaldesa popular, Elena Candia, pola suposta parálise do goberno local. Pola súa banda, a concelleira tránsfuga, María Reigosa, que entrou hai uns meses na Corporación tras a morte dun compañeiro do PSdeG, asegurou que non ten na operación "ningún interese persoal nin económico".

Tras rexistrarse a moción de censura, que será debatida e aprobada en pleno con toda probabilidade no mediodía do xoves 7 de maio, o aínda alcalde, o socialista Miguel Fernández, criticou que os avais da popular Elena Candia para chegar a alcaldesa serán "tres mortos e unha tránsfuga", en alusión aos sucesivos falecementos no grupo socialista.

Pola súa banda, PSdeG e BNG advirten o PP da "ilegalidade" de que a edil tránsfuga que lles vai dar a alcaldía de Lugo sexa recompensada cun cargo na Xunta, tras a convocatoria por parte do Goberno galego dunha comisión de servizo nun posto que coincidiría co currículo da concelleira. Ela negou este mércores que aspire a ese posto, pero a futura alcaldesa non quixo revelar que lugar ocupará no novo goberno municipal ante a limitación legal a que os tránsfugas vexan mellorados cunha censura os seus "dereitos económicos e políticos". 

Presentación este mércores da concentración 'Transfuguismo non, democracia si' CC-BY-SA Plataforma 'Transfuguismo non, democracia si'

Desde a dirección galega do PSdeG a ex-alcaldesa de Lugo e agora deputada Lara Méndez advertiu de que "se se demostra" que a praza convocada pola Xunta é para a edil tránsfuga "non é política, é corrupción". 

En similar liña manifestouse a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que este mércores desprazouse a Lugo para apoiar o grupo municipal do BNG e o seu tenente de alcalde, Rubén Arroxo. Pontón salientou que premiar cun cargo á edil tránsfuga non só sería "reprobable" desde o punto de vista político senón "unha ilegalidade" pola que asegurou que o PPdeG tería que "render contas ante a xustiza". 

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, cuxo departamento convoca a praza en cuestión, atribúeo á "normalidade administrativa" tras quedar vacante e deslígao da moción de censura de Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.