A principios do mes de maio, agás sorpresa maiúscula o xoves 7 ao mediodía, a cidade de Lugo vai ter unha alcaldesa do PP. Elena Candia grazas aos 12 votos do seu grupo sumados aos da ex-socialista e agora tránsfuga María Reigosa, quen obtivo acta de concelleira a finais de 2025 pola morte dun compañeiro do PSdeG. Será a primeira militante do Partido Popular en vinte e sete anos que erga o bastón de mando dunha cidade que nas dúas primeiras décadas de restauración democrática nos concellos fora monocultivo das dereitas baixo varias siglas.
A suma do voto da tránsfuga María Reigosa aos 12 do PP converterán a Candia na primeira militante do PP en erguer o bastón de mando lucense dende 1999
Foi en 1995 cando o PP obtivo a ata agora última maioría electoral que lle permitiu gobernar en Lugo, a absoluta lograda por Joaquín García Díez. Aquel alcalde, con bo predicamento e obras destacables, como o inicio da gran peonalización do centro histórico, non puido recuncar no cartel electoral en 1999 por causa dos enfrontamentos internos do propio PP que dirixía o férreo Francisco Cacharro Pardo, cuxa memoria os populares lucenses volveron reivindicar recentemente tras lustros a renegar dela. Dende aquela, cando Ramón Arias non conseguiu a alcaldía, bateron na muralla da esquerda lucense con ata media ducia de candidatos.
A todos eles reuniunos Candia en vésperas das eleccións municipais de 2023, as do seu desembarco na política da cidade de Lugo procedente de Mondoñedo, onde fora alcaldesa de 2015 a 2020. A imaxe, lida nalgúns foros como unha aposta da mindoniense por tecer ligazóns cunha cidade na que en moitos ámbitos era recibida como allea -pola súa desconexión coa urbe, non polo seu lugar de nacemento-, foi interpretada noutros como un retrato dos sucesivos fracasos municipais dos conservadores. Algúns por estreitísima marxe e outros, especialmente sonoros.
Fraga tentou volver gobernar Lugo enviando unha conselleira estrela, Manuela López Besteiro, nuns comicios que se saldaran con absoluta do PSdeG de Orozco
A primeira aposta do PP por tentar volver gobernar en Lugo foi de alto nivel. Aínda con Manuel Fraga na Xunta, o fundador do partido desprendeuse dunha das súas conselleiras estrela, Manuela López Besteiro, para lanzala como candidata contra o socialista Xosé López Orozco, alcalde nunha coalición de boa avinza co BNG que lideraba Branca Rodríguez Pazos.
Mesmo coa Xunta de Fraga e a Deputación de Cacharro a prol -con episodios especialmente lembrados como unha visita e concerto de Julio Iglesias a poucos meses dos comicios-, a operación López Besteiro fracasara. O PP pasara de 12 a 9 edís e Orozco conseguira unha histórica maioría absoluta para o PSdeG.
Catro anos despois, en 2007, o PP recuperou a quen desbotara. No cartel dos populares volveu aparecer Joaquín García Díez, alcalde de grato recordo. Pero o seu lugar xa fora ocupado con amplitude por Orozco en amplas capas do electorado lucense, que observaba ás claras mudanzas evidentes na cidade. Algunhas decisións e maneiras do rexedor socialista causáranlle certo desgaste do que o PP non se puidera beneficiar: perderan a absoluta ao perder un concelleiro que gañou o BNG.
O recuperado Joaquín García Díez, Jaime Castiñeira por dúas veces e Ramón Carballo tentaron chegar a un goberno do que Candia quedou moi próxima na cita coas urnas de 2023, cando así e todo os votos da veciñanza volveron dar á suma de PSdeG e BNG a absoluta que agora perden pola vía do transfuguismo
Nos seguintes comicios, os de 2011, o PP lucense estivo máis preto de gañar a alcaldía. Volveron estrear candidato, Jaime Castiñeira, e nun contexto de crise económica e de aberto e profundo deterioro do Goberno de España que presidía José Luis Rodríguez Zapatero, ficaran a apenas medio milleiro de votos do concelleiro número 13, o que dá acceso á absoluta. Unha absoluta que, así e todo, volveron sumar as forzas da esquerda: 11 socialistas e 2 nacionalistas.
Aquel mandato iniciado en 2011 foi especialmente turbulento en Lugo. Polo desgaste xeral da gran recesión e, sobre todo, polo estoupido da operación Pokémon que, combinado co caso Campeón, trouxo consigo un fortísimo impacto no PSdeG local. Sobre todo, polas imputacións xudiciais que pesaron sobre Orozco -que non quedarían arquivadas ata 2021- e que lle implicaran un importante lastre na seguinte cita coas urnas, a de 2015. Pero o PP tampouco tirou proveito: repetiu con Castiñeira, perdeu tantos edís coma o PSdeG e ademais xurdiulle competencia pola dereita con Ciudadanos.
As devanditas imputacións foron a causa esgrimida polas demais forzas da esquerda municipal, que pasaran de unha a tres pola irrupción de Lugonovo e ACE, para esixir a marcha de Orozco a cambio dun apoio na investidura a un PSdeG enfraquecido, con 8 edís. Os socialistas accederan dando paso a Lara Méndez, primeira alcaldesa da historia do concello que, tras un mandato en minoría, repetiría resultado e sumaría coalición con maioría absoluta canda o BNG en 2019, cando o PP o tentou con Ramón Carballo, actualmente presidente local do partido.
Tras a morte da alcaldesa Alvarellos chegou a elección do alcalde Miguel Fernández, baixo cuxo mandato se produciu a morte do edil socialista Pablo Permuy, dando lugar ao corremento de lista que converteu á agora tránsfuga Reigosa en concelleira
Foi así como chegou a cita en 2023, a do debut de Elena Candia na cidade da Muralla. Nun proceso inverso ao de 2015, os populares conseguiron absorber practicamente todo o voto da dereita local, propiciaron a desaparición de Ciudadanos e mesmo medraron un chisco máis. Como Castiñeira en 2011, Candia ficou a uns poucos votos dunha absoluta que retiveron PSdeG e BNG, a mesma que van perder en poucos días ao pasar á conta do PP un dos escanos do pleno que os votos da veciñanza colocaron no PSdeG.
Esa maioría absoluta de socialistas e nacionalistas investiu alcaldesa por terceira vez a Lara Méndez e, poucos meses despois, a Paula Alvarellos tras a renuncia da primera rexedora para concorrer ás eleccións galegas. Alvarellos faleceu un ano despois e o novo alcalde foi Miguel Fernández, baixo cuxo mandato morreu outro membro do grupo do PSdeG, Pablo Permuy, dando lugar ao corremento de lista polo que a agora tránsfuga María Reigosa accedeu á corporación.