As listas do PP deixan a Xunta sen sete altos cargos durante varias semanas e relegan membros do Goberno galego

Rueda coas persoas que o secundarán á fronte das listas electorais do PP nas catro provincias galegas © PPdeG

En Ourense a número 2 será Victoria Núñez, filla do histórico Victorino Núñez, que desde outubro está á fronte da xestora dos populares na capital provincial

Ao límite do prazo legal, o que obrigou a Alfonso Rueda a convocar un Consello da Xunta extraordinario na mañá deste luns, o PP vén de facer públicas as súas listas completas para as eleccións galegas do 18 de febreiro. Nelas varios conselleiros e conselleiras figuran en postos por detrás doutros candidatos ou candidatas populares con menores responsabilidades no Goberno galego ou mesmo de nova incorporación. Ademais, en Ourense é significativa a incorporación como número 2 de Victoria Núñez, filla do histórico Victorino Núñez que ata agora non se significara en política pero que desde outubro está á fronte do partido na capital provincial.

Listas electorais do PP para o 18F CC-BY-SA Praza Pública

Ser candidato ou candidata é compatible con ser conselleiro ou conselleira pero non cos cargos inferiores, o que obrigou ao Goberno galego a cesar, nun Consello extraordinario, a quen vai nas listas electorais: Os delegados territoriais da Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense -pero non os de Vigo e Pontevedra- así como o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o director xeral d  Gandaría e Agricultura, José Balseiros, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Serán pois sete os altos cargos da Xunta que queden descabezados durante varias semanas.

Como estaba previsto Alfonso Rueda encabeza a lista por Pontevedra, seguido da empresaria viguesa Patricia García, presidenta da empresa Femxa, especializada en cursos de formación subvencionados polas administracións públicas. De número 3 vai María Martínez Allegue, que ata agora ocupo diversos cargos intermedios na Xunta, e que fai que o primeiro conselleiro, Román Rodríguez, de Educación e Cultura, non apareza ata o número 4, seguido no 5 do de Sanidade, Julio García Comesaña, e no 6 do portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos.

Rueda no Consello da Xunta extraordinario que este luns cesou sete altos cargos para iren nas listas do PP CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Na Coruña a lista encabézana o vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, seguido da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez. Pero despois varios cargos inferiores do PP adiantan a outras conselleiras e conselleiros. E o mesmo ocorre en Ourense e Lugo, con conselleiros por baixo doutros cargos do PP.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.