Ademais de Diego Calvo, actual vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia (número 1 pola Coruña), Elena Candia (número 1 por Lugo) e a conselleira de Emprego Elena Rivo (número 1 por Ourense), nos primeiros postos aparece tamén a empresaria viguesa Patricia García, que será a número 2 pola lista de Pontevedra, que encabeza Rueda
O PP presentou este sábado en Santiago as persoas que, xunto a Alfonso Rueda, encabezarán as súas listas para as eleccións do vindeiro 18 de febreiro. Ademais de Diego Calvo, actual vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes (número 1 pola Coruña), Elena Candia (número 1 por Lugo) e a conselleira de Emprego Elena Rivo (número 1 por Ourense), nos primeiros postos aparece tamén a empresaria viguesa Patricia García, que será a número 2 pola lista de Pontevedra, que encabeza Rueda.
Para Rueda estes catro candidatos son “as cabezas visibles dun equipo moito máis amplo" e pídelles a todos eles que "asuman o compromiso" de “recoller e expresar as aspiracións de todos os galegos” e que o fagan “con honestidade e sendo conscientes do privilexio que supón representar ao PPdeG e pedir a confianza da xente en nome do primeiro partido de Galicia”.
Rueda afirmou que a súa campaña “non irá de levantar muros, nin de atacar ou falar mal de Galicia e dos seus servizos públicos"
Aínda que as listas completas do PP se coñecerán oficialmente este luns, nas últimas horas foron xa filtrándose algúns outros detalles, referidos principalmente á presenza dos actuais conselleiros e conselleiras do Goberno galego, que aparecerán en postos de saída, como Julio García Comesaña o Román Rodríguez, en lugares destacados da lista pontevedresa, ou o conselleiro de Pesca Alfonso Villares, que será o número tres por Lugo. Pola Coruña irán previsiblemente Ángeles Vázquez, Miguel Corgos, Ethel Vázquez, María Jesús Lorenzana e Fabiola García.
Rueda cargou contra “a oposición multipartita” que, dixo, “non quererá falar de proxectos porque ou non os teñen ou directamente son incompatibles entre si”. “Intentarán tamén que non se faga balance porque eles non teñen nada do que facer balance máis alá da súa negatividade e da súa concepción desastrosa dos servizos públicos galegos", engadiu
Na presentación dos primeiros postos da candidatura, Rueda afirmou que a súa campaña “non irá de levantar muros, nin de atacar ou falar mal de Galicia e dos seus servizos públicos, nin de favorecer a crispación e os bloqueos”, senón que irá “de erixir pontes, poñer propostas enriba da mesa e traballar desde a unidade e a concordia a prol da nosa terra”.
O líder do PPdeG cargou contra “a oposición multipartita” que, dixo, “non quererá falar de proxectos porque ou non os teñen ou directamente son incompatibles entre si”. “Intentarán tamén que non se faga balance porque eles non teñen nada do que facer balance máis alá da súa negatividade e da súa concepción desastrosa dos servizos públicos galegos. Pero nós si faremos balance porque gobernamos e o noso deber é dicirlle a xente o que fixemos e o que queremos seguir facendo”, engadiu.