O PPdeG resta importancia a que un neto de Fraga poida ser candidato de Vox o 18F

Paula Prado nun acto este mércores coas Novas Xeracións do PPdeG © PPdeG

A número 2 popular, Paula Prado, que hai tres semanas evitaba confirmar ou desmentir se mantiña conversas con Vox, di que se esa formación aínda non ten candidato non vai influír no voto da cidadanía

O diario El País publicou este mércores que Vox baralla presentar como candidato ás eleccións galegas do 18 de febreiro a Manuel Fraga Pedroche, neto do ex-presidente da Xunta. Fraga Pedroche era asesor do PP no Parlamento Europeo desde 2012 ata que en 2019 pasou a ser asesor de Vox na mesma Eurocámara

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, foi preguntada este mesmo mércores por esa nova e pola posibilidade de que esa candidatura poida ter influencia nos resultados do seu propio partido. Prado negouno e dixo que se Vox aínda non ten candidato non vai influír no voto da cidadanía. 

Relación de asistentes do Parlamento Europeo coa identificación de Fraga Pedroche como asesor dos eurodeputados de Vox CC-BY-NC-SA Praza Pública

Hai tres semanas, ao tempo que os populares axitaban as unións e desunións dos partidos de esquerda, Prado foi preguntada se pola dereita, tamén fragmentada, e se o PP estaba a manter conversas de cara a un posible acordo electoral con Vox ou con Democracia Ourensana. A número 2 do PPdeG evitou pronunciarse en ningún sentido.

Agora, ante a pregunta pola posible candidatura dun Manuel Fraga en Vox, Prado di que "queda pouco máis dun mes para as eleccións autonómicas, e se hai algún partido que aínda non ten candidato, pois imaxínese que vai influír no voto". Para a popular en Vox "non teñen candidato, non teñen un proxecto para Galicia, os galegos e galegas saberán valorar que partidos teñen proxectos serios para Galicia, que partidos pensan nos seus problemas reais".

Paula Prado este mércores ante os medios de comunicación © PPdeG

Prado tamén evitou concretar as súas propias aspiracións nas listas electorais do PP e se a da Coruña vai ser encabezada por ela ou polo vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, xa que Alfonso Rueda o fará por Pontevedra. "O posto é o de menos, eu estou a disposición do partido, o número dá igual", dixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.