A ameaza de Vox e Democracia Ourensana a un candidato do PP con só 19 meses no posto vén de ser respondida desde a esquerda rupturista cunha nova crise que ameaza con fragmentar aínda máis o voto, o que pon en risco a representación en escanos
As eleccións autonómicas que se celebrarán en cuestión de meses presentábanse como as máis incertas para a dereita galega en máis de tres décadas. Desde as de 1989 que acabaría gañando Manuel Fraga por maioría absoluta, nunca ata agora o seu monolitismo arredor do PP se vira matizado por dous factores distintos ao mesmo tempo: un candidato, Alfonso Rueda, con menos de dous anos para consolidarse e darse a coñecer, e a ameaza simultánea en forma de pinza doutras forzas de carácter estatal (Vox) e provincial (Democracia Ourensana) xa consolidadas nos seus respectivos eidos.
Con este panorama, a ruptura este martes de Podemos con Sumar a nivel estatal, que derivou na paralización das negociacións a nivel galego para conformar unha candidatura unitaria da denominada esquerda rupturista, vén de achegar novas doses de incerteza de cara aos comicios galegos.
Ás eleccións de decembro de 1989 que acabaría gañando Fraga a dereita chegaba en apariencia reunificada por primeira vez desde a volta da democracia, pero coa incógnita do seu resultado. Dous anos antes caera o goberno de Gerardo Fernández Albor coa moción de censura instigada polo seu vicepresidente José Luis Barreiro Rivas, que acabaría en Coalición Galega. Membros desa formación, do Centristas de Ourense de Victorino Núñez e José Luis Baltar ou dos restos de UCD e doutras formacións de dereita ou centro dereita que foran nacendo desde a Transición deron en coligarse co PP para os comicios daquel ano a través de Centristas de Galicia.
A unificación de siglas nunha mesma papeleta estaba feita, pero faltaba por ver o desempeño electoral dun candidato que só dous anos e medio antes o fora á presidencia do Goberno de España. O resultado daquela campaña foi a coñecida maioría absoluta de Fraga, seguida da posterior aglutinación total da dereita no refundado PP tanto en Galicia como no Estado.
Desde a integración en 1989 da dereita, especialmente a ourensá, na candidatura dun Fraga retornado poucos meses antes, nunca o PP tivera un candidato tan recente como Rueda competindo ao tempo cun partido provincial como o de Jácome e outro estatal como Vox
Desde aquela só houbo ata agora un cambio de candidato nesa dereita galega monolítica, o ocorrido en xaneiro de 2006 cando Alberto Núñez Feijóo tomou a remuda de Fraga. Fíxoo con máis de tres anos por diante ata as seguintes eleccións de marzo de 2009. E neste tempo outras formacións de carácter estatal que xurdiron na dereita non foron quen non xa de consolidarse senón nalgún caso de sequera implantarse en Galicia. Unión, Progreso y Democracia (UPyD) só logrou un concelleiro no país en 2011. Despois Ciudadanos tería maior éxito a nivel municipal e nos comicios xerais en Galicia, pero as autonómicas seguiron sendo imposibles.
Porén, para as próximas eleccións o panorama na dereita ábrese a unha maior incerteza. Vox ten similares problemas de implantación, cun único concelleiro en toda Galicia, pero nas xerais de xullo logrou 77.000 votos de dereitas que quedaron sen escano. Un risco, o da división do voto sen resultados prácticos, que xa levou a Miguel Tellado, ex-secretario xeral do PPdeG e home forte de Feijóo no PP estatal, a pedir á formación de Santiago Abascal que non se presente en Galicia. O propio Rueda considerou despois unha boa noticia para a esquerda que Vox compita con el polos votos da dereita.
Pero a incerteza a xeito de pinza sobre o PPdeG non a achega só Vox coa súa implantación estatal senón que por primeira vez desde os tempos de Victorino Núñez e José Luis Baltar existe tamén a ameaza dunha formación de carácter provincial, a Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome, que xa anunciou que concorrerá aos comicios. Está por ver se os seus votos saen do PP, da abstención ou mesmo do desencanto da esquerda, pero esa indefinición tampouco achega tranquilidade ao PP, que nas últimas semanas vén manobrando na Deputación e no Concello de Ourense para tentar debilitar a Jácome con achegamentos ao PSOE.
E a este panorama engádese a outra gran novidade da candidatura do PPdeG, o candidato. Un Alfonso Rueda que leva 19 meses á fronte da Xunta centrado en darse a coñecer á cidadanía. Unha debilidade que fai que o seu propio equipo xa dea por feito un desembarco de Feijóo na campaña en apoio do seu sucesor ao xeito do que fixo Fraga en 1981 en apoio de Albor co 'Galego coma ti'.
Na esquerda a relativa estabilidade do período 1993-2009 mudou coa aparición de AGE en 2012 e En Marea en 2016, cuxas crises están a revivirse coa ruptura agora de Podemos con Sumar
Fronte a este panorama na dereita, a esquerda viviu as tres últimas décadas algo máis movida. Houbo unha relativa estabilidade arredor de PSdeG e BNG no que respecta ás forzas con representación parlamentaria no período 1993-2009. Pero a crise de hai década e media e o debilitamento dos partidos tradicionais propiciou a aparición, antes que no resto do Estado, da denominada esquerda rupturista, da man en 2012 da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) de Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras e en 2016 de En Marea. Porén, as sucesivas crises internas, aireadas externamente, deixaron a esas sensibilidades políticas sen representación no Pazo do Hórreo saído das eleccións de 2020, o que contribuíu ao refortalecemento actual de BNG e PSdeG.
E os problemas seguen. Fronte a socialistas e nacionalistas coas súas casas relativamente ordenadas, a esquerda rupturista aínda debate como afrontar os próximos comicios galegos. Se en 2016 Pablo Iglesias aceptaba cun chío en Twitter poucos minutos antes do prazo legal que Podemos formase parte do partido instrumental En Marea, desta volta foi o dixital que dirixe o que o martes anunciou que os deputados e deputadas de Podemos rachaban co grupo parlamentario de Sumar. O seguinte paso en Galicia foi a paralización das negociacións entre Sumar Galicia e Podemos Galicia para concorrer ás próximas eleccións. Unhas negociacións que xa se viñan aireando e enrarecendo con declaracións e mesmo notas de prensa públicas.
Agora está por ver cantas formacións concorren nos comicios pola esquerda xunto con BNG e PSdeG fronte a unha dereita na que o PP tenta desfacerse de Vox e Democracia Ourensana. Está por ver, en definitiva, a capacidade dos dous bloques políticos de rendibilizar os seus apoios e que non haxa votos que queden sen representación, especialmente nas provincias con menos escanos en xogo, Lugo e Ourense.