AGE: Nove escanos de éxito con mes e medio de vida

Beiras, nun mitin de AGE © AGE

Da nada a nove escanos. A irrupción de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) foi unha das grandes novas da xornada electoral en Galicia. Con mes e medio de vida, a coalición formada por Anova e Esquerda Unida, co apoio de Equo e Ecosocialistas, foi quen non só de entrar no Parlamento, senón de facelo ao grande. Superou o BNG e converteuse na terceira forza política con máis de 200.000 votos.

“Beiras representou o voto desencantado, contestatario, indignado e romántico”, aseguraba na noite do domingo un xornalista galego afincado en Madrid na súa conta de Twitter. Algo diso semella haber. A formación liderada polo histórico nacionalista e Yolanda Díaz, coordinadora xeral de EU, recolleu o apoio do enfado e pescou tamén en caladoiros socialistas e do Bloque, especialmente nas cidades, onde a súa irrupción rachou con todas as expectativas. Non foi tanto o voto dos desencantados coa política, senón o dos desencantados coa vella política. Iso é o que pensan tamén na denominada Syriza galega.

Non foi tanto o voto dos desencantados coa política, senón o dos desencantados coa vella política

Abonda fixarse nos datos. Alternativa converteuse na segunda forza na Coruña e Santiago, superando o PSdeG nesas dúas urbes tradicionalmente socialistas. En Vigo, quedou a menos de 8.000 votos do PSOE, demostrando que a súa forza está no voto urbano e nas vilas de tamaño medio. De feito, se extrapolamos os resultados das autonómicas a unhas municipais, AGE gobernaría na Coruña e en máis dunha vila do país.

Pero a conta non é tan fácil. Ninguén nega que o factor Beiras foi definitivo. Con 76 anos e logo dos seus continuos enfrontamentos dentro do BNG, puxo en marcha unha nova formación nacionalista, Anova, e argallou unha fronte de esquerdas que foi menos ampla do que quixera pero cuxos resultados resultaron mellores do que nunca pensara. O seu valor intelectural e a impresión de ser o único capaz de enfrontarse a Feijóo de maneira contundente fixeron o resto.

Yolanda Díaz tendeu a man publicamente a outras forzas de esquerda antes do verán, pero os contactos informais viñan de antes

Non foi el só. Yolanda Díaz teimou pola Syriza galega desde hai tempo, consciente de que os apoios de EU eran insuficientes para artellar unha alternativa ás forzas parlamentarias e á esquerda representada na Cámara galega. “Nós sós non chegamos”, dicía a coordinadora xeral de Esquerda Unida nunha entrevista en Praza a mediados de xuño na que tendía a man publicamente a outras forzas progresistas, nomeadamente a unha Anova que daba os primeiros pasos.

Pero en privado, os contactos informais e persoais viñan de moito antes, ademais de ser reforzados logo nas asembleas locais e comarcais daquel chamado Novo Proxecto Común e no que confluíron en moitas ocasións membros de Encontro Irmandiño e Esquerda Unida.

No Día da Patria, o 25 de xullo, o que eran conversas e proxectos explicitáronse na oferta que Beiras fixo á esquerda galega e a “forzas de esquerdas que acepten o dereito de autodeterminación” para conformar unha fronte ampla de cara ás futuras eleccións autonómicas, que nin tan sequera estaban convocadas. A alusión era directa a Esquerda Unida, cuxas bases tiñan bastante claro xa o seu apoio á converxencia con outras formacións progresistas.

Anova e EU fixeron visible a súa colaboración e as bases apoiaron maioritariamente a converxencia electoral. Aludindo á Syriza grega ou á Fronte Ampla do Uruguai, fixeron chamamento á unión doutras forzas ao proxecto, incluído un BNG que, por razóns obvias, nin pensou tan sequera na idea. Compromiso por Galicia, a outra póla que quedaba do galeguismo ou nacionalismo progresista, amagou e malia que nun principio rexeitaba entrar nunha fronte xunto a “forzas de obediencia estatal”, acabou apoiando a confluencia das tres forzas por mandato das súas bases. Era demasiado tarde. As descualificacións dun lado a outro entre EU e CxG e o avanzado do acordo entre Anova e a formación de Yolanda Díaz impediron a creación dunha plataforma electoral aínda máis ampla.

Alternativa recolleu e fixo útiles votos de EU, pero tamén apañou apoios dos desencantados coa política ou con outras forzas progresistas

Aínda así, Equo e Espazo Ecosocialista, que abandonou Compromiso por Galicia, integráronse nunha coalición na que a forza principal residía en Beiras e en Esquerda Unida. Aí estivo a súa forza. En recoller votos -e  facelos útiles- dunha EU que estaba en claro ascenso en Galicia pero que era incapaz de acadar o mínimo do 5% para entrar no Parlamento. Pero tamén en apañar apoios nacionalistas fieis a Xosé Manuel Beiras e daqueles desencantados coa forma de facer política e con líderes que carecen da relevancia mediática e mobilizadora dun dos fundadores do BNG.

Con escasos medios pero con ilusión -e co apoio mediático de grandes poderes que buscaron no seu éxito a derrota doutros- AGE foi sumando e sumando na campaña. Con mensaxes claras, directas e sen ambigüidades, os mitins foron aumentando en aforo e afluencia cada día. E sen bandeiras partidistas. Aí radicou parte do seu éxito, nunha estratexia copiada da Syriza grega e que engadiu figuras simbólicas como o "zapatazo" de Beiras que se converteu en símbolo.

Non conseguiu o seu principal obxectivo, que non era outro que “desaloxar o PP”, pero si abriu unha nova época política en Galicia, onde a oposición xa non é bipartita, senón tripartita. A esquerda dividiuse e a dereita reforzou a súa maioría absoluta ante o descalabro de Bloque e, especialmente, do PSdeG. Moitas persoas que votaron a estes dous partidos en 2009 quedaron esta vez na casa.

Beiras advirte que AGE "non son dous grupos senón unha alternativa con unidade de acción e programa común"

Agora, queda ver como se organiza esa Alternativa Galega de Esquerdas no Parlamento e nas numerosas vilas e cidades onde conta cun apoio que nin os máis optimistas agardaban. Beiras, nunha entrevista na Cadena Ser, advertiu rotundamente que a unidade de acción e común é para longo. “Somos mestizos como os mulatos que melloran moito a raza, non somos dous grupos cada un polo seu lado como unha plataforma para apañar votos. Somos unha alternativa cunha unidade de acción e cun programa común e seguiremos así mentres dure a lexislatura, que non sei canto durará”, rematou. Ao tempo, César Santiso, voceiro de EU na Coruña, abriu xa a porta a “todas as forzas de esquerdas” que se queiran unir a unha fronte “que será maioría”. Para iso, seguramente, aínda haberá que agardar.

Beiras e Yolanda Diaz Dominio Público AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.