O presidente di que espera dar "unha gran alegría" a Feijóo nas eleccións galegas
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, acusou este xoves a esquerda de querer que Vox teña forza en Galicia, onde esa formación só logrou en toda a súa historia un único concelleiro, para así debilitar o PP. Así o dixo na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta, na que tamén asegurou que espera dar "unha gran alegría" a Feijóo cos seus resultados nas próximas eleccións galegas, cuxa data concreta antes do próximo setembro depende exclusivamente da súa decisión.
Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno por unhas declaracións do secretario de Organización do PP estatal, Miguel Tellado, antes secretario xeral do PPdeG, quen nunha entrevista radiofónica pediu a Vox que non se presente ás eleccións galegas para evitar dividir o voto da dereita.
A resposta de Rueda foi amosar a súa sospeita de que "a esquerda estará encantada dese anuncio de Vox". Segundo o presidente popular, os partidos de esquerda "sempre son os máis interesados en que Vox teña forza", pero amosou a súa esperanza en "non depender de Vox nin de ningún partido" para seguir sendo presidente da Xunta.
A Rueda tamén lle preguntaron quen ten máis en xogo nos próximos comicios galegos, el ou Feijóo. Segundo dixo, o seu obxectivo "vai ser ter éxito". E engadiu, a respecto do líder estatal da súa formación e ex-presidente da Xunta, que espera "que leve unha gran alegría na noite electoral".