Manuel Fraga deixa o PP e ficha por Vox. A frase é literalmente certa e é resultado da fichaxe dun dos netos do falecido presidente da Xunta pola formación de extrema dereita, que dende o pasado 26 de maio conta con tres escanos no Parlamento Europeo. Manuel Fraga Pedroche, que segundo o seu perfil profesional público exerceu estes labores na Eurocámara dende o ano 2012, continuará facéndoo na nova lexislatura, pero traballando para Vox.
Manuel Fraga Pedroche era asistente do PP na Eurocámara dende 2012; agora traballará no mesmo posto para os tres eurodeputados de Vox
Tal e como adiantou El Independiente, o partido confirma o cambio de postos que xa reflicte tamén oficialmente o Parlamento Europeo. Tras sete anos a traballar como asistente para o PP, Fraga Pedroche é xa a todos os efectos "asistente acreditado" de Hermann Terstch, Jorge Buxadé e Mazaly Aguilar, os tres representantes de Vox na nova lexislatura europea.
Estes asistentes acreditados son seleccionados directamente por un ou varios deputados para asesoralos no seu labor e legalmente son empregados do Parlamento Europeo. Traballan nas dependencias do lexislativo comunitario en Bruxelas, Estrasburgo ou Luxemburgo e "asisten directamente os deputados no seu traballo, baixo a súa dirección e autoridade e sobre a base dunha confianza mutua", detalla a Eurocámara. Cada un deles ten como límite salarial o dun eurodeputados -uns 6.000 euros brutos mensuais-.

Estes asistentes son seleccionados directamente por un ou varios deputados e legalmente son empregados do Parlamento Europeo
Fraga Pedroche pon fin así a unha andaina que iniciou como empregado dos representantes do PP na Eurocámara pouco despois de rematar os seus estudos de Dereito na Universidade Complutense de Madrid, segundo o seu currículo público. Na lexislatura europea que vén de rematar (2014-2019) foi asistente de varios eurodeputados do PP, entre eles Esteban González Pons.
Nas eleccións do 26M Vox tivo unha escasa penetración no electorado galego. A diferenza doutros lugares, nos comicios ao Parlamento Europeo este partido non chegou nin ao 3% de apoio cidadán en Galicia.