Rueda pide unha campaña "centrada en Galicia" para evitar que a Xunta sexa "un trofeo para Pedro Sánchez"

Alfonso Rueda, no acto de proclamación como candidato á Presidencia da Xunta © PPdeG

Alfonso Rueda foi proclamado este domingo como candidato á Presidencia da Xunta polo PP. O presidente en funcións aspira a revalidar nas urnas un cargo que nos dous últimos anos ocupou trala marcha de Núñez Feijóo á política estatal e en Compostela, ante 1.500 persoas, pediu á militancia do Partido Popular "non caer no conformismo e a non dar nada por gañado", malia as enquisas favorables que prevén unha nova maioría absoluta para o PP.

O candidato popular cargou contra as forzas da oposición, reclamando unha Galicia "que non sexa unha do independentismo, nin un trofeo para Pedro Sánchez, nin unha multipropiedade a repartir entre partidos"

No acto, no que tamén interviron o presidente local do PP de Santiago de Compostela, Borja Verea; a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; e o alcalde da Estrada, José López Campos, Rueda pediu unha campaña “centrada en Galicia e que fala de Galicia”.

Malia demandar unha campaña “afastada da descualificación, da tensión, da crispación, de levantar muros e de falar mal de Galicia”, o candidato popular cargou contra as forzas da oposición, reclamando unha Galicia "que non sexa unha do independentismo, nin un trofeo para Pedro Sánchez, nin unha multipropiedade a repartir entre partidos".

Acto de proclamación de Rueda como candidato á Presidencia da Xunta © PPdeG

Rueda afirmou que o que o PPdeG se enfronta a “un señor na Moncloa que só vén a Galicia en Falcon a facer promesas que nunca cumpre” e "a todos aqueles que dicían que nunca aprobarían unha lei de amnistía nin condonarían a débeda a Cataluña a costa de 400 euros de cada galego”

Así mesmo, Rueda afirmou en que na política “non todo vale” e que “non todo xustifica unha vitoria” e dixo que o que o PPdeG terá en fronte nestas eleccións será “un señor na Moncloa que só vén a Galicia en Falcon a facer promesas que nunca cumpre” e "a todos aqueles que dicían que nunca aprobarían unha lei de amnistía nin condonarían a débeda a Cataluña a costa de 400 euros de cada galego”.

Finalmente, o candidato do PP repetiu as súas críticas contra "o barullo e a demagoxia" que para el domina o espazo da esquerda en Galicia, pedindo demostrar "que nós somos os máis galegos porque somos xente comprometida no que cremos: o sentidiño, a verdade, as certezas, a confianza e a estabilidade".

No acto, Rueda reivindicou a xestión realizada polo PP nos últimos anos na sanidade, vivenda, sector primario dependencia ou investigación

Alfonso Rueda destacou o traballo dos presidentes conservadores que o precederon na Xunta, seguindo “o autonomismo pioneiro” de Xerardo Fernández Albor, o “orgullo de ser” que Manuel Fraga devolveu aos galegos e a “capacidade de xestión” de Alberto Núñez Feijóo.

No acto, Rueda reivindicou a xestión realizada polo PP nos últimos anos, afirmando que Galicia é "a comunidade na que menos medrou a débeda, a única na que a educación infantil é gratuíta, a que ten o calendario de vacinación máis completo do mundo, a que conxela as súas peaxes". 

Alfonso Rueda, no acto de proclamación como candidato á Presidencia da Xunta © PPdeG

Tamén reivindicou que Galicia é a comunidade "que coida aos seus dependentes, a que ofrece estabilidade aos seus investigadores, a que acolle cos brazos abertos aos retornados, a que aposta polas enerxías renovables, a que amplía o seu parque de vivenda pública, a que ten as universidades máis baratas e a FP máis potenciada, a que bate récords de turismo, a que aposta polo rural e o sector primario, a que apoia aos autónomos e ás vítimas de violencia de xénero e a que ten unha das mellores sanidades públicas de toda España".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.