Rueda carga contra os "riscos que ameazan o marco constitucional" nun discurso de Fin de Ano con ton electoral

Rueda durante a gravación da súa segunda mensaxe de Fin de Ano como presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente fai repaso a algunhas das súas políticas e salienta que "neste 2024, Galicia escollerá en liberdade e con plena autonomía o seu camiño para os próximos anos"

O tradicional discurso televisado de Fin de Ano do presidente da Xunta, o segundo que pronuncia Alfonso Rueda, foi empregado por este para cargar novamente, como o ano pasado, contra o Goberno de España. Se hai un ano amosaba unha Galicia supostamente agraviada polo reparto estatal de fondos europeos, desta volta o agravio pon o foco, sen citalo, en Catalunya e os "riscos que ameazan o marco constitucional". Foi nun discurso que, a menos de dous meses para as eleccións galegas, tivo un claro ton electoral, con repaso ás políticas da Xunta e apelando a escoller "en liberdade".

O discurso de Rueda foi gravado no Pazo de Xelmirez, onde en decembro de 1981 comezou a funcionar o Parlamento de Galicia e a autonomía, feitos aos que fixo referencia o presidente para asegurar que "todo o que hoxe somos, non nos veu regalado" e "cómpre defendelo cada día". 

"Hoxe, como daquela", proseguiu, "existen riscos que ameazan o marco constitucional que durante todo este tempo amparou o progreso de Galicia". E, empregando a terminoloxía coa que o PP vén cargando contra as políticas do Goberno de España para Catalunya, Rueda proclamou que "a igualdade entre os cidadáns, os lazos de fraternidade que nos unen e a credibilidade do marco legal que nos protexe non deberían estar xamais en negociación".

"Aínda nos queda moito por facer" e "este vai ser un gran ano para Galicia", di Rueda no discurso, gravado no Pazo de Xelmirez no que comezou a funcionar o Parlamento hai agora 42 anos

O discurso do presidente, a menos de dous meses da cita coas urnas do 18 de febreiro, tamén tivo un ton electoral ao reclamar "reforzar unidos unhas institucións que canalicen e amplifiquen a voz do noso pobo". "Neste 2024, Galicia escollerá en liberdade e con plena autonomía o seu camiño para os próximos anos", dixo, para a continuación facer balance das políticas do seu goberno e asegurar que "son moitos os motivos para sentirnos orgullosos da Galicia na que vivimos".

Rueda durante a gravación da súa segunda mensaxe de Fin de Ano como presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda gabou unha Galicia co "calendario de vacinación infantil máis completo", "na que a educación é gratuíta desde que se chega gateando ata que se sae co primeiro título debaixo do brazo" ou "unha terra líder en enerxías limpas". Pero tamén admitiu que "aínda nos queda moito por facer", como "mellorar a sanidade", "redobrar a aposta pola I+D+i" ou "eliminar as situacións cotiás" de machismo e desigualdade.

Rueda rematou como empezou, facendo novamente referencia aos inicios no Pazo de Xelmirez dunha autonomía galega que "continúa madurando, avanzando e prosperando grazas ao conxunto das galegas e galegos", aos que desexou un feliz 2024. "Que este sexa, vai ser, un gran ano para Galicia", rematou.

Rueda durante a gravación da súa segunda mensaxe de Fin de Ano como presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.