Besteiro ofrece as renovadas listas electorais do PSdeG ao "galeguismo útil" para "concentrar o voto na candidatura gañadora"

Besteiro no Comité Nacional Galego que aprobou este martes as listas electorais para o 18F CC-BY-SA PSdeG

Só repiten catro deputadas ou deputados dos 14 que compoñen o actual grupo parlamentario

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, ofreceu ao "galeguismo útil" as renovadas listas electorais do seu partido para o 18F, aprobadas este martes no Comité Nacional Galego, para "concentrar o voto na candidatura gañadora". O socialista defendeu as candidaturas, compostas por "mulleres e homes á altura de representar aos cidadáns desta terra como se merecen", como "un equipo que se envorcará en construír o mellor futuro para Galicia". 

As listas agora a aprobadas, con cambios a respecto das propostas polas agrupacións socialistas de rango inferior e que serán validadas este mércores polo PSOE estatal, presentan unha notable renovación a respecto do actual grupo parlamentario do PSdeG, no que só repetirían catro deputados ou deputadas no caso de repetirse uns resultados similares aos de 2020.

Listas electorais do PSdeG para o 18F CC-BY-SA Praza Pública

Ademais do xa coñecido encabezamento de Besteiro na lista por Lugo, na que a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, será a segunda, na Coruña a candidatura socialista será liderada por Patricia Iglesias Rey, letrada do Consello de Contas, seguida do ex-reitor da Universidade da Coruña Julio Abalde. En Ourense a cabeza de lista será a xa deputada Carmen Rodríguez Dacosta mentres que en Pontevedra os primeiros serán dúas persoas da máxima confianza do alcalde de Vigo, a concelleira e ex-ministra Elena Espinosa e o seu portavoz municipal, Carlos López Font. Ademais da ourensana Rodríguez Dacosta, os outros deputados ou deputadas actuais con posibilidades de repetir son os pontevedreses Paloma Castro, Xulio Torrado e Leticia Gallego.

"Só cun Partido Socialista forte haberá cambio de goberno en Galicia", di Besteiro

Na súa intervención no Comité Nacional Besteiro subliñou que "só cun Partido Socialista forte haberá cambio de goberno en Galicia" e emprazou á mobilización para que o PSdeG lidere o "cambio de era" que a sociedade galega está a pedir maioritariamente. 

O socialista advertiu que a dereita "teme" un PSdeG "forte, ben conectado co Goberno do Estado e que sexa quen de levar a cabo melloras importantes, que se sintan na vida dos galegos e das galegas, ese é o proxecto que lles traemos os socialistas". Resumiu que "a dereita esgotou o seu tempo e o cambio correspóndenos lideralo aos socialistas", para o que pediu a mobilización das últimas dúas convocatorias de eleccións xerais e municipais.

Besteiro no Comité Nacional Galego deste martes CC-BY-SA PSdeG

O candidato socialista dirixiuse á cidadanía para "pedir que, se nos deron a confianza para que a dereita non puidese gobernar España, nos volvan dar a súa confianza para que a dereita non siga gobernando Galicia" e animou á estrutura do partido a "despregarnos por toda Galicia, vencer á manipulación que fabrica a dereita e gañarnos a pulso a confianza dos galegos e das galegas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.