Ruído, desaloxo do pleno, berros de "traidora", insultos e moita tensión no pleno do Concello de Lugo, o último previsto antes de que a vindeira semana, agás sorpresa, saia adiante a moción de censura que situará a popular Elena Candia na alcaldía.
Foi nunha nova xornada de mobilización cidadá contra esa moción de censura prevista para o próximo 7 de maio tras un pacto entre o PP e a concelleira tránsfuga María Reigosa. Convocadas pola plataforma Transfuguismo non, democracia si, centos de persoas concentráronse diante da Casa Consistorial, pouco antes do último pleno previsto co goberno en coalición de PSdeG e BNG no poder.
Centos de persoas volveron mobilizarse contra a moción de censura no último pleno antes da chegada de Elena Candia á alcaldía: "A vontade popular debe ser respectada"
Foron 3.000 as e os asistentes segundo a plataforma, que denunciou un "atropelo democrático" e chamou á reflexión e á rectificación de Reigosa e de Elena Candia, líder do PP en Lugo e futura alcaldesa se triunfa a moción. "A vontade popular debe ser respectada, garantindo a estabilidade dun executivo progresista que represente os intereses da veciñanza", explicou Lois Pérez, portavoz do colectivo.
"Candia, atende, Lugo non se vende", escoitouse. Con aplausos ao alcalde, Miguel Fernández, na súa entrada, e o apoio de representantes do BNG e do PSdeG, como o secretario xeral dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro, a mobilización foi menos numerosa que a da pasada semana pero volveu xuntar centos de persoas.
Besteiro pide explicacións a Rueda por unha moción "indecente e antidemocrática"; Arroxo advirte dunha situación "escandalosa e inédita, en contra do sentir cidadán"
Precisamente, Besteiro pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicacións por amparar unha moción de censura "indecente e antidemocrática" en Lugo. Na mobilización tamén estivo presente a secretaria de Organización do partido, Lara Méndez, e a concelleira portavoz do Goberno de Lugo, Ana Abelleira, e outros cargos socialistas, así como representantes do Bloque, entre eles o tenente de alcalde, Rubén Arroxo.
O tamén portavoz do BNG no Concello cualificou a xornada de "defensa da democracia" ante unha situación "totalmente escandalosa, inédita e que vai totalmente en contra do sentir cidadán". "Á xente non lle está gustando este golpe de estado municipal", insistiu Arroxo, que agradeceu a mobilización da cidadanía.
O pleno tivo que ser suspendido polos insultos e o lanzamento de moedas a Reigosa ata que as persoas mobilizadas foron desaloxadas
Antes, a que se prevé futura alcaldesa, a popular Elena Candia, compareceu ante os medios xunto á secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. A líder dos populares en Lugo reclamou ao goberno local que asuma "con elegancia" a moción de censura e abandone o "discurso de odio", ademais de asegurar que logo da marcha da edil Reigosa ao grupo de non adscritos, o PP tiña "a obriga" de intentar facerse coa alcaldía e definiu a moción como "de impulso".
Tensión desbordada
No pleno, a tensión desbordouse. Era o último antes do extraordinario que votará a moción de censura. Foron varias ducias de persoas as que puideron entrar e apuparon a concelleira tránsfuga María Reigosa. Aos poucos minutos, o ambiente quentouse ao escoitarse berros e insultos contra a edil, pero tamén contra Elena Candia e o resto de concelleiros do PP.
Tamén se lanzaron moedas e houbo numerosos insultos e acusacións de "traidora" á edil tránsfuga, ata que o alcalde acabou ordenando desaloxar as persoas que berraban logo de suspenderse durante uns minutos o pleno. "Protexan a concelleira María Reigosa", tivo que dicir o rexedor dirixíndose aos policías locais presentes e logo de que a afectada denunciase que lle acababan de tirar un obxecto.
"Xudas vendeuse por 30 moedas", rezaba a pancarta despregada polas persoas mobilizadas. "Reigosa, tránsfuga, chaquetera, traidora", líase nalgúns dos carteis no exterior.