"Goberno lexítimo de Lugo": PSdeG e BNG únense na marcaxe a Candia para "evitar a paralización tras a censura"

Miguel Fernández e Rubén Arroxo, aínda como alcalde e tenente da alcaldía, agradecen dende o balcón do Concello o apoio veciñal minutos antes da moción de censura, este pasado 7 de maio CC-BY-NC-SA PSdeG

Socialistas e nacionalistas acordan "reunións periódicas" para "supervisar os proxectos deixados en marcha e garantir a súa execución conforme ao aprobado nos orzamentos" de 2026

As semanas previas á moción de censura coa que o PP logrou este xoves a alcaldía de Lugo grazas ao apoio dunha tránsfuga ex-socialista que chegou a concelleira pola morte dun compañeiro deron lugar a situacións e escenas pouco habituais na cidade. Dende unha notoria mobilización veciñal por unha causa política estritamente local ata xestos de aberta complicidade e mesmo unidade entre PSdeG e BNG que transcendían o feito de compartiren goberno para iren máis alá, mesmo ao emotivo e persoal.

Tanto socialistas como nacionalistas admiten, cadaquén dende a súa perspectiva, que unha das claves para que Elena Candia perda a alcaldía nas eleccións de 2027 pasa por manter eses espíritos nos doce meses que restan cara á cita coas urnas. E nesa lóxica semella encadrarse a iniciativa conxunta que veñen de pactar ambos grupos: realizaren marcaxe conxunta ao gabinete do PP emanado da censura reivindicándose unidos como "Goberno lexítimo de Lugo".

Concentración da plataforma 'Transfuguismo non, democracia si' ás portas do Concello de Lugo unha hora antes do pleno da moción de censura 7 de maio de 2026 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Nun comunicado conxunto, socialistas e nacionalistas lucenses explican que este mesmo venres "o Goberno lexítimo de Lugo mantivo unha primeira xuntanza de traballo" tras a censura para "establecer unha folla de ruta de seguimento e coordinación que permita supervisar o desenvolvemento dos proxectos estratéxicos deixados en marcha, garantir a súa execución conforme ao aprobado nos orzamentos municipais" o pasado marzo e "evitar calquera paralización". Nese encontro pactaron, asemade, manteren "reunións periódicas" co mesmo obxectivo.

Fernández e Arroxo reivindícanse como "goberno lexítimo" e explican que se dispoñen a "velar por que a cidadanía non se vexa prexudicada" por unha "operación política" do PP coa tránsfuga que "introduce incerteza sobre actuacións fundamentais" para a cidade

Os grupos que lideran os ata agora alcalde e tenente da alcaldía, Miguel Fernández e Rubén Arroxo, sinalan que o pactado non é máis ca "un exercicio de responsabilidade política" para, cunha "análise detallada do estado de execución dos distintos proxectos" que promoveron dende o gobenro local, " velar por que a cidadanía non se vexa prexudicada por decisións alleas ao interese xeral" como as que, consideran, motivaron a moción de censura do PP coa concelleira tránsfuga. Procurarán, ao cabo, "preservar o traballo realizado".

O actual escenario político da cidade, considera Miguel Fernández, "non pode converterse nun freo para proxectos que nacen para mellorar a cidade e para ampliar dereitos, servizos e oportunidades para a veciñanza". Por iso "defenderemos cada iniciativa útil para esta cidade coa mesma responsabilidade coa que foi impulsada, porque os intereses de Lugo deben estar sempre por riba de calquera cálculo político ou de calquera interese particular", afirma.

Intervencións de Miguel Fernández, Rubén Arroxo e Elena Candia durante o pleno da moción de censura CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Concello de Lugo

Neste sentido, Rubén Arroxo advirte de que o goberno da esquerda deixou "unha base sólida sobre a que seguir construíndo futuro" e "a cidadanía non pode ser quen pague as consecuencias dunha operación política que introduce incerteza sobre actuacións fundamentais para o desenvolvemento da cidade". O "seguimento constante" de PSdeG e BNG procurará que "ningún proxecto comprometido quede paralizado ou relegado" porque "o que está en xogo non é só unha acción de goberno" senón "un modelo de cidade construído co esforzo colectivo de moitas persoas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.