A Asociación de Medios en Galego volve xuntar esforzos con PuntoGal e Dinahosting na iniciativa 'Subscríbete ao galego' do 17 ao 31 de maio
As vésperas do Día das Letras Galegas e, por extensión, o conxunto do mes de maio son datas propicias para a reflexión en torno aos xeitos de lle dar folgos ao idioma. En Praza.gal levamos case década e media poñendo en práctica unha desas vías: contar o que sucede no país e no mundo naturalmente en galego.
Por fortuna, non o facemos en soidade. Moitas das cabeceiras informativas que traballan cada día en galego colaboramos na Asociación de Medios en Galego, que un ano máis xunta esforzos con PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego en internet, e mais coa provedora de servizos Dinahosting para celebrar cun agasallo especial o xornalismo en galego mediante a iniciativa Subscríbete ao galego.
En virtude desta alianza, todas as persoas que se fagan socias de Praza.gal dende o propio Día das Letras, 17 de maio, e ata o día 31 do mesmo mes -incluído- disporán dun dominio .gal e dun servizo de aloxamento web -hosting- durante un ano completamente de balde. Ou, o que é o mesmo, un agasallo valorado en algo máis de 170 euros.
Todas as novas socias e socios que se sumen a Praza.gal nestas datas recibirán o agasallo, que se engade a vantaxes habituais como a devolución de ata o 80% da achega anual a través da declaración da renda
Para ser socia ou socio de Praza.gal só cómpre encher o formulario do noso web elixindo un pagamento mínimo de 5 euros ao mes durante un ano (60 euros anuais) en calquera das modalidades de achega periódica das que dispomos. Nos primeiros días de xuño as persoas que se desen de alta como socias de Praza do 17 ao 31 de maio recibirán un código que poderán utilizar en Dinahosting ata o 30 de xuño -inclusive- e recibiren así o seu .gal e o seu servizo de hosting gratuíto por un ano que permite, por exemplo, dispor dunha conta de correo profesional con dominio .gal.
Este agasallo engádese ás vantaxes habituais por seres de Praza.gal. Entre as principais, recibires a devolución de ata o 80% das túas achegas a través da declaración da renda, xa que as cotas das socias e socios son doazóns á nosa editora, a Fundación Praza Pública -tes nesta ligazón toda a información-.
Con esta nova promoción conxunta, a Asociación de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal procuran "promover unha maior presenza da nosa lingua na Internet" e, ao tempo "contribuír a fortalecer os medios participantes". Trátase, abonda a asociación de "ofrecer valor engadido ás persoas que decidan subscribirse é unha fórmula eficaz para ampliar a base social e reforzar a presenza e a relevancia dos medios en galego".